29.4.17

A escritora Iria Misa en BiblioPerdouro


Co gallo de celebrar o Día do Libro, o luns 24 de abril achegouse ao IES Perdouro Iria Misa para encontrarse co alumnado de 3º PMAR e 4º de ESO. A escritora naceu o 23 de febreiro do ano 1983 en Gondomar. Actualmente vive en Baiona e é profesora de Inglés de Educación Secundaria.
O seu soño dende pequena sempre foi o de ser escritora e, despois de varios anos escribindo e perfeccionando cada unha das frases e textos que redactaba, conseguiu, por fin, acabar a súa novela Xa non estou aquí.

Este libro trata dunha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais. A protagonista, Ánxela, tense que enfrontar aos conflitos de personalidade propios da adolescencia. Á parte deste tema, trátanse moitos outros como as drogas, a homosexualidade, a relación cos pais… Trátase dunha historia intrigante, de lectura fluída pero que agocha unha temática moi complexa.

Iria xa se presentara a algún que outro concurso cos seus relatos, ata que decidiu envialos ao Jules Verne de literatura xuvenil convocado pola editorial Xerais. E non só gañou a edición 2016, senón que chegou á final con dúas das súas novelas.
Contounos que as súas obras a acompañan durante moito tempo ata que senta a redactalas e a perfeccionalas pouco a pouco durante uns cantos meses ata obter o resultado que ela desexa ter ou un resultado mellor do que imaxinaba.
Tamén nos comentou un pouco por enriba algún dos temas que trata na súa próxima novela que sairá á luz antes de que acabe o 2017. Contounos tamén que tiña ganas de escribir literatura para adultos, pero que aínda non sabía como facelo, así que polo momento seguirá escribindo literatura xuvenil. 

Yaiza Rivas- 3º ESO

Accede ás fotografías no noso albúm

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...