Este ano a Semana do Benestar Emocional e da Convivencia tivo lugar do 24 ao 28 de marzo. Durante eses días, no IES Perdouro leváronse a cabo diversos tipos de actividades. O noso grupo de 1º de ciclo básico de Servizos Administrativos participou en tres delas.
A primeira actividade tivo lugar o mércores 26 de marzo e consistiu nun taller de baile que impartiu unha rapaza de Foz chamada Pili. Na pista do instituto, xunto ao alumnado de 3º e da ESO organizámonos en filas e comezamos a bailar ao ritmo de diferentes cancións, todas elas moi pegadizas. A medida que avanzaba a clase faciamos bailes máis emocionantes, divertidos, entretidos e con moita actividade física.
Ese mesmo día acudimos a un taller de asesoría de imaxe persoal impartido polo alumnado do ciclo medio de Peiteado e Cosmética Capilar. Como na nosa clase somos un total de catorce persoas, dividímonos en dous grupos.
No meu caso, en primeiro lugar, estudáronme o pelo a través dunha cámara para saber se o tiña graxo, con moita ou pouca densidade, como tiña as puntas, etc. A continuación, fixéronnos un tratamento nas mans con parafina para hidratarnos a pel; mentres tanto, fixemos un kahoot para comprobar o que aprenderamos.
A segunda parte do taller consistiu en ver a forma da nosa cara, os seus trazos, proporcións, etc. Para finalizar ensináronnos un vídeo para ver como lavar o pelo correctamente e preguntáronnos se o coidabamos, se botabamos produtos, etc.
A terceira e última actividade foi un taller de meditación dirixido por Hugo, un profesor que imparte clases en Viveiro e Burela. Comezamos a clase facendo estiramentos durante trinta minutos e, cara ao final, deitámonos no chan para relaxarnos cos sons que facía el mediante instrumentos como maracas, cuncos tibetanos e algún outro.
Outras actividades levadas a cabo foron charlas sobre resiliencia ou sobre as emocións na publicidade; talleres de maxia impartidos polo profesor Alfredo Llano; talleres de malabares e obradoiros de regueifas.
Na miña opinión, todas as actividades foron moi interesantes, pero a min a que máis me gustou foi o taller de meditación xa que me relaxou moito e me fixo descubrir algo que eu non sabía que me podía axudar tanto como é o ioga. Aínda así, volvería repetir calquera das tres actividades.
Agardo que para o curso que vén volvan celebrar esta semana e recomendo a todo o alumnado que participe nas actividades xa que me parece moi divertido poder facelo dentro do instituto.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Ainhoa López Franco - 1º CB Servizos Administrativos
Sem comentários:
Enviar um comentário