26.10.17

Crónica sobre a charla Di K Non

O martes 3 de outubro visitáronnos os membros da Unidade Terapéutica Educativa do cárcere de Teixeiro.
A xefa do grupo comezou presentándonos o seu traballo e despois deu paso a unha curta, pero moi emocionante, representación teatral. Nela, sen falar e só con movementos, vimos o moi feliz que podes ser e o rápido que se vai esa mesma felicidade cando te unes a un círculo pechado do que é moi difícil saír e do cal dependes. Os actores ían vestidos completamente de negro; un era o protagonista e catro aparecían tumbados no chan e tapados por completo cunha tea tamén negra. O protagonista aparecía coa faciana tapada cunha careta e na súa representación daba a entender o que podes perder e o mal e confuso que poder chegar a estar se entras no mundo do alcohol e das drogas.

Unha vez rematada a representación teatral, cada un  dos seis presos relatou, con total sinceridade e amabilidade (ata cun certo toque de humor), a súa propia historia neste círculo vicioso. Algunhas das experiencias que nos contaron poñían os pelos de punta. Todos eles coincidían no mesmo: comezaron probando a droga por diversión e saíron prexudicados. Aconselláronnos que non seguiramos os seus pasos e que pensaramos o que faciamos para non rematar no cárcere coma eles.

Finalmente, nós fixémoslles preguntas sobre o tema e eles respondéronnos, polo que resultou unha experiencia moi interesante e todo o que nos contaron foi moi importante. Agradécese que estas persoas dean charlas contando a súa experiencia xa que hai que ter moito valor para admitir os fallos e despois estar diante doutras persoas, contalo e tratar de que non se volva a repetir.

PAULA NEIRA e CARLA FRA - 4º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...