16.1.17

Premio ao esforzo e superación persoal para Álex Landim

RECOÑECEMENTO AO ESTUDANTE DE BURELA QUE RECIBIU O PREMIO AO ESFORZO E SUPERACIÓN PERSOAL NA ETAPA DE ESO

A biblioteca do IES Perdouro acollerá ás 11 da mañá do próximo martes, día 24 de xaneiro, un acto de recoñecemento ao estudante de bacharelato Álex Landim Correia, que conseguiu o premio ao esforzo e a superación persoal no concurso convocado pola Consellería de Educación.
Estes premios teñen como obxetivo recoñecer aos alumnos e alumnas que requiriron un maior esforzo e dedicación para superar dificultades, de carácter persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural e superar os estudos de Educación Secundaria Obrigatoria. Os méritos de Álex Landim situárono entre os 20 mozos e mozas de toda Galicia que conseguiron este recoñecemento. O premio metálico ascende a uns 750 euros.
Alex Landim non foi o primeiro alumno do IES Perdouro en acadar este recoñecemento, tamén o tivo no ano 2015 Diana Gonçalves Sanches, actual alumna do Ciclo superior de Administración e Finanzas, e máis recentemente, en 2016, Andrés Quiroga Rivas, actual alumno de 2º de Bacharelato.

Chegado a Burela en setembro de 2014, Alex Landim atopouse cun grande desfase no nivel educativo con referencia aos colegas da súa mesma idade, mais con medidas de apoio escolares e extraescolares alcanzou o título de ESO en setembro de 2016 e neste momento está cursando o primeiro de bacharelato de Artes no Instituto Monte Castelo.
Por encima da asimilación de contidos teóricos, durante estes dous anos Álex Landim destacou polo esforzo e a superación persoal nos ámbitos académicos e extra-académicos. Ademais de se involucrar con moita responsabilidade nas categorías inferiores da S. D. Burela, rapidamente se integrou na Asociación Dambara, onde primeiro realizou estudos de percusión e posteriormente os compatibilizou cos de gaita, baixo a coordinación didáctica de Albano González Cancio e Rodrigo López Gómez.
A súa faceta creativa e de voluntariado manifestouse na colaboración en diversos obradoiros de orientación para a vivencia do tempo libre. Neste sentido, Landim colaborou coa Asociación Karricanta e ofreceu recentemente un obradoiro de manualidades no Mercado do Souto en Cervo.
O estudante recollerá o cariño dos seus compañeiros e ex-profesores na biblioteca do que foi o seu centro de ensino durante dous anos.
OUTRAS REFERENCIAS

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...