12.4.18

Representación teatral Anágnorise (Letras Galegas)

O xoves 5 de abril acudimos á representación da obra teatral Anagnórise na Casa da Cultura do Concello de Burela. Ademais de nós, tamén estaban os alumnos de secundaria doutros institutos da zona.

A obra teatral está baseada no libro de María Victoria Moreno Márquez que nós limos na Semana Santa para facer un exame o día 3 de abril, polo que xa sabiamos a trama e o desenlace da historia.

O espectáculo, que foi interpretado por dous rapaces de Limiar Teatro, comeza co tema de David Bowie que tanto lle gusta a Nicolau, o protagonista da novela. A continuación, len o principio do libro e proxectan no teito do coche (que se supón que é o de Xulia, a outra personaxe da novela) unha introdución á obra mentras soa a banda sonora de Star Wars e fan un breve resumo do libro. Posteriormente, realizan unha especie de concurso chamado “Xuízo e prexuízo” no que Nicolau interactúa co público pedíndolle a un rapaz que chame a algúen para axudarlle a resolver unha pregunta (sobre unha das opinións que o protagonista verte no libro sobre as mulleres). Continúa a representación coa historia do mosteiro de San Cibrán, que  nós sabiamos moi ben porque foi unha das preguntas que nos puxo a profesora de galego no exame.

Despois, os actores “desprázanse” á festa de Castro de Uces e póñense a cantar unha canción contando a historia como se fosen os cantantes dunha orquestra da festa. Avanzan no tempo ata chegar á viaxe de volta en tren de Nicolau e despois, simulando un dos seus recordos, proxectan na porta do coche as caras do público que lles serven para ilustrar o bar do Coxo (amigo de Nico e onde se xuntaban todos os amigos para beber alcol). A continuación, cambian de ambiente e reflexionan sobre o parecido entre Xulia e a autora do libro. Por último, falan da estancia de Nicolau en Madrid nos anos 80 e len a carta que lle deixou Xulia a Nico na habitación antes de morrer. Como remate, volve a soar o tema preferido de Nico co que comezou a obra.

A miña opinión sobre esta actividade é moi positiva xa que me pareceu moi entretida e despois de ler o libro quedáronme as ideas moito máis claras. En canto á historia á que se refería, o final paréceme moi impactante pero polo medio non me agradou moito lela xa que se perdía o fío facilmente.

Ver a reportaxe fotográfica aquí.
LAURA PERNAS
4º ESO


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...