O pasado 5 de febreiro, o alumnado do ciclo medio de Xestión Administrativa e os de 1º de ciclo superior de Administración e Finanzas visitaron dúas empresas galegas: Torre de Núñez e Quescrem.

No percorrido polas instalacións viron como se producen os lacóns e os chourizos dende o primeiro paso ata o último. O procedemento de afumado chamou moito a súa atención xa que se realiza con madeira de carballo, apostando así polo aproveitamento de especies autóctonas. Tamén é salientable a gran capacidade de almacenamento da fábrica, destacando unha sala de grandes dimensións con xamóns esperando para ser enviados ás grandes superficies distribuidoras ou directamente aos clientes finais que os adquirían alí mesmo. Así mesmo, destacan tamén as innovadoras máquinas que empregan e que, a pesares de seren obxectos que favorecen a industrialización da marca, manteñen a base artesanal do produto.
Durante a visita, comprobaron que o persoal ten a súa labor diferenciada, é dicir, que se trata dunha empresa que opta pola especialización, na que cada persoa que forma parte do seu organigrama é especialista no traballo que realiza.

A visita á fábrica foi realizada polo encargado da planta de produción. Para a mesma, tamén tiveron que empregar indumentaria estéril. Ademais de ver os distintos procedementos de envasado, comprobaron como se almacenan e refrixeran as mercadorías xa listas para a venda e clasificadas segundo o lugar ao que van ser enviadas. O que máis chamou a atención do alumnado foi o feito de que a materia prima da que parten para fabricar o seu queixo é a mazada, tamén coñecida como soro de manteiga. Esta posúe menor índice de graxas e, ademais, contribúen a reducir o seu desperdicio pois, noutros tempos, non houbera tido utilidade algunha.
É salientable tamén como Quescrem participa na formación dos novos profesionais do sector culinario coa organización de concursos que premian as mellores receitas elaboradas con produtos da súa fabricación.
En xeral, ambas visitas foron moi interesantes e nas dúas recibiron produtos como xamón, queixo natural en crema e a súa variedade ChocoBó.
Sem comentários:
Enviar um comentário