16.3.17

Exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro"

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro" destinado ao alumnado de 3º e 4º ESO e 1º de Bacharelato. 

Aproveitando a próxima celebración do día internacional da poesía, tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro". Dita exposición itinerante lembra a figura de Manuel Rodríguez López, escritor nado en Paradela considerado un importante poeta obreiro de Galicia na segunda metade do século XX, discípulo de Celso Emilio e de Manuel María. 
No acto participaron Mariña Gueimunde, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e María José Gómez, xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural, José Manuel Mato, Alcalde de Paradela, e Antonio Giz, director de Galicia Digital e promotor do proxecto, Antón Niñe, Presidente da Asociación Cultural Os Matos e o director do centro, Santiago Pérez. 
Ao remate do acto fíxose entrega ao alumnado dun folleto que presenta os contidos completos da exposición asi como da segunda edición da Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López, coordinada por Xesús Alonso Montero e Santiago Rodríguez. 
O presidente da asociación Os Matos fixo a xestión para traer esta exposición ao centro educativo burelés que estará exposta ata o 06 de abril. Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun gran animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán. 
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega. A estas entidades únese agora o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como novo co-patrocinador do proxecto. 
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXI primeira edición.

Accede ás fotografías no noso álbum.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...