30.9.25

Semana europea da mobilidade: aprendemos sobre seguridade viaria con profesionais da DXT

O alumnado de 3º da ESO participamos o pasado 19 de setembro nunha interesante xornada de educación viaria, na que recibimos a visita do director provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Lugo, Alberto Rodríguez, e do garda civil de tráfico de Burela José Manuel Carballeira. Ademais, José Ramón, garda civil de tráfico de Lugo, e unha compañeira da Dirección Xeral de Tráfico da capital da provincia propuxéronnos unha actividade lúdica na biblioteca. 

Esta, que era unha escape room, serviunos para reflexionar sobre os perigos na estrada e a importancia de tomar decisións responsables cando viaxamos en coche. Dividímonos en grupos e cada equipo asumía un rol diferente: bombeiros, policías, servizos sanitarios etc. Concretamente, a actividade estaba baseada nun accidente de tráfico provocado polo consumo excesivo de alcohol e cada equipo dispuña dunha hora para superar as distintas probas relacionadas co sinistro e intentar “salvar” a situación. Foi unha proposta moi divertida e dinámica, que serviu para concienciarnos sobre a facilidade coa que se pode producir un accidente nas estradas. 

Máis tarde, asistimos a unha breve charla impartida por José Manuel Carballeira, garda civil de tráfico de Burela, e polo actual director da DXT en Lugo, Alberto Rodríguez, na que nos explicaron as seis principais causas de accidente: a velocidade, o consumo de alcohol e drogas, o uso do teléfono móbil, a falta de experiencia, o cansazo e a ausencia do cinto de seguridade. 

Precisamente, para exemplificar como estas condutas poden desembocar en traxedias, os axentes amosaron diversas imaxes de sinitros reais provocados por estes factores. Ademais, explicaron en primeira persoa a súa experiencia no tráxico accidente acontecido en Xove en 2023, no que perderon a vida catro mozos de Ribadeo, e no que o garda civil da Compañía de Burela participou nas intervencións realizadas no lugar do sinistro. 

Ademais, un dos aspectos máis interesantes da xornada foi a posibilidade de probar unhas lentes que simulan a visión dunha persoa afectada polo cansazo, as drogas ou a alcolemia, o que nos permitiu experimentar, de forma segura, os perigos que implica conducir nestas condicións. 

Podedes acceder a máis fotos AQUÍ.

Alejandro Pernas Martínez – 3º ESO B

29.9.25

Presentación de Curso de Especialización en Fabricación Aditiva

O alumnado do Curso de Especialización en Fabricación Aditiva terá a presentación o xoves 2 de outubro ás 16:00h. 

As clases comezarán ao día seguinte en horario normal. 
 

25.9.25

O IES Perdouro participou no II Congreso de educación inclusiva

O martes 23 de setembro celebrouse en Santiago de Compostela o II Congreso de educación inclusiva. 

Neste evento estiveron convidados expertos internacionais e nacionais que disertaron sobre a educación para a totalidade da poboación, a atención ás altas capacidades, as características dun docente que fomenta a inclusión, a atención a alumnado con TDAH, a abordaxe dos trastornos de conduta etc. 

A primeira hora da tarde tivo lugar a participación de catro centros educativos galegos convidados polas súas boas prácticas en inclusión, entre eles o IES Perdouro, que estivo acompañado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo e os CEIP Leirado de Salvaterra de Miño e Graxal de Cambre.

A gravación de practicamente todo o congreso pode consultarse neste enlace e a participación do IES Perdouro vai desde as 6h 33' ata as 6h 53'. Na súa intervención, Miruca Parga, a vicedirectora, explicou as especiais características multiculturais de Burela e a estrutura organizativa do centro para lograr atender o mellor posible a diversidade. Tamén reclamou máis recursos humanos para poder ocuparse de todas as necesidades do alumnado que recibe o centro cada curso. 

Podedes acceder algunha nota de prensa e a máis imaxes AQUÍ. 

4.9.25

Recibimos a Hugo Gorgojo despois da Olimpíada de Xeoloxía en China

O martes 2 de setembro de 2025 recibimos ao noso recente campión olímpico, Hugo Gorgojo Basanta, que gañou 3 medallas na Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía (IESO): prata en "International Field Team Investigation" e bronce en "Earth Science Project Category" e en "Individual Test Category". 

Na competición participaron máis de 170 persoas de máis de 30 países. Por parte de España, ían dous galegos, un salmantino e un estremeño (e todos eles tiveron medallas). O noso alumno falounos da súa experiencia e dos distintos lugares que visitou: Jining (a cidade da sede, onde as probas sucederon na Confucius High School), Nanwang, Qufu e Nishan Sacred Land, as montañas Shimen e Fénix (onde foi o exame práctico) e o Gran Canal de China, entre outros lugares. 

Para as probas prácticas, Hugo fixo equipo con representantes de Austria, Estonia, Australia, Malaisia e Paquistán. Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO. 

Na foto, cos seus preparadores para as distintas fases da olimpíada: Charo Fernández e Fernando Losada. 

Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía


2.9.25

Presentacións do inicio de curso 25-26

Benvidos ao curso académico 25-26!

Agardamos que descansásedes moito e que tivésedes un verán extraordinario. Agora toca comezar un novo curso. Estaremos agardándovos para facer as presentacións o luns 8 e o martes 9 de setembro. O profesorado titor acompañaravos á vosa aula de referencia. 

Os cursos que teñan a presentación o luns 8 comezarán as clases o martes 9 e os que teñan a presentación o martes comezarán as clases o mércores 10 de setembro. 



19.8.25

Hugo Gorgojo gaña tres medallas na Olimpíada Internacional de Xeoloxía en China

Desde o 7 ao 17 de agosto, celebrouse na cidade chinesa de Jining a International Earth Science Olympiad, é dicir, a Olimpíada Internacional de Xeoloxía.

O noso alumno Hugo Gorgojo Basanta xa alcanzara o 1º posto na subsede galega de San Sadurniño na fase autonómica galega e foi 4º na fase nacional en Tremp (Lleida), así que viaxou a China con outros 3 representantes españois. 

Durante a fase internacional da olimpíada, algúns dos paraxes que visitaron foron o monte Fénix, a montaña Shimen, o lago Taibai en Jininng (o maior do norte de China), o xeoparque Yangshang etc. Nestes lugares de relevancia xeolóxica participaron en varias probas teóricas e prácticas nas que realizaron proxectos e traballo de campo. 

Hugo Gorgojo conseguiu os seguintes recoñecementos: 
  • Bronce en "Earth Science Project Category" 
  • Prata en "International Field Team Investigation" 
  • Bronce en "Individual Test Category" 
Os outros 3 representantes españois, de Santiago de Compostela, Salamanca e Badaxoz, tamén obtiveron bos resultados na clasificación desta fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía.

6.8.25

Comeza a Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía!

O noso alumno de 2º Bach, Hugo Gorgojo Basanta, xa está en Jining para participar na Fase Mundial da 16ª Olimpíada de Xeoloxía. Xunto a el, viaxaron os outros tres representantes españois: o tamén galego Santiago Otero (do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela), Fernando Juez (do IES Rodríguez Moñino de Badaxoz) e Samuel Martín (do IES Venancio Blanco de Salamanca). 

Esta competición para amosar os coñecementos das Ciencias da Terra leva organizándose desde 2007 e participan nela máis de 30 países. O IES Perdouro optou por levar en marzo a 8 alumnos á sede de San Sadurniño onde acadamos tres premios: o Accésit de 4º ESO, o Mellor Grupo e o 1º Clasificado (Hugo Gorgojo), que foi en maio á Fase Nacional en Tremp (Lleida). Os catro mellores clasificados viaxaron á China para participar na Fase Mundial desde o 7 ao 17 de agosto. 

Desde o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía (os profesores Sol Galdo, Charo Fernández e Fernando Losada) e todo o equipo docente desexamos a todos os participantes unha moi boa experiencia e ao noso alumno Hugo Gorgojo, a mellor das sortes. 

Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

31.7.25

Pechamos por vacacións

Pechamos por vacacións. 

Damos por rematado o curso 24-25. 

Podedes volver a contactar con nós o luns 1 de setembro, data na que se volverán a abrir as portas do IES Perdouro para realizar calquera trámite que necesitedes. 

O curso comezará o 8 de setembro. Estade pendentes a partir do 1 de setembro dos calendarios das presentacións. 

Que desfrutedes das vacacións!

30.7.25

Mulleres referentes galegas

Continuamos publicando proxectos que se desenvolveron ao longo do curso. 

O alumnado de 2º de Bacharelato de TIC elaborou este traballo programando con Scratch.

Aparece o nome de varias mulleres galegas, logo vaise debuxando progresivamente o seu rostro e, a continuación, ti tes que escribir de que muller se trata e pulsar intro. Con cada nome que acertes, conseguirás un punto. 

Adiviña quen é!

4.7.25

Oferta educativa de Formación Profesional

 

Neste vídeo móstrase a oferta educativa do IES Perdouro para Formación Profesional: Ciclos Básicos, Medios, Superiores e Cursos de Especialización. 

Vente á FP!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...