Este luns 25 de maio tivo lugar no salón de plenos do Concello de Burela a presentación do n.º 93 da Revista Galega de Educación. Esta edición é un monográfico sobre a radio, un medio de comunicación moi efectivo como ferramenta educativa e cun gran potencial transformador no proceso de aprendizaxe.
Participaron no acto Rita Gradaílle Pernas, profesora titular de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, e Bernardo Penabade Rei, dinamizador sociocultural, defensor da inclusión e da multiculturalidade e profesor de lingua galega. Por parte do IES Perdouro, asistiron á presentación Miruca Parga, coordinadora da radio do centro; Karina Parga, directora técnica, e María García Jartín e Javier Mogo Torrado, profesores do departamento de Administrativo e colaboradores na produción e asesoramento do alumnado no estudio de radio.
Foron os estudantes os que dinamizaron a presentación entrevistando a Rita Gradaílle e a Bernardo Penabade. Do Ciclo Superior de Administrativo participaron Adela Castiñeira, Lucía López e Carla L. Martins. De 4º ESO, os entrevistadores foron Sara Villarquide e Hugo Fernández.
Rita Gradaílle destacou o papel da radio como recurso didáctico e puxo en valor as experiencias de diferentes centros educativos de Galicia, publicadas neste n.º 93 da revista. Salientou tamén o papel da lectura para conseguir fluidez á hora de expresarse oralmente, mais tamén á hora de redactar e de enriquecer o vocabulario.
Bernardo Penabade afirmou que a radio non serve só para mellorar a competencia lingüística e comunicativa, senón tamén para acrecentar a responsabilidade e dotar de madurez ao alumnado. Tamén manifestou a dificultade de levar adiante proxectos deste tipo, que reciben moitos apoios mentres son teóricos, mais que se atopan con considerables atrancos cando se poñen en práctica.
A conclusión de todos os docentes foi que a radio, como ferramenta didáctica, produce resultados moi satisfactorios e, en moitas ocasións, marca o futuro académico e profesional dos estudantes que participan nela.
Asemade, o medio radiofónico debe estenderse fóra das paredes das aulas e manter a interacción necesaria coa sociedade. Neste sentido, Miruca Parga, presentadora do acto, subliñou a colaboración mutua entre o IES Perdouro e o concello de Burela, representado polo tenente da alcaldesa, Mario Pillado.
Proxecto Neo, un programa con 15 anos de vida
A Revista Galega de Educación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega destacou a traxectoria de Proxecto Neo, o programa de radio escolar do IES Perdouro que naceu en 2012 co obxectivo de poñer en valor os neofalantes.
Este proxecto comezou en Radio Burela, emisora municipal desaparecida hai tres anos.
Actualmente, o estudio de gravación deste programa de periodicidade semanal está situado no IES Perdouro e o equipo de radio está formado por nove docentes do centro e máis de sesenta estudantes que participan de forma habitual, á parte doutros compañeiros que o fan de modo puntual. A responsable das reportaxes gráficas é a fotógrafa Lucía Rivas.
Unha ducia de rapaces son os locutores máis asiduos que, de xeito voluntario, acoden os mércores de 17:00 a 18:00h para gravar os guións dos programas semanais e as entrevistas telefónicas presenciais e telefónicas.
As seccións fixas do programa, con forma de podcast, soen elaborarse en horario de mañá.
Ademais disto, mensualmente emítese un espazo dedicado á saúde en colaboración coa Estratexia de Promoción da Saúde e de Prevención do concello.
Podes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Sem comentários:
Enviar um comentário