Esta mañá alumnado de 1º de ESO e de FP Básica asistiu a unha charla sobre ourivería antiga impartida pola Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. A conferencia tivo lugar no Castelo de Castro de Ouro en Alfoz, un dos concellos que forman o Valadouro. A continuación, o grupo de alumnos recibiu información sobre a historia do castelo e a figura do mariscal Pardo de Cela. Remataron a mañá cunha ruta de sendeirismo que os levou á fervenza do Escouridal guiados por Pedro, do Freixo dos Lobos, Ecoturismo e Natureza. A fervenza do Escouridal, constituída por varios tramos de saltos de auga e con máis de 80m. de desnivel, é considerada a máis alta de Galicia.
Xa no primeiro milenio antes de Cristo, é posible atopar xoias de ouro en Galicia. Estamos na época da cultura castrexa. Aurelia Balseiro faloulles de que os achados están vinculados coa proximidade de ríos. A Mariña de Lugo concentra a maior parte da ourivería de Galicia. Atópanse en poboados como mostra do uso común, en cemiterios para acompañar ao defunto ou ben a modo de ofrenda aos deuses dos castrexos.
Respecto á tipoloxía, existen varios tipos de torques que se colocaban sempre ao redor do pescozo. Teñen forma de C con remates máis anchos. Os torques castrexos podían ser decorados. Toda a decoración prerromana era xeométrica. En ocasións, representábase un animal: un pato, por exemplo. Este simboliza a resurección porque era unha ave migratoria que era capaz de irse e de voltar. Os remates dos torques adoptan varias formas: pera, espiral...
O Torque de Burela, a xoia castrexa por excelencia de 1812 g, ten os remates ocos. Algúns torques incluso podían ter unha pedra dentro de cada remate como se fose un axóuxere. É o máis grande e máis pesado da península. É unha peza excepcional. Sería unha xoia para o uso da comunidade ou que simbolizase a toda a comunidade, visto o peso. Porque para conseguir case 2 kg de ouro habería que estar bateando os ríos en busca de pebidas durante dous veráns. Os torques castrexos máis comúns adoitan pesar uns 500 gr.
A ourivería espállase en ocacións produto das viaxes, dos intercambios culturais...
Outra peza salientable da ourivería castrexa son as arracadas que se colgaban pinzando a orella. A que se atopou en Burela é das máis pequenas, pois mide 2 cm de ancho, mais destaca pola súa filigrana, xa que está profusamente decorada.
Na ourivería popular galega practicaban esta técnica decorativa da filigrana, que consistía en ir soldando arames que se ían retorcendo ata conseguir unha decoración en forma de 8 ou de espiral. Sobrepóñense as chapiñas, bólas e medias esferas como elementos decorativos. O resultado semella o debuxo dos encaixes. Cómpre sinalar que a palabra torques ven do latín torquis, do verbo torquere, que significa torcer ou dar voltas.
A maior parte do ouro galaico ten mestura de prata, pero debía de haber moito ouro e non necesitaban facer os torques de prata. De aí que, excepto un de prata, o resto dos conservados sexan de ouro.
A maior parte do ouro galaico ten mestura de prata, pero debía de haber moito ouro e non necesitaban facer os torques de prata. De aí que, excepto un de prata, o resto dos conservados sexan de ouro.
Outras pezas notables da ourivería son o Carneiro alado e a Diadema de Moñes (Asturias) atopados en Ribadeo. A diadema feita con cinta de ouro ten escenas figurativas que se converten nunha secuencia narrativa. Nela vense uns guerreiros castrexos cun torque na man. No caso do Carneiro alado, na actualidade crese que probablemente a súa orixe sexa persa.
Todas as xoias prerromanas tiñan varias funcións. No eido espiritual: enxovais, acompañamento funerario, depósitos votivos, ofrendas rituais. No eido social: ornato, abalorio, exhibición de poder, riqueza, indicadores de xerarquía. No eido económico: riqueza, intercambios, relacións comerciais, agasallos, ...
As estatuas de guerreiros castrexos do sur de Galicia e norte de Portugal represéntanse cun torque, un puñal, un cinturón e unha caetra. Doutras representacións, coma as secuencias narrativas das diademas, dedúcese que o torque funcionaba non só como colar senón como símbolo dunha comunidade, porque algúns guerreiros levaban a man levantada empuñando un torque.
Como puidemos escoitar nesta conferencia, A Mariña e, dun xeito destacado Burela, contan cun pasado milenario.
Para ver o noso albúm de fotos, pica aquí.
Para ver o noso albúm de fotos, pica aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário