15.2.18

A Mariña ten Historia (II): Ruta pola Mariña Oriental e Central

Os alumnos de 4º da ESO A fomos desde Burela ata os arredores de Ribadeo para facer fotografías co obxectivo de coñecer a Historia da Mariña e, posteriormente, elaborar con elas o calendario do centro para o 2018.

Comezamos o percorrido na igrexa de Cangas. Alí explicáronnos que é unha igrexa do s. XVII. Diante dela, atópase unha vella moreira, que é unha das poucas árbores da Mariña que está inscrita no Catálogo galego de árbores senlleiras. Esta igrexa e o seu cemiterio están construídos sobre un castro.

Logo, chegamos á Casa de Reimunde en San Martiño. Trátase dunha casa grande dos s. XVIII-XIX con numerosas chemineas e unha gran galería. Pertence á casa un eucalipto de gran porte que tamén consta no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Na Frouxeira vimos os restos da fortaleza baixomedieval (s. XV) do mariscal Pardo de Cela. Este baluarte foi atacado polos Reis Católicos e o seu dono foi executado na praza da catedral de Mondoñedo.

A seguinte parada foi no Santo Estevo do Ermo, enclave rico en lendas e en mananciais. Estivo habitado por mulleres eremitas posiblemente na Alta Idade Media. O seu labor tiña que ver seguramente coas propiedades cuativas da Fonte das Rosas e da Fonte de Ferro que se atopan neste lugar.

Logo dirixímonos á Casa do Penelo, que é unha casa indiana, é dicir, ten a construción propia das vivendas que mandaban levantar os emigrantes adiñeirados despois de chegar dende América. O xardín ten árbores de gran tamaño que foron traídas tamén de América.

Despois disto, fomos ver A Roda que é un círculo lítico que podería ser un henge (área circular ou esférica de grandes pedras en torno a unha superficie plana) que pode datarse arredor de 1500-1000 a.C.

Visitamos tamén as cetarias de Rinlo, que son unhas instalacións realizadas no s. XIX aproveitando furnas escavadas polo mar para a cría de marisco.

En penúltimo lugar, pasamos polo Castro das Grobas que é un castro que destaca pola súa estrutura defensiva de parapetos e foxos de grandes dimensións

Por último, fomos ver as Pisadas do Encanto que son uns petróglifos podoformos (inscricións en forma de pé ou de dous ou máis pés xuntos) escavados en lousa. Son representacións de pegadas humanas e de oso datadas arredor do 1000 a.C. e situadas nas Anzas, no concello de Ribadeo.

Accede o albún de foto picando aquí
Crónica de Damaris Gabriela Popovici, 4º ESO - Maruxía

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...