20.11.25

Día Mundial da Infancia: Pleno da infancia e da mocidade no Concello de Burela


Para conmemorar este día, o alumnado de Proxecto Competencial de 4º ESO preparou un texto para explicarnos os motivos da celebración desta data e o grupo de Oratorio deste mesmo curso preparou un kit de supervivencia para defender os dereitos das nenas e dos nenos na contorna dixital. Con este traballo participou hoxe no Pleno da infancia e da mocidade que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela hoxe mesmo. 

Día Mundial da Infancia - 4º ESO Proxecto Competencial: 

O 20 de novembro celébrase cada ano, dende o 1955, o Día Mundial da Infancia. Este día foi proclamado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de promover o benestar infantil e fomentar a fraternidade entre os nenos de todas as nacións. 

Celébrase este día en conmemoración de dous feitos importantes na protección dos dereitos infantís: a adopción da Declaración dos Dereitos do Neno e a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno.

Aínda que se fala moito dos dereitos dos nenos, hoxe en día moitos deles seguen sen ser respectados en todo o mundo. Hai países onde os nenos viven rodeados de guerra, fame ou medo, e outros onde non poden ir á escola nin recibir atención médica cando a precisan. En lugares como Gaza, Sudán, Congo ou Haití, millóns de nenos tiveron que fuxir das súas casas por culpa da violencia. Moitos viven en campos de refuxiados, sen comida suficiente nin un lugar seguro onde durmir. Outros foron recrutados por grupos armados ou convertidos en vítimas de explotación e abusos. 

Tamén hai nenos que traballan desde moi pequenos porque as súas familias non teñen recursos, máis de cento trinta millóns de nenos seguen obrigados a traballar no mundo. 

Para cambiar isto, o importante é reivindicar que todos os nenos teñen dereito a vivir con dignidade, a ser escoitados e a ter un futuro. Á parte das organizacións internacionais que defenden estes dereitos, as familias, escolas e os propios nenos debemos defender estes dereitos para ter un mundo máis igualitario onde a infancia goce destes dereitos. 

Para máis información podedes entrar nestes enlaces: 

Nerea Fernández Larrea e Julia Rubio Geada - 4º ESO A

Pleno da Infancia e da Mocidade - 4º ESO Oratoria: 

Con esta ferramenta dirixida á xente nova para a prevención de riscos en Internet, o alumnado de 4º ESO de Oratoria súmase á celebración do Día Mundial da Infancia 

Ofrecer consellos para que a mocidade poida aproveitar as posibilidades de Internet dunha maneira segura e responsable. Este é o obxectivo do Kit de supervivencia dixital que o alumnado de Oratoria do IES Perdouro presentou hoxe no pleno infantil e da mocidade do Concello de Burela. 

Coincidindo co Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, os alumnos de 4º ESO Asier Álvarez Maseda, Samuel Quiroga Díaz, Álvaro Veiga Rego e Sara Villarquide Fraga levaron a este pleno extraordinario dez consellos para axudar a reducir os riscos aos que se enfronta a xente nova no ámbito dixital. Para iso, expuxeron casos relacionados con diferentes problemáticas, como o ciberacoso, o sexting, o grooming, as apostas en liña ou a adicción aos videoxogos, e propuxeron medidas para evitalas. 

No pleno tamén participaron alumnas e alumnos do IES Monte Castelo e dos CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre de Burela que, ademais de recordar os dereitos dos nenos e das nenas no mundo dixital, solicitaron o compromiso das persoas adultas e de institucións e entidades para darlles cumprimento. 



Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...