17.1.18

A Mariña ten historia (I): Ruta pola Mariña Occidental e Central

Os alumnos de 4º ESO B do IES Perdouro de Burela foron de ruta fotográfica pola Mariña Occidental. Visitaron diversos lugares que tiveron importancia histórica que moita xente descoñece xa que, ou é difícil acceder a eles ou non se coñecen. Por iso, o alumnado de TIC deste curso 2017/18 decidiu elixir como temática estes lugares que non se coñecen para ilustrar o calendario deste ano 2018.

Coas súas cámaras, saíron do instituto ás oito e media da mañá do mércores 25 de outubro. A primeira parada foi en Cabo Burela, situado no paseo marítimo da Marosa en Burela. Alí subiron por un campo no cal se podían ver dous montículos que parecen naturais pero que, en realidade,  son os torreóns de entrada dun castro situado en Cabo Burela que pertence á Idade do Ferro. Estes dous outeiros son coñecidos en Burela como As Tetas da Vinculeira. Na parte de abaixo do castro, pegada ao mar, destaca unha pía de forma rectangular. As pías son baleirados con forma xeométrica realizados nun penedo e coincidentes coa presenza dun castro. Pénsase que tiñan relación con ritos funerarios e poderían datarse arredor do 500 ao 300 a. C.

A segunda parada foi para ver petróglifos en Rueta (Cervo). Trátase de gravados simbólicos feitos na rocha e datados apróxmadamente entre os anos 1.000 e 500 a.C. Un dos que visitamos presenta forma espiral.

A seguinte parada foi no Pazo dos Pedrosa, unha vivenda pertencente a unha familia nobre (descendentes do marqués de Pedrosa) construída no século XVI, situada nas proximidades da vila de San Cibrao. É moi curioso que nunha das paredes interiores da casa está incrustado un mascarón de proa de madeira dun barco.

Un pouco despois, paramos en San Tirso de Portocelo, un lugar con vestixios  de diferentes épocas históricas, comezando cun castro da Idade de Ferro. Posteriormente, sobre el construíuse un mosterio mediaval (século VIII) e, finalmente, unha igrexa do século  XVII. Todos estes restos están ubicados un sobre outro nun contorno moi fermoso da costa de Xove.

O quinto lugar visitado foi a Cova de San Xoán Vello, unha cova, probablemente de orixe mineira antiga con restos dunha antiga igrexa medieval situada no cantil da ribeira oeste da ría de Viveiro. 

O seguinte lugar que visitamos para coñecer a Historia da Mariña foi a espectacular Cova da doncela, una cova de orixe mineira, da que non se sabe a datación, que ten unha entrada bastante estreita. Para chegar ao final, é preciso atravesar un túnel cavado na rocha polo que hai que desprazarse encollido, pero merece moito a pena polas vistas da cavidade que dá ao mar. O que se ve desde o cantil é, fundamentalmente, o Fociño do Porco, un lugar moi visitado ultimamente cun percorrido de dous quilómetros por un carreiro que transcorre por unha lingua de terra no medio do mar con innumerábeis escaleiras.

E xa para ir rematando a ruta, dirixímonos á Mámoa de Guilán, un enterramento prehistórico no concello de Xove, preto do Cruceiro, do Neolítico ou da Idade do Cobre. Esta ten dentro un dolmen que se pode apreciar no alto da mámoa.

E última visita foi á Fundición de Sargadelos, que foi un complexo siderúrxico de fins do s.XVIII, a primeira siderurxia privada de España, industria á que se dedicou a fábrica antes de comezar coa cerámica.

Ao rematar, volvemos á casa claramente convencidos de que, aínda que parte dos mariñáns non a coñecen, a Mariña ten Historia, e moita.

Crónica de Andrea Santos Pereiro, Maruxía – IES PERDOURO 

Accede o albún de foto picando aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...