1.5.19

Parque da Vida en Luarca

PARQUE DA VIDA: O PLANETARIO

    O  pasado xoves 21 de marzo, os alumnos de 2º ESO participamos nunha excursión a Luarca, acompañados polos profesores Pablo, Miruca, Ana Vázquez e Karina, na que puidemos visitar o Parque da Vida. Fomos recibidos por Luis Laria,  presidente da Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Mariñas (Cepesma). O parque tiña numerosas partes e entre elas encontrábase o planetario, unha sala redonda na que había asentos arredor e, no medio, a máquina proxectora. Dende o noso lugar, puidemos observar  moitas cousas incribles, á vez que un monitor nos ía explicando. Entre as numerosas cousas que nos contou, aprendemos que o planeta Marte podería ter unha parte habitada, xa que nos polos a calor non sería tan desmesurada. Falounos dos satélites que teñen algúns planetas (recomendounos ata como aprender a memorizalos) ou das numerosas constelacións que podemos ver a simple vista ou con telescopio: como identificalas, os seus nomes, como saber onde se sitúan encontrando outras que brillen máis, etc.

Lucía Ciria Cao – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA HISTORIA DO PLANETA TERRA

    Nesta sala, Luis Laria comezou por explicarnos que se poden dar condicións para a vida noutros planetas. A certa altura, pegada nas paredes da sala, había unha cinta métrica. Cada milímetro representaba un millón de anos na vida da Terra.  Houbo un momento en que o planeta tiña arredor de 5000/6000 volcáns. Ao arrefiar, eses volcáns foron desaparecendo.

    A Terra formouse hai 4.5 millóns de anos. Segundo se formou, tamén se podería destruír porque, por exemplo, se se producise unha deflagración solar, isto é, unha tormenta solar impredecible, o planeta podería desintegrarse en menos de 14 horas.

    Na cinta métrica, tamén había unha parte sinalada que destacaba o tempo de existencia do Homo Sapiens. Era doado darse conta de que se comparásemos o tempo de existencia do ser humano co da existencia da Terra, a nosa é unha insignificancia ao lado do tempo que leva existindo o planeta.

    Luis Laria explicounos que en España, en distintas escavacións, apareceron esponxas tropicais, o que quere dicir que o eixe gravitatorio da Terra tiña unha inclinación distinta da que ten agora e España situábase noutra zona climática. Antes só había un único continente ao que se lle chamaba Panxea. Dentro dun tempo, dise que vai volver a suceder iso e o único continente chamarase Nova Panxea.

    Despois falounos de seres vivos acuáticos que son fósiles viventes. Por exemplo, os cefalópodos antes tiñan todos cunchas, que eran como a súa casa. Agora non todos a menteñen. Os nautilus son os amonites actuais. Os cefalópodos cando querían subir á superficie botaban gases dentro da cuncha e así podían flotar e cando querían baixar botaban os gases para fóra. Esta mesma estratexia utilizouse nos submarinos. Luis Laria tamén destacou a importancia de que o primeiro submarino foi ideado por un español, Isaac Peral.

Mateo Balseiro Santos – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA LURA XIGANTE

Dentro do Parque da Vida, unha das salas máis curiosas era a sala da lura xigante, onde nos falaron de moitas cousas.

Entre elas, o que máis destacaba, e que por iso lle daba o nome á sala, era unha lura xigante. Esta atopábase nunha vitrina longa e estreita cunha substancia líquida que facía que se conservase. Tamén nos contaron que hai luras con pelos que serven para axudar ao ser vivo a alimentarse xa que este come todo o que se fixa ao seu corpo como, por exemplo, o placto.

Existen varios tipos de luras. Unha delas, da que tamén nos falaron, foi o Vulcanotopus Hydrothermalis. Esta, tiña un ollo grande e un pequeno. O pequeno sempre se atopaba mirando cara á superficie.

Posteriormente, xa referíndose ao medio acuático, explicáronnos que por cada 10 metros de profundidade na auga, estariamos a unha atmosfera máis de presión. Tamén engadiron que a partir dos 87 metros de profundidade, xa se pode ver a luz dende a auga.
Nesa mesma sala, amosáronos tamén algúns peixes que posuían dimorfismo sexual. Neste caso, as femias tiñan un tamaño moito maior ca os machos.

Noa Saá del Río – 2º ESO B

Acceda ao albúm de fotos aquí. 

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...