9.5.16

Exposición "Os soños de Manuel María" da microrrede de bibliotecas escolares da Mariña

Microrrede da Mariña, dinamizando as comunidades educativas a través da literatura

Durante cinco anos as bibliotecas de varios centros educativos da zona da Mariña veñen a desenvolver un proxecto conxunto para o fomento da lectura nas familias. Dito proxecto trata de involucrar ao maior número de sectores que influen na promoción dos libros, o gusto pola lectura, o intercambio de experiencias e sobre todo, impulsar a colaboración das familias na promoción da cultura e a formación lectora dos seus fillos. O proxecto deste ano titúlase Os soños de Manuel María e ten como obxectivo coñecer e valorar a figura e a obra deste gran escritor e intelectural lucense; así como fomentar e dinamizar a cultura entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O proxecto conta con varias fases:
1- Os nenos axudados pola familia elaboran un traballo escrito e plástico sobre algunha obra de Manuel María.
2-Todos os traballos recollidos polos centros educativos se expoñen en dito centro durante o mes de abril (Mes dos libros) e parte de maio.
3- Durante a semana das Letras Galegas, hai unha gran exposición dos traballos de todos os centros educativos participantes no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, do 11 ao 13 de maio de 18h a 20h.
4- Durante esa semana, a exposición está aberta ao público en xeral e cada tarde hai actuacións do alumnado e incluso profesorado dos centros educativos que participan na actividade.

Programa das actividades dinamizadoras do martes 10 ao venres 13 de maio de 18:00h a 20:00 h

Martes 10, ás 18:00h.
  • Inauguración da exposición coa participación das Comunidades Educativas, dos Centros escolares e  das Autoridades.
  • “Os soños non poden estar engaiolados” a cargo do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.
  • “Cantando” de IES María Sarmiento de Viveiro.
  • “Recital poético” de IES Perdouro de Burela.
Mércores 11, ás 18:00h.
  • “Todo me fala de ti” a cargo de EEI San Roque de Viveiro
  • “Pecas, Dragoncín e o tesouro” (adaptación) de CEIP Plurilingüe de Covas.
  • “Interpretando O bigote de Mimí” a cargo de CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove.

Xoves 12, ás 18:00h.
  • “Musicando a Manuel María” (adaptacións), a cargo de CEIP de Cervo.
  • “Un percorrido musical polas nosas celebracións” de CEIP A. Pedrosa Latas de Celeiro.
Venres 13, ás 18:00h.
  • “Aventuras e desventuras dunha espiña chamada Berenguela”, representada polo alumnado do CEP Lois Tobío de Viveiro.
  • “De Rosalía a Manuel María...Poesía” a cargo de Ermitas Orol.
  • Clausura da Exposición
No proxecto Os soños de Manuel María participan os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:
• EEI San Roque (Viveiro)
• CEP Lois Tobío (Viveiro)
• CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro)
• CEIP Pedrosa Latas (Celeiro)
• CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo)
• CEIP de O Vicedo (Vicedo)
• CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove)
• CEIP de Cervo
• IES María Sarmiento (Viveiro)
• IES Vilar Ponte (Viveiro)
• IES Perdouro de Burela
• IES Illa de Sarón de Xove

8.5.16

Charla sobre doazón e transplante

Os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistiron a unha charla sobre DOAZÓN E TRANSPLANTES levada a cabo pola OCT (Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde) o pasado martes 19 de xaneiro. Marta Álvarez, enfermeira e coordinadora da Unidade de Transplantes de Órganos de Galicia, impartíu a parte teórica explicando quen pode ser donante e as condicións especiais para doar unha vez que se produce a morte cerebral: criterios clínicos, grupo sanguíneo, peso, talla, criterios territoriais, etc... Hai que ter en conta que a doazón de órganos e tecidos é voluntaria e altruísta e sempre anónima. Ademais de falar de todo o mecanismo que se pon en marcha cando aparece unha doazón, a enfermeira indicou a esperanza de vida dalgúns órganos transplantados como por exemplo o  ril, 40 anos, o corazón, 24 anos, e o figado, 30 anos. Logo da exposición, tivo lugar a testimuña en primeira persoa. Lola Casais contou a súa experiencia aos alumnos. Deu a coñecer o seu caso persoal como transplantada de fígado. Leva 13 anos e 4 meses transplantada segundo nos indica. Con 8-9 anos sufría de cólicos moi grandes. Foi nai e aos 22 anos tivo un accidente de coche moi forte. Detectáronlle entón quistes no fígado. Ata aí tivo unha calidade de vida moi mala, pasaba moito tempo ingresada pola fiebre e pola infección. Ata aquel momento nunca antes lle falaron de transplante e dicidíu entrar na lista de transplante. Botou 1 ano na lista. Tiña que estar localizable as 24 horas do día. Confesa ter estado desesperada pola espera. Cun 38 anos chegou o día de recibir un fígado compatible. Estivo 21 días ingresada despois do transplante, tempo moito menor de cando estaba enferma. Os enfermos de transplante quedan coas defensas moi baixas e están na UCI illados antes de poder subir a planta cun familiar. Hai que saber cun transplantado ten unha medicación de por vida. Sentíu un baixón e culpabilidade despois do transplante pensando no donante e na súa familia pola decisión tomada da que está  moi agradecida. Recibíu apoio psicolóxico. Grazas ao transplante ten mellor calidade de vida e pode levar unha vida "normal".

BiblioPerdouro: Novidades en lingua galega

E aquí as últimas adquisións para a biblioteca para este mes das Letras:

Visita dun ex-alumno: Jesús Arnaú Yáñez

“A miña formación e experiencia profesional” Jesús Arnaú Yáñez

Burela, 5 de maio de 2016

O día 5 de maio o I.E.S. Perdouro recibiu a visita de Jesús Arnaú Yáñez, exalumno do noso centro. Debido ao seu traballo que desenvolve en París, as súas visitas a Burela son limitadas. A pesar desta dificultade, na primeira oportunidade que tivo atendeu amablemente a chamada da A.C. “Os Matos” para ter un encontro co alumnado de 2º de Bacharelato, suxeríndolle que falase sobre “A súa experiencia formativa e profesional”.
Presentado o acto polo Presidente da A.C. “Os Matos”, que fixo tamén de moderador, o noso convidado comezou a súa intervención falando da súa etapa formativa: Colexio Público “Virxe do Carme” e I.E.S. “Perdouro”, na súa vila natal de Burela, e a Universidade de Vigo.
Tivo un recordo especial e moi emotivo do seu paso polo noso centro. Falou con agarimo dos seus compañeiros e dos profesores e dixo que a base acadada nas nosas aulas foi moi sólida, aspecto moi importante para a súa etapa universitaria.
Despois de comentar a súa decisión de estudar Telecomunicacións, relatou o seu paso pola Universidade de Vigo onde obtivo o título de Enxeñeiro de Telecomunicacións. Tamén comentou detalles sobre o Máster que fixo posteriormente: “Applications of Signal Processing in Communications”.
Suso Arnaú continuou o seu relato comentando sobre os traballos feitos como becario, colaborador e investigador, vinculados coa Universidade de Vigo e outras universidades europeas e americanas.
A intervención rematou falando sobre o seu traballo actual nunha empresa de orixe chinés, punteira no mundo das telecomunicacións, na súa sede de París, e da importancia de dominar varios idiomas.
A súa exposición durou unha hora, que se pasou moi rápido debido ao interese do tema exposto, e foi seguida con moita atención polo alumnado e por varios profesores que non quixeron perder a oportunidade de escoitar a un exalumno cunha traxectoria tan brillante.
Rematado o encontro, démoslle as grazas pola súa presenza no Instituto e convidámolo a repetir a experiencia, aceptando de bo grado a nosa proposta, dicindo que era un placer volver ao I.E.S. Perdouro.

Antón Niñe Fernández

Carteis Letras Galegas do IES Perdouro

O alumnado de 1º de Bach. de TIC elaborou a súa cartelería anual adicada ao persoeiro homenaxeado das Letras Galegas. Se queres coñecer quen foi Manuel María, autor chairego conmemorado para celebrar as Letras Galegas 2016, non deixes de botarlle unha ollada a este traballo.

7.5.16

Correlingua 2016

Este ano tócoulle a nosa vila ser a anfitriona  do Correlingua 2016  na Mariña. A convocatoria anual celebrouse o xoves 5 de maio baixo o lema "O galego está en nós". A camiñata a prol da lingua xuntou a máis de 1600 rapaces e rapazas de primaria e secundaria de toda a Mariña. O percorrido iniciouse na praia da Marosa para rematar na praza da Mariña. A partir das 11h empezou a carreira para os corredores e despois saíron os camiñantes. Logo de máis de media hora de paseo empezou na praza a festa final animada por Talía Teatro. Primeiro, alumnos do IES de Dioniso Gamallo de Ribadeo leron o seu manifesto "Na procura do galego", gañador do concurso do Correlingua 2016. Este manifesto «tentan mostrar que o galego non é algo alleo a ninguén de nós, que está presente no noso ser, e que o mellor que podemos facer por el é vivilo, é dicir, falalo. Describe como podemos percibir o galego a través dos nosos sentidos». Logo entregáronse os premios aos gañadores da carreira nas diferentes categorías. Edmilson Monteiro, de 1º de ESO, e Pablo García, de 1º de Bac, lograron unha medalla. Despois, actuaron alumnos do IES Monte Castelo, CEIP Virxe do Carmen, IES Marqués de Sargadelos, e nós con recitados de Enya e Andrés e desfile do lema feito polos alumnos de 1º de ESO. E, finalmente, o grupo Zënzar pechou o acto coa súa actuación de rock galego. Unha súper mega festa !!! Ver a nosa completa reportaxe fotográfica aquí.

6.5.16

Clase de matemáticas ao aire libre: Cúpulas de Leonardo da Vinci

Non sabedes que son as cúpulas de Leonardo? Pois o alumnado de 2º ESO xa o sabe. Grazas a iniciativa do seu profesor de Matemáticas, Manuel Vilariño, para celebrar o mes das Matemáticas, os alumnos saíron ao patio cunha caixa chea de paos que se enganchan segundo o patrón iniciado por Leonardo da Vinci.
No blog da Ciencia en galego, dinos que numerosas páxinas do Codex Atlanticus (pag 899r y 899v) dan testimonio do intento de Leonardo de elevarse por encima da xeometría plana e acadar o reino da terceira dimensión, pero sempre chocou contra os límites das posibilidades de cálculo da súa época.  
As cúpulas autoportantes son estructuras que se aguantan  unidas e en pe gracias únicamente e exclusivamente ao seu propio peso e á acción da gravedade. Estas cúpulas son, polo tanto, estructuras recíprocas, nas que os elementos que as compoñen están apoiados entre sí. As figuras que se realizan son poligonais e repítense por traslación, podríamos continuar teóricamente indefinidamente a cúpula.

5.5.16

Torneo de Xadrez - cuartos

Xa sabemos quen son os que van a loitar nos cuartos de final do Torneo de Xadrez. 
Julián rivalizará contra Efren e Sergio contra Álvaro. Sorte!!! 
Felicitamos a Gersón, Jacobo, Brais e Pablo por chegar ata aquí. Parabéns!!!


4.5.16

‘Descubre o fútbol sala’ no IES Perdouro

Hoxe, o CD Burela FS Pescados Rubén visitou o IES Perdouro co seu programa de promoción da práctica deportiva en igualdade, "Descubre o Fútbol Sala". A actividade foi destinada ao alumnado de 4º ESO A. Os rapaces/as compartiron dúas divertidas sesións cos xogadores Adrián, Jorge Matamorros e a xogadora Ceci do equipo femenino ademais do técnico Alfonso Mera. Tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o fútbol sala e as experiencias e anécdotas do CD Burela FS.

1.5.16

Entrevista a Marco Pereira e Helena Valle polo seu programa "Grandes voces do noso mundo"

Marco Pereira Oliveira, Helena Valle García e Cristina Ramudo foron entrevistados polo Susana L. Montes, xornalista do Progreso sobre o seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo que se emite todos os venres de 19h a 20h en Radio Burela.

Aquí tedes o resultado desta magnifica entrevista:

Helena Valle y Marco Pereira, durante la emisión de su último programa.  
A vida de Marco Pereira Oliveira, un mozo de 22 anos cego de nacemento, non foi un camiño de rosas, aínda que na actualidade atravesa quizais polo seu mellor momento e non dubida en confesar que é feliz. Os seus novos amigos e os seus proxectos de futuro, que pasan por estudar Xornalismo, ten boa culpa do seu bo estado de ánimo, ao que sen dúbida contribúe o éxito do programa ‘Grandes voces do noso mundo’, que cada venres presenta en Radio Burela xunto á súa compañeira do IES Perdouro Helena Valle.

A paixón pola radio vénlle de neno. "Sempre me acompañou, porque é un medio moi descritivo", explica, mentres rememora que os seus primeiros primeiros pasos foron no instituto de Xove, localidade na que reside, "gravabamos no recreo, porque non podiamos emitir en directo", di.

Un intento que se tornou en realidade cando puido facer o seu propio programa en Radio Valadouro, ‘Grandes voces’. "Adicábamos cada programa a un músico ou un grupo", recorda o mozo, que puido repetir experiencia este ano na emisora burelense, da man de Matías Nicieza co que traballou no Valadouro, onde a radio xa non emite.

O programa actual busca promocionar a artistas de raíces galegas e, ademais de dar a coñecer a súa música, fan unha entrevista en directo con algún cantante que, á súa vez, recomenda a outro artista, o que lles permitiu importantes descubrimentos. 
Marco manéxase á perfección co WhatsApp e en redes sociais
Os guións elabóraos Marco, que conta coa incondicional axuda de Cristina Ramudo, a súa profesora de Pedagoxía Terapéutica desde que empezou secundaria e que se converteu "nos meus ollos" durante a última década, como lle gusta dicir a Marco. A docente encárgase de pasar a braillie os guións, do mesmo xeito que fai cos apuntamentos de clase, e o primeiro que chama a atención son a cantidade de follas que ocupa na linguaxe deseñada para persoas cegas. "Por dúas follas que teño eu, Marco igual ten dez", conta Helena Val, que participa con el nos programas desde a súa primeira emisión, o 22 de xaneiro.

Un primeiro directo que foi un "bonito desastre", recordan entre risas, pois aínda que ambos tiñan experiencia –Helena ten outro programa na mesma emisora– coordinarse non foi fácil, porque a lectura en braillie é máis lenta. "Tocáballe non brazo para avisalo de que tiña que falar e axudábaoo se sw perdía co guion", recorda Helena, que é un auténtico bulebule de actividade e converteuse na compañeira perfecta para Marco, moito máis tranquilo.

Os nervios, logo de catorce programas celebrados o pasado venres, permitiron unha perfecta sincronización, que se dá tamén fora do estudo e Helena converteuse nunha das mellores amigas de Marco.

NON SEN O SEU MÓVIL. A moza recorda que ao principio pensaba todo o que lle dicía, por medo a incomodalo, "pero un día atrevinme a preguntarlle" e logo dese primeiro por que viñeron moitos outros, que consolidaron a súa amizade. "Non hai nada dA miña vida que Helena non saiba", afirma o raparigo, quen se manexa á perfección coas redes sociais e ten unha impresionante soltura co WhatsApp.

Marco non esconde que tivo unha infancia "dura", ao non lograr integrarse co resto de nenos e quedar fóra dos seus xogos. "Gustáballes o fútbol e a Playstation, así que imaxínate", di. 
Marco: "os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia"
Unha soidade á que se viu forzado polo feito ademais de que se negaba a aceptar a súa enfermidade e soñaba con que un día podería ver. Non foi ata a adolescencia, como recorda Ramudo, en que foi plenamente consciente e iso foi un punto de inflexión para mellor, aínda que aínda se atopa coa intransixencia de moitos. "Hai xente que me di por que non poño lentes e iso é só porque lles molesta verme", conta, ao que Cris Ramudo replica de inmediato que "hai xente que ve, pero que é cega".

Tras acabar o Bacharelato, que cursou en San Cibrao, matriculouse este curso no Ciclo Superior de Administración e Finanza no instituto burelense, uns estudos que "creo poden abrirme as portas para ou mundo laboral", aínda que o seu soño pasa por ser xornalista, unha carreira que xa está a cursar un amigo en Santiago e que lle mantén ao día. "Xa lle digo que me garde os apuntes para que Cris os vaia pasando a braille porque vaille levar un mundo", di nunha chiscadela á súa profe, consciente do esforzo que supón para ela pasarlle os textos de clase. "Os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia", recorda.

Ademais dos apuntamentos, os exames adáptanse á súa discapacidade. "A verdade é que estou moi orgulloso de todos", asevera Marco, a quen a única pega que pon ao centro é a súa accesibilidade, que lle obriga a ter que usar o bastón, "a miña arma" a miúdo.

No Perdouro tamén están encantados co entusiasmo de Marco, quen é incluso un revulsivo para outros alumnos, que se contaxiaron do seu esforzo para aplicarse nos seus estudos. "É algo bidireccional", comentan desde o centro, onde están implicados un gran número de profesores e alumnos. Entre estes últimos está Mónica Palacios, que se encarga do blogue do programa de radio, unha actividade que se enmarca dentro do Programa Burela que se desenvolve desde o centro para fomentar o uso do galego en todas as facetas da vida.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...