2.5.24

Limpeza da praia de Portelo

O martes pasado, era un día tristón con vento do Nordés, deses días que adoita haber no inverno en Burela. Como os de aquí xa estamos acostumados, pola tarde había unha actividade organizada polo instituto na praia; o plan invitaba a pasar frío. Con este panorama non apetecía saír, e menos á praia, pero ámbalas dúas xa tomaramos a decisión. 

Chegamos un chisco tarde. Había un intre que comezara a explicación. Temos tantas actividades que é case imposible cadrar as horas. Sentamos xuntas na clase, entón xa tiñamos acordado pola mañá o de quedar na praia, polo que nos foi imposible volvernos atrás. A actividade era de recollida e limpeza de refugallo. Supuxemos que se trataba de que nos sensibilicemos e nos decatemos do que pasa co medio ambiente. É unha magoa ver como moito do material de refugallo abandonado ou vertido acaba no mar. E témonos que dar conta de que o mar, como din os vellos, cospe outra vez todo para as praias e os cantís. No caso dos plásticos é peor, as ondas e o vento convértenos en cachiños diminutos que se chaman microplásticos e estes rematan na barriga dos peixes e ao final tamén na nosa. 

Voltando á saída, estivemos con Charo, a profe de Bioloxía, e o seu cadeliño “Rayo”. Recollemos durante aproximadamente corenta minutos todo tipo de lixo, clasificámolo en: plásticos, cabichas e produtos de hixiene. As cabichas, explicáronnos que eran moi prexudiciais para o medio ambiente. Por un lado, tardan en degradarse e, por outro, serven de alimento aos peixes que despois consumimos. 

Tamén nos fixemos conscientes de que temos que ter coidado co que tiramos polo wc ou polos sumidoiros. Debe ser por iso que en Burela hai moitos pintados con polbos e peixes para que pensemos neles. Todo acaba no mar, e puidémolo comprobar recollendo compresas, tampóns, plásticos varios... 

En xeral, podemos concluír, polo tanto, que foi unha saída positiva tanto polo que aprendemos como polo divertida que resultou a xuntanza. Pasámolo moi ben as dúas rindo e xogando cos dous canciños que tamén participaron. 

Sempre temos que pensar que cada un de nós ten o poder de cambiar as cousas cada día.

Accede ás fotografías aquí.

Carme Alonso e Karen da Costa – 3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...