10.6.14

Publicación da revista escolar Maruxía nº 20

O vindeiro venres 13 de xuño no recreo, os alumnos/as de 1º de Bach. TIC liderado pola súa profesora Miruca Parga convídannos a achegarnos ata a biblioteca para asistir ao acto de presentación do novo número da revista escolar dos Matos. Desvelarannos os contidos do nº 20 asi como os momentos gratificantes deste traballo colaborativo. Maruxía 20 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este viguroso ano académico mais aí permanecerán plasmadas para o recordo algunhas delas.

9.6.14

Charla informativa de Médicos sen fronteiras - 4º ESO

Francisco Rodríguez, cooperante de Médicos sen fronteiras, informou aos alumnos de 4º ESO do labor desta ONG. Explicoulles as misións humanitarias e de cooperación desenvoltas pola organización médico-humanitaria internacional que asiste a pobos en situación precaria, e a víctimas de catástrofes e de conflitos armados, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política. Ademáis faloulles das súas recentes experiencias en Darfur (2008) no conflito e da crise de desprazados internos; en Zimbabwe (2008) coa epidemia de cólera; e en Haïti (2010) co post-terremoto e epidemia de cólera. Un encontro moi interesante que se fixo corto para poder contestar a todas preguntas que querían facer os alumnos.

Crónica da viaxe pola Mariña Oriental

María Basanta Rañón (1º ESO A)
Tania Valiña Eijo (1º ESO B)

O día 7 de maio os alumnos de 1º de ESO fomos de excursión pola Mariña Oriental. Ás 8,30 da mañá saímos nun autobús desde o Instituto cos titores, Toni e Charo, e o profesor de Relixión, Antón.

A primeira parada fixémola no Concello de Barreiros, preto da praia da Anguieira, onde puidemos ver a ría de Foz, na desembocadura do río Masma. De volta ao autobús continuamos a ruta vendo un ronsel de praias, que en marea baixa prolónganse varios quilómetros, e tamén vimos o exterior da Casa-Museo de Celso Dourado, un pintor que non ten mans e que pinta con dous nervios de cada muñeca.

Camiño de Ribadeo, paramos á altura da Praia das Catedrais onde soubemos que o nome orixinal deste lugar é “Praia de Augas Santas”.

Antes de entrar en Ribadeo, atravesamos a Ponte dos Santos para dirixirnos ao Concello de Castropol, en Asturias, onde fixemos unha breve parada para ver a fermosa ría de Ribadeo, desembocadura do río Eo.

O entorno do Cargadeiro chamounos a atención do ben conservado que está e a vista que desde alí se ve. Informáronnos que antigamente había unha línea de tren desde os fornos de A Pontenova que transportaba carbón ata este lugar e que aquí se cargaba nos barcos que logo os levaban aos altos fornos  de Asturias e do País Vasco. A carón do Cargadeiro vimos o Forte San Damián e o Albergue de Peregrinos.

Logo achegámonos ata a Illa Pancha para ver o Faro. Antón explicounos que na provincia de Lugo só hai tres faros: Illa Pancha (Ribadeo), A Atalaia (en San Cibrao) e Punta Roncadoira (en Xove). Os demais sinais reciben o nome de balizas. Tamén nos dixo que un faro transmite tres tipos de información: a través da pintura exterior, da luz intermitente, e do sonido da sirena (se a tén),  para cando hai néboa.

A mediodía chegamos á Praza de España. No tempo libre que nos deixaron comimos o bocadillo e, como acabamos rápido, tivemos tempo para xogar no parque, onde o pasamos moi ben.

Despois do descanso vimos desde fóra a Torre dos Moreno e paramos diante da Casa do Concello, antiga residencia do Marqués de Sargadelos, onde puidemos ver unha estatua súa nas escaleiras.

Por último entramos na Igrexa do Mosteiro de Santa Clara, un edificio que conserva rasgos de estilo gótico. Antes de saír puidemos falar cunha monxa que nos dixo que se dedicaban á repostería e a facer bordados.

Xa de volta ao Instituto, os profesores déronnos unas galletas que mercaron no mosteiro das monxas e que estaban moi ricas.

Como chegamos antes de tempo, estivemos xogando no patio antes de marchar para as nosas casas.

8.6.14

Burela Xoga Recíclase - Proxecto interdisciplinar 2013-2014

http://burelaxogareciclase.blogspot.com.es/
Chegou o momento de rematar. Non deixedes de botarlle unha ollada ao blogue do proxecto interdisciplinar do Perdouro. Mirade canto traballaron!!!!

7.6.14

Visita empresarial - Prodipel e Balneario de Guitiriz -Loida

O día 4 de xuño as alumnas de primeiro curso de Peiteados e Cosmética Capilar, tras partir do centro as 8.30h, chegaron a Lugo ás 10.00h ao centro Prodipel, un centro de formación privado que imparte cursos profesionais. No centro o grupo de alumnas acompañadas polos seus profesores recibiron información técnica profesional das cabinas dedicadas a Spa e Perruquería. Entre outras cousas ensináronlles o funcionamento de cabinas de chorro, maderoterapia para manicura e pedicura, therapy cool para activar a circulación de pernas cansas, etc.

Despois de xantar nas Termas dirixíronse ao balneario de Guitiriz-Loida. As 16.30 foron recibidas polo doutor Salvador Ramos, director médico do balneario, do que escoitaron unha conferencia maxistral que versou sobre o cancro e atención emocional e psicolóxica que se debe ofrecer a todos os clientes que acudan a un salón de perruquería en demanda dunha perruca. A continuación, Loida, explicoulles os tipos e características das perrucas que hai no mercado, mostrándolles como deben colocalas. O encontro rematou ás 21.00h con preguntas e unha animada charla cos poñentes da actividade.

Exposición "Os peiteados a través da historia"

As alumnas de 1º do Ciclo Medio de Peitados e Cosmética Capilar realizaron unha mostra de recollidos e peitados que se exhibe estes días na entrada do instituto.

A exposición que leva por título "Os peitados a través da historia" recolle a variedade dos recollidos do cabelo a través do tempo, dende a idade precolombina, pasando polos anos 50 ata aos nosos días.

Felicitamos as alumnas por un traballo ben feito e moi especialmente as súas profesoras que idearon e coordinaron a mostra. Noraboa!!!

6.6.14

35 anos xuntos!!!

Karina Parga Chao

O Instituto de Ensino Secundario Perdouro de Burela celebra o seu XXXVº aniversario. Nestes 35 anos, sen dúbida, coñeceu moitos cambios de mellora. Sendo inicialmente unha escola de Maestría, converteuse nun centro dinámico de ensino integrado, caracterizado pola calidade: a aposta pola cultura do esforzo e excelencia académica, a innovación nas prácticas docentes, o uso das TIC, a convivencia escolar, a estreita relación coas familias e a internacionalización.

Probas da excelencia son os resultados moi satisfactorios acadados ano tras ano nas probas de acceso á universidade con 100% de aprobados así como as cualificacións por encima da media galega nas probas de avaliación de diagnóstico.

Premiado en sucesivas ocasións polo seu labor en innovación lingüística, o IES Perdouro xa é un referente en innovación educativa e na mellora da calidade do ensino. Este curso destacou novamente en materia de boas prácticas na mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.

O IES Perdouro é un centro moderno. Integra as Tecnoloxías da información e da comunicación na súa práctica diaria. Desde hai cinco anos é centro Abalar con varias aulas equipadas de ordenador, proxector e encerado dixital interactivo. Nelas cada alumno de 1º e 2º ESO ten ao seu dispor un ultraportátil para traballar os contidos da aula virtual do Perdouro grazas á liña de 100Mb. No seu labor de comunicación e difusión, o centro publica diariamente as novas de interese na súa web “iesperdouro.es” e tamén a través das redes sociais. Ademais as familias do Perdouro xa poden consultar as calificacións dos seus fillos/as a través da aplicación gratuíta para móbiles AbalarMobil.

As actividades complementarias e extraescolares forman parte da práctica docente, son unha fonte de coñecemento que permite unha formación integral do alumnado. Tense que entender que un centro como o Perdouro debe achegar a cultura e o enriquecemento do coñecemento a todos os alumnos/as. Así pois, o dinamismo da biblioteca do centro pretende a mellora da lecto-escritura e a compensación das desigualdes sociais a través das moitas actividades de animación á lectura así como dos Encontros de BD na Mariña. O fondo de lectura xuvenil é moi actual e conta con libros electrónicos, cunha videoteca e unha sección de Banda Deseñada moi completa.

O compromiso por Europa do IES Perdouro maniféstase nos proxectos europeos en que participa cos que fomenta a proxección internacional do seu alumnado. A clara aposta pola inmersión lingüística está patente nos dez anos de intercambios a Francia, nos varios proxectos Comenius realizados, na colaboración con Alemaña nas prácticas en centros de traballo, na sección bilingüe de Tecnoloxía Industrial, nas viaxes a Londres, a Portugal e na participación nos programas de inmersión lingüística. En materia de Formación Profesional, o alumnado do IES Perdouro xa pode realizar as súas prácticas en empresas europeas grazas ao acordo Erasmus + que permite a mobilidade do alumnado dos ciclos formativos de grao medio e superior.

Nestes últimos anos o IES Perdouro demostrou os seus dotes de centro competitivo sendo gañador de varios certames como por exemplo Euroscola, Consumópolis, o concurso de robótica, o mellor proxecto do Plan Proxecta con “Doces meses, moitas paisaxes”, entre outros moitos.

Son 35 anos de traballo e esforzo conxunto entre o equipo de docentes e as familias, un traballo en constante evolución e mellora que ten como único obxectivo o éxito do alumnado.

4.6.14

Charla sobre a auga - Día mundial do medioambiente

Coincidindo coas celebracións do Día mundial do medioambiente, o alumnado de 1º de Bach. recibiu a visita do especialista e técnico de Espina y Delfín, Juan Moreno, para falarlles da auga. 

A profesora Charo Fernández, como medio de chamar a atención sobre a importancia da agua e da xestión sostible dos recursos da auga, organizou esta charla para sensibilizar aos seus alumnos de de Ciencia para o Mundo Contemporáneo sobre un uso sostible deste ben tan preciado e imprescindible para a vida. Juan Moreno explicoulles con datos contundentes o consumo moitas veces excesivo, os tratamentos para potabilizar ou para depurar, os impactos dunha simple fuga de auga co obxetivo de promover en eles unha boa práctica da súa utilización no día a día. O aproveitamento da auga empeza pola participación de todos nós.

3.6.14

Charla sobre sensibilización afectivo-sexual - 1º Bach

Cristobal Rodríguez Garfia, médico xinecólogo, imparte unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Perdouro

O alumnado de 1º de bacharelato recibiu información en materia de educación afectivo-sexual da man de Cristobal R. Garfia, recoñecido especialista, que sempre se ofrece a contribuír a sensibilizar aos adolescentes e informalos sobre a utilización dos métodos anticonceptivos. Como cada ano, o xinecólogo incidiu nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento. A Vicedirectora, Karina Parga, manifesta o particular interese do centro na prevención e recalca a importancia de informar convenientemente ao alumnado para previr enfermedades de trasmisión sexual asi como embarazos non desexados.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...