31.3.23

Disección dun corazón

O martes 7 de marzo, os alumnos de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada, xunto cos profesores Fernando Losada, do Departamento de Bioloxía, e Sol Galdo, a nosa profesora de Anatomía, disecamos uns corazóns de cocho. Esta foi unha actividade complementaria dentro da unidade didáctica sobre o sistema cardiovascular, na cal estudamos o funcionamento do noso corazón e de todo o sistema circulatorio. 

Para a disección dividímonos en catro grupos de 4 ou 3 integrantes, para posteriormente distribuírnos o traballo (cortar, examinar, sacar fotos…). Primeiro identificamos as caras do corazón (anterior e posterior), as aurículas, os ventrículos e os vasos sanguíneos situados na parte superior do órgano. Logo, coa axuda dun bisturí, realizamos dous cortes paralelos ao tabique interauricular, para comezar coa observación interna. Así, puidemos distinguir as cavidades internas do corazón, as válvulas que as separan e comparar o grosor das súas paredes. Desta maneira, comprobamos como están comunicadas as distintas cavidades para comprender mellor o circuíto. Ademais, a maiores, tivemos a gran sorte de contar cun corazón de terneira, non tan semellante ao humano, pero realmente impresionante polo seu tamaño. 

Esta actividade resultou do máis didáctica e entretida e as sensación foron realmente boas. Serviunos para coñecer máis de cerca o funcionamento do noso corazón (pois o corazón de cocho é moi semellante ao dos humanos). Unha experiencia que moitos de nós sen dúbida repitiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ 

Nerea Francos, Ramón Real, Ivana López - 1º Bacharelato

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...