1.3.18

Prácticas de laboratorio e exposición plástica

O martes 20 de febreiro de 2018 foi un martes diferente para o alumnado de 3º da ESO debido a que fomos de viaxe á Coruña para gozar dunha nova experiencia na Domus e no Museo de Arte Contemporánea.
Ás 8:30 xa estabamos todos sentados no autobús e listos para dirixirnos á Coruña. O primeiro que visitamos foi a Domus, un museo interactivo onde puidemos coñecer distintos aspectos sobre as distintas etapas da vida dun ser humano. Aí tivemos unha práctica guiada de aproximadamente dúas horas e media no laboratorio da propia Domus. Neste obradoiro "A revolución biotecnolóxica", manexamos materiais idénticos aos que hai en laboratorios de alto prestixio.  Fixemos de biotecnólogo. Producimos bacterias cunha proteína especial que os científicos precisan para experimentar con ela e atopar unha solución contra a ateroesclerose.
Ao rematar esta difícil, pero, ao mesmo tempo, divertida tarefa, gozamos dunha hora de descanso na cal puidemos percorrer a Domus pola nosa conta. Ao redor das dúas da tarde, xantamos en Marineda, onde tamén tivemos tempo de lecer ata as 4 da tarde.
Despois disto, tocounos prestar atención a algo moi interesante: unha incrible exposición da pintora catalana Lita Cabellut, unha artista cunha dura infancia pero que puido conseguir o seu soño de ser pintora e, ademais, unha das pintoras máis cotizadas do mundo actualmente. (Ver reportaxe da TVG)
Ao final destas visitas aos museos dispuxémonos a volver á casa despois deste día didáctico, á vez que lúdico.
Ver reportaxe fotográfica aquí.

Luis Pernas e Sergio Alonso - 3º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...