28.2.13

Alumnas escribindo para Novas de Novos

Dúas alumnas gañadoras do concurso de Banda Deseñada do IES Perdouro en anteriores edicións publicaron un artigo de opinión no suplemento Novas de Novos do xornal La Voz de Galicia.

Tania Díaz Vázquez – 1º Bach.

Desde moi pequeniña comezou o meu afán polo debuxo, quizais herdado de miña nai. Recordo perfectamente como ela me ensinaba os seus debuxos durante longos días de inverno e como eu me sentía fascinada por eles.
Sen embargo, a miña afección polo cómic chegou uns anos máis tarde. Un día de verán, na praia, comecei a garabatear nun caderno. Debuxei todas e cada unha das cousas que vía ao meu arredor, apuntei o que parolaban as persoas que estaban preto e así foi como surxiu a miña primeira banda deseñada.
Despois desta fixen outra, outra e outras máis. A maioría dos meus amigos dicíanme que non se me daba nada mal e que debía continuar. Así o fixen: apunteime a algún obradoiro e na edición de 2009 presenteime ao certame organizado polo instituto dentro do programa dos Encontros de Banda Deseñada da Mariña. A xenerosa resolución do xurado estimuloume moito a seguir.

 






Inés Pardo Parra – 3º ESO

Sei que se a xente acostuma a dicir que as ideas non caen do ceo, que o Espírito Santo non vén en forma de pomba e che dá unha idea; mais a min foi exactamente iso o que me ocorreu.
Recordo estar na clase, a nosa profesora de lingua castelá comezou a explicarnos o que tiñamos que facer: unha historia en forma de cómic. Podía non ter diálogos, podía ser en branco e negro, en cor... e, de súpeto, xa tiña todo claro. Escoitaba as queixas dos meus compañeiros: "Eu non sei que facer!", "Eu non sei como facelo!" "Eu non sei debuxar ben!". Ben, esa última pode que fose eu.
Púxenme á tarefa rapidamente e comecei facendo o guión. A historia xa a tiña clara na cabeza: un home tentando facer de superheroe no mundo real, no que sendo unha persoa "normal" non hai moito onde exercer ese traballo. Xa tiña claro que debía facer unha historia divertida, unha situación cómica; porque en cuestión de debuxo non ía destacar o máis mínimo. Ensineille o guión á mestra e recordo que se rira. Non fora moito, mais eu vira o atisbo dun sorriso. Iso deume ánimos para seguir adiante, e, en pouco tempo, xa tiña rematado o exercicio.
Pasou o tempo. Cando eu xa me tiña olvidado do asunto do cómic, un día chegou Juani á nosa clase e comunicou que eu gañara o segundo premio. Ao principio quedei algo confusa, case nin me acordaba do que falaban!


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...