Este ano, o alumnado de Formación Profesional (en adiante, FP) do IES Perdouro tivemos a oportunidade de visitar o 8º Campionato Galego de Formación Profesional – GaliciaSkills 2025, que se celebrou nun pavillón do recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra). A visita tivo lugar o pasado 29 de outubro. No noso caso, era a segunda vez que estiveramos nun evento con tanta xente nova demostrando o seu saber facer, xa que a primeira vez fora en FP Innnova.
O denominado “Galicia Skills” é un concurso cheo de esmero e entusiasmo que fai que os visitantes adquiramos moitas ideas do que poder estudar e traballar nun futuro.
O pavillón estaba dividido en diversas zonas onde o estudantado de FP competía amosando as súas habilidades. Nada máis entrar, había que atravesar un túnel que nos daba a benvida. A entrada foi moi emocionante, pero ver toda a variedade de ciclos formativos que había dentro alucinounos. Estaban as especialidades de Carpintería, Ebanistería, Soldadura, Fontanería e Calefacción, Instalacións Eléctricas, Control Industrial, Fresado, Refrixeración e Aire Acondicionado, Tecnoloxía de Vehículos Pesados, Pintura de Automóbil e Preparación de Carrocería. Nesa parte todo soaba a metal e máquinas e cheiraba a madeira recentemente cortada; ese olor é tan marabilloso…
Logo fomos á zona máis creativa (Xardinería Paisaxista, Viveirismo, Escaparatismo...). A quen non lle gusta que lle regalen un ramo de flores? Na zona de floraría podíanse ver de todo tipo e de todas as cores. Aquilo parecía un mundo cheo de alegría, un paraíso onde os soños eran espectaculares e o olor das flores parte dos seus cumpridos.
Se es máis de “poñerte as botas”, que mellor que ver concursar ao alumnado dos ciclos de Panadaría coas súas incribles obras mestras de pan. E os de cociña? Ai!, os de cociña, xa nos gustaría a todo o público que estabamos alí poder comer os manxares tan exquisitos que estaban facendo….
Idaira Fernández Fernández e Yanira López Basanta - 2º curso do CB de Servizos Administrativos
Outro momento especial foi ao chegar ao stand de Instalacións Eléctricas, onde estaba competindo un alumno do noso centro, Izan Domínguez Soto, que cursara o curso do mesmo nome e que dito sexa de paso, tamén foi un dos grandes motivos polos que se levou a cabo a saída didáctica. O ambiente, pese a ser unha competición, era moi san, e puidemos apreciar que é unha experiencia moi boa e enriquecedora; aínda que tamén moi demandada, xa que el traballaba moitas horas seguidas con poucos descansos para comer. Dende aquí felicitámolo por todo o traballo que fixo e por representar ao noso instituto neste campionato rexional.
No regreso a Burela, o ambiente no autobús era algo máis tranquilo. Moitos iamos cansos, pero tamén satisfeitos por todo o que aprenderamos. Esta saída permitiunos ver que o que estudamos ten unha aplicación real e que existen máis oportunidades profesionais das que pensamos. Aínda que, se tivésemos que mellorar algo, sería o tempo para poder estar alí. Como Silleda queda algo lonxe da nosa vila, é difícil botar moito tempo, pero quizais se podería valorar a opción de ir algo máis cedo.
Para finalizar, nós, o alumnado de Administración e Finanzas, propoñemos que se midan as nosas “skills” a través do programa “Mecanet”, onde poderiamos competir con outros institutos ou centros por ver quen escribe máis rápido e máis correcto o mesmo texto nun límite de tempo. Ou tamén, poderiamos participar na categoría de “Demostracións”, simplemente traballando no noso stand e resolvendo dúbidas da xente que estea interesada no noso ciclo. É algo positivo que teñamos tamén representación neste campionato, como o resto de familias profesionais, para darnos a coñecer.
Agradecemos ter vivido esta experiencia e agardamos outras igual de proveitosas!
Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.
Lucía López López e Raúl Fernández Barrera - 1º CS Administración e Finanzas
.jpeg)

Sem comentários:
Enviar um comentário