10.11.25

Saída micolóxica ás Lobeiras

O pasado 21 de outubro, o alumnado de 1º de Bacharelato A realizou unha viaxe ás Lobeiras para efectuar un percorrido micolóxico e así poder coñecer máis sobre os fungos da nosa zona. 

Ao chegar ao noso destino, a nosa guía, Cristina, amablemente comezou unha explicación sobre estes seres vivos, achegándonos información como as súas características (teñen quitina, poden ter varias formas de vida, son heterótrofos...), os tipos (zigomicetos, ascomicetos e basidiomicetos -estes últimos son os máis característicos na natureza, xa que son os coñecidos cogomelos), as partes (hifas, micelio, as basidioesporas...) e máis datos interesantes. Ademais de explicarnos o básico, ensinounos diversos tipos que recollera (como a Russula nigricans, Amanita citrina...) e que veriamos durante a nosa saída, xa que é importante saber distinguilos para non sufrir ningunha intoxicación. Algúns son tóxicos ou velenosos e polo seu aspecto pódense parecer a outros que comemos nesta época do ano. 

A continuación, comezamos a camiñar polo monte para intentar visualizar algunha especie pola nosa conta, mentres gozabamos dun tranquilo paseo. Atopamos os coñecidos “Peidos de Lobo” (Lycoperdon perlatum) e algún tipo máis. Despois, tivemos que eliminar unha zona do noso itinerario xa que non estaba o suficientemente húmido para ver os cogomelos que buscabamos; non obstante, deixáronnos máis tempo para buscar máis fungos libremente. Como estabamos tan ilusionados, atopamos máis tipos coma a Laccaria Laccata (que solta látex se se corta) ou o Paxillus involutus, un fungo tóxico; tamén vimos unha ra. 

Finalmente, o noso tempo esgotouse e tivemos que volver ao instituto dando por finalizada esta divertida saída. O tempo pasou voando! 

Podes acceder ás imaxes AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...