18.2.13

Acto de inauguración "Cinco anos de Banda Deseñada na Mariña"

Hoxe, estamos aquí reunidos para inaugurar unha exposición sen precedentes en Burela, o mesmo aquí na Mariña se mo permitides. 

No IES Perdouro traballouse durante estes últimos 5 anos a chamada sétima arte, a banda deseñada, facendo especial fincapé en aproximar unha cultura xa non tan vanguardista ao noso alumnado, outra forma de ler e de entender o mundo que nos rodea.

A nosa biblioteca empezou a dinamizar uns Encontros que comezaron no ano 2008 e que teñen dous obxectivos básicos: por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. 

Creamos unha nova sección na biblioteca. Adquirimos obras maestras para os fondos da nosa Comiteca, que posibilitou a consulta e unha lectura de calidade, e o que espertou o interese no noso alumnado.

Xa levamos 5 anos celebrando durante 3 meses os Encontros de BD na Mariña organizando OBRADOIROS de guión, de iniciación á BD, de caracterización de personaxes de cómic, de bonecos… e, tamén, EXPOSICIÓNS. Por exemplo, citar que xa teñen pasado en anos anteriores por estes Encontros artistas da categoría de Miguelanxo Prado, Manel Cráneo, Carlos Portela, Kiko da Silva ou David Rubín, entre outros.

Durante estes tres meses, o Instituto transfórmase: as aulas, as paredes, as ventás… todo serve de soporte para os debuxos dos rapaces que decoran todo o centro coas súas personaxes preferidas.

Hoxe veremos nesta exposición unha mostra que recolle os traballos premiados destes últimos catro anos do Concurso de creación de Banda Deseñada asi como, unha recompilación de entre tantas actividades levadas a cabo nos Encontros de Banda Deseñada en torno ao mundo desta sétima arte.

A partir do 19 de febreiro e ata o 21 de marzo de 2013, estará aberta esta exposición "Cinco anos de BD na Mariña" ao público na Casa da Cultura de Burela de 9h00 a 13h30 e de 17h00 a 20h00.

Ademais quixemos chegar ao noso alumnado mediante a ferramentas da web 3.0, e dicir das redes sociais. Os encontros deron a luz en 2009 a un blogue que recompila estes 5 anos de actividades frenéticas. Os Encontros contan tamén cunha revista propia chamada “Banda Desexada” onde aparecen os cómics dos primeiros e segundos premios, entrevistas… Non esquezamos a nosa ativa participación nas redes Facebook, Tuenti, e Twitter para difundir todo canto se faga nos Encontros.

Para rematar, queremos agradecer a axuda que para estas actividades recibimos do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto, da Asociación Os Matos, do Proxecto de Innovación Lingüística do noso centro, do IES Monte Castelo co deseño dos carteis dos Encontros; e tamén agradecer o apoio incondicional do Concello de Burela que sempre respaldou os Encontros, a Diputación de Lugo, e felicitar a colaboración de todo o profesorado e alumnado que participaron.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...