3.4.25

Visita a Correos do CB de Servizos Administrativos

O 18 de marzo o alumnado de 1º de Ciclo Básico de Servizos Administrativos visitamos a oficina de correos de Burela. 

Chegamos sobre as 10:30 da mañá e alí recibiunos o director, Manuel. Antes de entrar explicounos un pouco como funcionaba todo. Despois entramos e quedamos na entrada vendo os apartados de correos, unha especie de pequenos departamentos para recibir correspondencia polas que as empresas e algún que outros particulares pagan uns 80€ o ano. Ti pagas esa cantidade de diñeiro e tes unha desas caixas do correo ao teu nome, é dicir, a xente pode ir alí e depositar as cartas para ti nese “buzón” que se encontra, como xa dixen, na entrada da oficina de correos. 

Logo de estar alí un anaco facendo algunhas preguntas e escoitando todo o que nos contaba, entramos na zona de admisión ou oficina de atención ao cliente. Alí Toni, unha das traballadoras, contounos un pouco o que se podía facer en Correos xa que podes desde enviar cartas e paquetes ata realizar trámites da DXT, comprar libros, facer devolucións, rascas da once... Tamén nos falou sobre as cartas certificadas e os avisos de chegada. Alí nos explicou un pouco de todo, sempre con boa cara e de forma moi amena. 

Despois entramos na zona de tramitación, un almacén onde se deixan os paquetes que non se chegan a entregar na casa e onde se gardan os que se envían cando alguén fai un pedido por internet e marca Correos como punto de entrega. Tamén falamos sobre os burofax e a súa fiabilidade, xa que un burofax, cando o escribes, entrégase co texto tal cal foi escrito, sen ningún erro. 

Ao rematar alí accedemos á ultima zona da visita, a zona de reparto ou zona de distribución. Alí recibiunos Teresa, unha rapaza que fora un anaco antes facer reparto a Cervo. Explicounos que había dous tipos de repartidores, os de rural e os de urbano. Ela era de rural e explicounos como eran as rutas e como estaban distribuídas. Tamén nos dixo que as cartas antes de ser entregadas ao domicilio tiñan que ser enviadas a Santiago, por iso unha carta tarda case o mesmo en chegar a Madrid que en chegar a Xove. Ensinounos tamén onde veñen os paquetes nos camións, veñen nuns “carriños” chamados “xaulas”. 

Mostrounos despois un aparello chamado PDA. Era un lector de código de barras que utilizan para confirmar a entrega dun pedido, para recoller a firma do cliente ou mesmo para facer chamadas. Tamén nos explicou a diferenza entre cartas normalizadas e non normalizadas. As cartas normalizadas son as que teñen tamaño estándar, as de toda a vida, e as non normalizadas son as que teñen tamaños inusuais.

Para finalizar fixemos unha rolda de preguntas totalmente improvisada. Ela contounos moitas cousas e nos preguntamos moitas cousas tamén. Falamos sobre os estudos necesarios, sobre os vehículos utilizados (coche, moto, a pé...), sobre as prácticas... 

Xa ao rematar, algúns alumnos agardamos fóra xa que a nosa titora aproveitou a visita para realizar uns trámites e, mentres estabamos fora comendo algo, chegou un repartidor e estivemos falando con el. Explicounos de que zona viña, por que ía na moto e moitas cousas máis. 

Foi unha visita moi amena e entretida. Dende o principio fomos recibidos con moi boa cara, con educación e respecto. O mesmo recibiron eles pola nosa parte. Produciuse algún que outro percance pero nada importante que non nos permitira continuar coa visita. Foi moi interesante e totalmente recomendable.

Días despois, para continuar aprendendo sobre a correspondencia, na biblioteca realizamos un taller de ensobrado. 

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Karen da Costa Pérez - 1º CB Servizos Administrativos
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...