27.4.25

O IES Perdouro vencedor da IV Olimpíada de Robótica da Universidade da Coruña

O pasado 4 de abril celebrouse no Campus de Ferrol a IV Olimpíada de Robótica, organizada pola Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC). No evento participaron arredor de cincuenta equipos, repartidos entre as categorías Promesas e Elite.

O alumnado do IES Perdouro competiu cunha actuación moi meritoria, logrando catro dos sete premios posibles, entre eles o do equipo vencedor absoluto na categoría Elite.

Había tres tipos de probas, nas que levabamos varias semanas traballando e preparando. A primeira era un segueliñas, que consistía en que o robot debía seguir unha liña marcada no chan e sortear os obstáculos. A segunda proba era o varredor, que consistía en localizar e expulsar catro latas de refresco nun ring circular sen saírse del. E a última proba era a de sumo, que consistía en expulsar ao opoñente do ring e que o teu robot permanecera nel.

Despois de cinco horas de competición con pequenas pausas para comer e descansar, remataron as probas e os máis de 200 estudantes que competimos dirixímonos ao salón de actos do campus, onde nos recibiron varias autoridades e profesorado da Universidade da Coruña. Despois de varias intervencións nas que felicitaron a todo o alumnado participante e falaron da Olimpíada e da Escola de Enxeñaría, continuaron coa entrega de premios.

O equipo Burela-bot, de 4º de ESO, proclamouse vencedor absoluto da Olimpíada, obtendo o premio Todoterreo (premio ao equipo máis regular). Ademais, o equipo Torques-bot quedou primeiro nas probas de sumo (premio Titán de Ouro) e de segueliñas (premio Correcamiños de Ouro). Nesta última proba, o equipo Reliño-bot quedou en segundo lugar (premio Correcamiños de Prata).

Despois de recibir os premios e de facer unhas fotos de grupo, fomos comer ao centro comercial Odeón e logo regresamos a Burela.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Antía Rodríguez Mon - 4º de ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...