30.4.24

Charla formativa aberta para as familias: "Altas capacidades"

Programamos unha ponencia sobre as altas capacidades. Olalla Méndez Arias, orientadora, axudaranos a coñecer e comprender mellor as altas capacidades para contribuír ao desenvolvemento intelectual, social e emocional dos nosos adolescentes. Saberemos como detectar as altas capacidades, como evolucionan e como atendelas ao longo da vida.

Conferencia aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 08/05/2024 ás 18h30

27.4.24

CanSat 2024

Estivemos no CanSatGal coa proposta dun grupo de alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach coordinado pola profesora Marga López Periago.

CanSat é unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
Este ano, en Galicia, competiron 140 estudantes de 23 equipos pertencentes a 19 centros educativos na fase rexional de lanzamento de satélites e entre eles nós.
Que é un CanSat? É unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. Logo da construción do noso prototipo "Foghete Pataqueiro 73_X", viaxamos ata o aeródromo das Gaivotas  en Cerceda para realizar o seu lanzamento. Había que lanzar o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e deixalo caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consistía en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso. Aterramos nun campo sen danos.
Posteriormente, houbo  que ir defender os resultados do proxecto, no que se valorou a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas.
Finalmente, o noso CanSat "Foghete Pataqueiro 73_X" gañou o premio ao mellor logro técnico na fase galega.
Accede ao noso albúm de fotos AQUÍ.

24.4.24

Torneos de San Xoán Bosco 2024 - Finais de Baloncesto e Fútbol

Logo de varios meses de competición nos recreos, chegou a celebración das finais dos xogos de equipos dentro dos Campionatos anuais de San Xoán Bosco da nosa Asociación Cultural Os Matos. Agradecemos infinitamente a Emérito Fernández Cabaleiro pola programación e supervisión dos partidos. 

Os resultados foron:

Na final de fútbol sala celebrada o 14 de marzo o grupo de alumnado de 4° ESO B e PDC alzouse coa vitoria nos penaltis, despois dun intenso partido contra os que resultaron subcampións, 2° de Bacharelato A.
O martes desta mesma semana celebrouse tamén un partido no que 2° de Bacharelato A conseguiu pasar á final despois de vencer ao equipo de profesorado por 2-1.

Na final de baloncesto celebrada o 23 de abril, enfrontáronse 2° Bacharelato A e 2 ° ESO A. O equipo de 2° ESO foi o vencedor. O resultado foi 7-2.

Moitos parabéns aos campións e ao subcampión!! E como ben dicía Pierre de Coubertin, o importante é participar. Grazas a todxs.





Vídeo resumo da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia

A nosa coordinadora de Convivencia, Yolanda Fernández, preparou un vídeo coas mellores imaxes da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, uns días nos que quixemos reforzar a vosa conciencia emocional. Agardamos que estas imaxes vos transmitan emocións que gardedes como bos recordos. 

Podedes acceder a máis imaxes das distintas charlas e talleres: 

- Charla de resiliencia

- Taller de baile

- Taller de Imaxe Persoal

- Taller de teatro

- Taller de maxia

- Taller de comida saudable

- Charla coas familias: a comunicación cos adolescentes

- Recital de Lúa Mosquetera

- Taller de cociña con sobras

- Taller de xabóns

- Taller de meditación

FP Innova

Participamos na sexta edición do congreso de innovación da formación profesional, FP Innova en Santiago.

Presentamos 3 ideas de negocios, dous proxectos de miniempresas presentadas nas «Lanzadeiras Lugo» e outro en colabaoración co CIFP Ferrolterra.

EmoXogos Perdouro é unha iniciativa centrada na promoción e comercialización de xogos centrados en fomentar a aprendizaxe e a xestión emocional a través do entretemento. Entre eles están o Xogo da Zoca, para dar a coñecer mulleres galegas que destacaron nalgún ámbito; o construbot, creado desde o departamento de Tecnoloxía para empregar xogos de mesa con robots, ou un bingo en francés, para aprender vocabulario. As promotoras son as alumnas do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, Ariadna Aylén Escobedo e Melany Aixa e a súa profesora Yolanda Fernández é a coordinadora.

Badiahs Gallegas é unha empresa que se dedica a facer africanas. As promotoras son Ángela Ares, Noely Cardoso dos Reis, Marcia Monteiro, Antía Montenegro e Elian Sanches e a súa profesora,  Patricia Anaya, coordina o proxecto que busca contribuír a darlle valor á diversidade cultural e á integración das diferentes manifestacións culturais da zona.

Ecogrel é un sistema de automatización do lavado de grelos. O Ciclo Medio de Mecanizado do IES Perdouro colaborou co CIFP Ferrolterra no desenvolvemento dun prototipo automatizado para lavado, procesamento e desinfección de grelos mediante inmersión, secado e posterior exposición a raios ultravioleta.

23.4.24

Día do Libro 2024: A nosa vida en libros

O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase. 

As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!


19.4.24

Viaxe a Samos e ao Cebreiro

O venres día 5 de abril fomos de excursión a Samos, para ver o Mosteiro de San Xillao. Cando chegamos, deixáronnos media hora para explorar un pouco a vila e despois reuníronnos nas portas do mosteiro; aquí, explicáronnos datos sobre a fachada (estilo, referencias...), a historia do mosteiro e como viven os monxes que habitan aquí. 

A continuación fomos á Capela do Ciprés, para explicarnos a súa historia tamén. Despois tornamos ao mosteiro para realizar a visita guiada cunha rapaza moi simpática, que nos explicou a historia, tanto da arquitectura coma dos murais. 

Ao rematar, camiñamos ata o restaurante A Veiga para comer e poder ter tempo libre despois, antes de volver cara ao autobús e seguir a nosa viaxe. 

Laura Eijo – 3º ESO B 

Logo visitamos O Cebreiro, unha pequena localidade por onde pasa o Camiño de Santiago. 

Ao chegar alí, comezamos a xogar coa neve ata que chegamos ao albergue do Cebreiro. Ao seu carón, explicáronnos que un albergue é un lugar onde a xente que vai facer o Camiño de Santiago, é dicir, os peregrinos, se quedan a pasar a noite se xa acabaron a etapa que lles tocaba facer ese día. 

A continuación, tiñamos a intención de entrar nel pero non puidemos xa que a persoa que está a cargo non estaba presente nese momento. Despois do albergue fomos ata a igrexa. Esta igrexa chámase de Santa María e é unha igrexa prerrománica. Tamén nos falaron dun busto que había xusto ao lado da igrexa. Dixéronnos que o que estaba alí representado se chamaba Elías Valiña, que foi un sacerdote e escritor español, que pintou frechas amarelas por todo o Camiño de Santiago, desde Roncesvalles, para facilitar o percorrido aos peregrinos. Foi unha persoa moi importante á hora de dar a coñecer o Camiño. Estiveron contándonos algunha cousa máis sobre a igrexa e logo marchamos. 

Por último, fixemos un pequeno tramo do Camiño, dende a igrexa ata o límite con Castela e León que haberá algo máis dun quilómetro. Alí, as persoas que quixeron cruzaron a fronteira e tamén nos explicaron que esa era a fin do tramo que iamos percorrer e a continuación volvemos para deixar O Cebreiro atrás. 

Podedes acceder ás imaxes aquí.

Diego Anello e Antía González – 3º ESO A

Obradoiro de gominolas saudables

O día 3 de abril, María José e Begoña -integrantes de Gaia- viñeron ensinarnos como facer larpeiradas sen azucre. Comezaron presentándose e de seguido ensináronnos unhas breves e importantes informacións sobre os ingredientes malos das lambetadas. Cando remataron de explicar, fixemos un divertido taller de como preparar as nosas propias lambetadas de maneira saudable. 

O taller comezou coa explicación dos ingredientes das larpeiradas: neste caso en concreto usamos a mandarina e unha xelatina chamada agar-agar. De seguido, explicáronnos o proceso de elaboración que iamos seguir. Os pasos foron moi sinxelos: primeiro de todo había que espremer a mandarina e despois escoala. Cando xa a tíñamos líquida, puxémola ao lume coa xelatina. Unha vez feito isto, baleiramos o contido nuns moldes con formas e deixámolos arrefriar ao redor duns vinte minutos. Como último paso, deleitámonos con elas. 

Podedes acceder as fotos aquí.

Antía Domínguez Piñeiroa - 1º ESO AB

Xeorruta con Fran Canosa

O venres 21 de marzo o alumnado de 4º de ESO puidemos desfrutar das explicacións do recoñecido xeólogo Fran Canosa. 

Tras saír do instituto a primeira hora, dirixímonos cara a área xeolóxica do Perdouro, onde observamos diferentes tipos de pregamentos e formacións xeolóxicas coma os arcos da “igrexa de Coedo”. Nesta etapa da ruta, Canosa explicounos a orixe e importancia dos monumentos xeolóxicos que se atopan en Burela. Comentounos como as rochas que forman a nosa paisaxe foron orixinadas hai 500 millóns de anos en praias preto da Antártida e, despois de movementos tectónicos e procesos de erosión, preséntanse hoxe en día a simple vista. 

A continuación, Canosa recalcou a importancia xeolóxica da nosa vila, pois constitúe un límite de recoñecemento internacional no que remata a rasa cantábrica, composta principalmente por rochas metamórficas, coma a lousa e a cuarcita, e comeza o litoral granítico que se estende cara o oeste de Galicia. Esta distinción converte a Burela nun geosite de interese mundial. 

Logo, exploramos a xeoloxía granítica dirixíndonos cara á praia da Marosa mentres nos detiñamos de cando en vez para atender ás explicacións de Canosa. Durante esta etapa, apreciamos as diferenzas do litoral da rasa cantábrica cara ao leste e do granítico dende unha nova perspectiva. Observamos tamén diferentes formacións en bloques de granito, coma pías ou pedras cabaleiras formadas pola erosión do vento en combinación coa auga e o salitre, destacando a “pena do neno”, denominada así pola forma que inspira dun meniño deitado. 

Continuamos descubrindo diferentes estruturas costeiras como faias e as distinguidas diáclases ortogonais da Marosa. Así, rematamos a interesante xeorruta con Fran Canosa, que puxo en valor como se merecen as distintas áreas xeolóxicas de Burela.

Para ver máis fotos preme aquí.

Carla Paz Trelles - 4º ESO A

18.4.24

Concursos AC Os Matos 2024

 Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.


Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.

Tedes ata o 20 de maio para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVII Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XV Concurso de Imaxe

Ver bases aquí.
 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.

Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.


 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...