8.5.16

Visita dun ex-alumno: Jesús Arnaú Yáñez

“A miña formación e experiencia profesional” Jesús Arnaú Yáñez

Burela, 5 de maio de 2016

O día 5 de maio o I.E.S. Perdouro recibiu a visita de Jesús Arnaú Yáñez, exalumno do noso centro. Debido ao seu traballo que desenvolve en París, as súas visitas a Burela son limitadas. A pesar desta dificultade, na primeira oportunidade que tivo atendeu amablemente a chamada da A.C. “Os Matos” para ter un encontro co alumnado de 2º de Bacharelato, suxeríndolle que falase sobre “A súa experiencia formativa e profesional”.
Presentado o acto polo Presidente da A.C. “Os Matos”, que fixo tamén de moderador, o noso convidado comezou a súa intervención falando da súa etapa formativa: Colexio Público “Virxe do Carme” e I.E.S. “Perdouro”, na súa vila natal de Burela, e a Universidade de Vigo.
Tivo un recordo especial e moi emotivo do seu paso polo noso centro. Falou con agarimo dos seus compañeiros e dos profesores e dixo que a base acadada nas nosas aulas foi moi sólida, aspecto moi importante para a súa etapa universitaria.
Despois de comentar a súa decisión de estudar Telecomunicacións, relatou o seu paso pola Universidade de Vigo onde obtivo o título de Enxeñeiro de Telecomunicacións. Tamén comentou detalles sobre o Máster que fixo posteriormente: “Applications of Signal Processing in Communications”.
Suso Arnaú continuou o seu relato comentando sobre os traballos feitos como becario, colaborador e investigador, vinculados coa Universidade de Vigo e outras universidades europeas e americanas.
A intervención rematou falando sobre o seu traballo actual nunha empresa de orixe chinés, punteira no mundo das telecomunicacións, na súa sede de París, e da importancia de dominar varios idiomas.
A súa exposición durou unha hora, que se pasou moi rápido debido ao interese do tema exposto, e foi seguida con moita atención polo alumnado e por varios profesores que non quixeron perder a oportunidade de escoitar a un exalumno cunha traxectoria tan brillante.
Rematado o encontro, démoslle as grazas pola súa presenza no Instituto e convidámolo a repetir a experiencia, aceptando de bo grado a nosa proposta, dicindo que era un placer volver ao I.E.S. Perdouro.

Antón Niñe Fernández

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...