15.4.18

De Burela a Santa Comba: andar a terra para coñecela e querela cada vez máis.

Como resultado da colaboración entre as vice-direccións de actividades extracurriculares e os respectivos Equipos de Normalización Lingüística, os Institutos de Ensino Secundario Perdouro (de Burela) e Terra de Xallas (de Santa Comba) organizaron un intercambio educativo para profesorado e alumnado do segundo curso de ESO. Despois dun intenso traballo de coordinación realizado por Cristina Durán Arufe e  Ana Isabel López Novo desde Santa Comba e de Miruca Parga Valiña e Karina Parga Chao desde Burela, o día 13 de abril comezaron as actividades conxuntas. Foi nunha intensa xornada que se desenvolveu nas Terras do Xallas, con inicio no centro escolar e final na localidade do Ézaro (Dumbría).
Desta vez, tocaba erguerse cedo na Mariña. Un pouco antes do habitual, ás sete, estábamos en movemento e ás oito menos cinco minutos xa facíamos unha foto de grupo na estación dos autobuses. Con ilusión compartida, subimos ao autobús guiado por Carmen e dirixímonos a Foz e A Espiñeira para tomar a autovía, da que tivemos que saír pouco despois coa consecuencia dos continuos cortes de servizo por culpa da néboa no Alto do Fiouco na Serra da Corda. Salvo ese atranco anecdótico, reincorporámonos de novo á vía rápida á altura de Abadín e fomos deixando atras Vilalba, Baamonde, Guitiriz, a Costa do Sal, Betanzos para nos encamiñarmos ao Mesón do Vento e A Silva, xa a pouquiña distancia de Santa Comba, o noso primeiro destino. Tres horiñas de feliz viaxe sen parada hixiénica, o que é moito de agradecer.
No patio do IES Terra de Xallas agardábannos coa mesma ilusión máis de medio centenar de mozas e mozos e as súas profesoras directamente implicadas no intercambio. A boa organización docente e a boa disposición da mocidade implicada propiciou que en poucos minutos xa estivésemos comodamente sentados no salón de actos, onde nos dirixiu unhas palabras de saúdo o director, Modesto Refojo Alvariño (profesor da área de Música, actividade que combina coa produción discográfica e a participación en Pepe Vaamonde grupo). Nun discurso moi sintético e moi próximo, a primeira autoridade educativa do centro anfitrión deunos a benvida, agradeceu o traballo do profesorado implicado e fíxonos unha brevísima presentación da situación xeográfica e económica de Santa Comba (porta de comunicación entre as Terras de Santiago e a Costa da Morte).
Unha aproximación máis profunda á localidade e á comarca recibímola da profesora Aurora Puentes Graña, doutora en Bioloxía (como a nosa vicedirectora, a profesora María Dolores Otero Rodríguez) e Catedrática de Ensino Secundario. A súa intervención acompañada de numerosas imaxes proxectadas na pantalla conseguiu que nos quedásemos co fundamental: un concello con 17 parroquias, un Monte Castelo como en Burela, o aproveitamento do caolín (con diferente uso), a estrutura xeolóxica de rochas moi antigas, a paisaxe das enormes pradarías, das pequenas áreas forestais e das minas a ceo aberto; o maior índice de pluviosidade de Galiza, as reivindicacións agrícolas... e o Xallas e as súas terras. En poucos minutos levounos á Fervenza de Castriz, aos encoros e á central hidroeléctrica, mostrounos os cabalos garranos e recomendounos a lectura dun libro que gardamos con moito cariño na nosa biblioteca (O volframio de Varilongo, de Carmen Blanco; en Ed. Xerais) e o visionado dunha película gravada entre Santa Comba e Casaio - Ourense e titulada Lobos Sucios, dirixida por Simón Casal (2015).
Precisamente o sorteo de dous exemplares do libro sobre o volframio -con fortuna para Manuel González e Hugo Cobas-, deu paso á entrega dun simbólico e moi práctico regalo para cada un dos membros da delegación visitante. A seguir, o alumnado anfitrión reincorporouse ás aulas ordinarias e a xente de Burela fomos recuperar enerxías á cafetaría escolar, un magnífico servizo co que conta o instituto de Santa Comba.
Pouco despois das doce da mañá, a nosa condutora Carme xa nos estaba levando para o lugar de Albarín, na parroquia de Alón (a pouca distancia do núcleo municipal). Micrófono en man, toma a palabra o noso guía: Anxo Feás Carro (alumno de 2º de ESO). Primeiro con timidez, mais despois con seguridade, vainos dicindo por onde pasamos; anímanos a contemplar a paisaxe e anticípanos en que vai consistir a seguinte actividade. Mentres o noso anfitrión fala, o alumnado de Burela atende... e é pouco cauto á hora de interactuar coa diversidade lingüística. Anxo Feás fala extraordinariamente ben, con boa fonética e entoación xenuína, mais a súa metafonía do -a (final) choca nos tímpanos dos seus colegas dunha zona en que o mesmo apelido Fanego soa ben diferente en Foz que no Vicedo (ambas localidades da Mariña).
Na granxa Os Agros de Alón recibiunos José Manuel Vázquez Rodríguez, Técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba. Persoa comprometida coa aprendizaxe fóra das aulas escolares, o funcionario da administración local fálanos da importancia da formación académica e extraacadémica e do exercicio do deporte. A seguir, a modo de presentación xeral destacou de novo tres grandes ideas: a minaría, as 10.000 cabezas de gando vacún, principalmente de raza frisoa e dedicadas á produción de leite; e o irmandamento con Río de Janeiro, por razóns de vínculos migratorios.
Despois desta explicación do contexto, chegou o momento da intervención da anfitriona, María Ramos Castro. Xunto con Javier Lage Estévez, ambos emprendedores, puxéronse á cabeza dunha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), iniciativa que esixiu un investimento de 700.000 euros na construción dunha nave para albergar, inicialmente, 220 vacas.
Entramos na granxa pola porta da ternura. Xusto ao lado da porta estaban os cortellos das crianzas, desde a zona das de dous días á das dunha semaniña e das xa máis grandiñas, antes de mandar para os cebadeiros ou para a reposto de futuras produtoras de leite. Alí diante dos nosos ollos tivemos un becerriño frisón, de cor ruba, unha "rara bovis", destinado a paternidade. Unha delicia con tres días de vida que acabou por facer desaparecer aqueles prexuízos iniciais de "e que habemos ver en Santa Comba? Vacas? Imos facer unha excursión para ir ver vacas?".
Certamente, tamén queríamos ver iso. Tamén queríamos ver vacas e coñecer por dentro outra actividade do sector primario como o é a pesca. Na corte das vacas entramos por unha zona de cama de palla: a destinada ás próximas ao parto. Despois pasamos á zona das recén paridas (post-parto), xa deitadas en cama de caolín de Vimianzo (parecido ao que ten un uso ben diferente en Burela e Sargadelos); e á do lote de secas, onde están entre os sete e os oito meses e medio de xestación, con alimentación máis lixeira.
Despois de 45 minutos de exposición brillante, "in situ", xa comezaron as preguntas con total fluidez (porque os prexuízos estaban estacionados): como empreñan as vacas?, por que levan eses "pendentes"? Nese momento, chegou o carro alimentador e presentouse moi ruidoso, mais xa de por si era suficientemente actractivo como para esperar polas explicacións dos preñescos e dos crotais.
Na sala de muxido ou de ordeño (que ambas palabras son do noso idioma, aínda que non o pareza) coñecemos o sistema de extracción do leite en simultáneo a 24 animais. Comprobamos a hixiene do local e vimos o funcionamento das máquinas.
Nos últimos minutos, aproximándonos ás dúas da tarde, subimos a unha oficina e salón de actos. Sentamos comodamente e recibimos: a) unha lección sobre o proceso de elaboración dos produtos lácteos; b) sobre a presenza da lactosa en diversos alimentos (como é o caso dos embutidos); d) sobre o destino da produción da SAT Os Agros para a elaboración de leite condensado dunha coñecida multinacional; e) sobre a produción das 178 vacas leiteiras, que daba 37'1 litros por día, en dúas muxiduras (6:30 e 18:00) ; f) sobre os diferentes destinos do leite producido nas outras 500 granxas existentes no termo municipal de Santa Comba; e g), o máis importante, unha lección de vida que moitos e moitas non van esquecer: "hai que dedicarse a aquilo polo que se sente paixón". Así nos falou María Ramos Castro, muller galega emprendedora, a quen despedimos cun sonoro aplauso.
Aínda que as once se tomen reconstituíntes líquidos e sólidos (como foi o noso caso), ás dúas e pico os estómagos xa se queixan. Tamén niso tivemos sorte: a organización tiña perfectamente estudado o sistema de distribución por grupos para fomentar a convivencia. En poucos minutos xa estábamos acomodados e tíñamos diante de nós boa comida. Quedounos só unha intriga: que empresa tería feito as empanadas? Excelentes! Con elas e con algo de bebida ben se tiraba a carreiriña dun can.
A carreriña dun can é o traxecto que percorre o río Xallas ao Ézaro, os 66 km que separan Santa Comba do mar de Dumbría. Novamente con Carme ao volante, pasamos por lugares de nomes pondalianos: Cícere, Grixoa, Pudenza, Lumideiro, Baíñas, Berdoias -aquel reduto do sistema foral no tránsito entre os séculos XX e XXI, con desafiuzamento de labregos- e Berdeogas, Dumbría, Cee, Ameixenda, Brens -o porto de infeliz memoria para a Mariña- e o Ézaro.
Nada máis chegar ao Ézaro, na anteporta da fervenza e da planta hidroeléctiva, tivemos outra magnífica mostra da excelente organización das nosas colegas Cristina Durán, Ana Belén López e Pilar Pérez. Agora o ás que sacaron da manga chamábase Ada González, Técnica de Turismo do Concello de Dumbría. Con voz poderosa e subida a un bloque granítico, logrou facerse escoitar por cento dez adolescentes que se coñeceran só unhas horas antes. Mesmo conseguiu que se interesasen pola xeoloxía do Monte Pindo, emerxente das augas polas que estivo cubertos en tres das súas cuartas partes; polo carballo anano, autóctono daquela zona; pola etimoloxía dos dous nomes do río (EZA: "movemento rápido da auga"... e tan rápido!) e polas lendas do fondo da fervenza e da cova da Xoana. Escoitando as súas explicacións, enténdese facilmente que Ada González sexa unha autoridade en materia de promoción turística local do que poden dar fe as máis de 60.000 personas que pasan cada ano polo posto de información situado na área recreativa de entrada a esta marabilla da natureza.
Feitas as despedidas, tocaba desandar o camiño andado e chegar desde a Costa da Morte á Mariña, sentido pena por non ter tempo para visitar Cee ou Vimianzo, co castelo a un tiro de pedra da estrada.
-Profes, temos fame e ganas de mexar. Hai que parar en Guitiriz.
-E non pode ser en Vilalba, que hoxe vénnos mellor así?
-Pode, claro. O caso é parar... Para chegar á casa sempre hai tempo.
Xustamente, cando se asumen ben as responsabilidades, o tempo deixa de ser un problema e un día pódese saír da casa ás sete da mañá e retornar a ela ás once da noite sentíndose ben. A nosa profesión regálanos vivencia así, que dá gusto contar.

Bernardo Penabade Rei - Profesor de Lingua e Literatura

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...