Entre as actividades da nosa Asociación Os Matos encóntranse as charlas, conferencias e encontros con diversos poñentes que nos axudan a coñecer un pouco máis a nosa realidade e o entorno no que vivimos desde diferentes puntos de vista: histórico, xeográfico, económico, social, cultural, patrimonial… conseguindo, deste xeito, varios obxectivos: valorar o que temos, respectalo e difundilo.
Todos sabemos que un dos problemas graves que afectan a Galicia é o dos incendios forestais. Aínda temos na memoria as tristes imaxes ofrecidas polos medios de comunicación dos incendios do pasado mes de outubro, con perdas de vidas humanas e grandes zonas afectadas no aspecto ecolóxico e paisaxístico.
Para falarnos desta problemática convidamos a Eloi Villada Legaspi a impartir unha conferencia na biblioteca do centro sobre “Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática” e destinada ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.
O ponente naceu no rural e vive no rural, na parroquia de Fonmiñá -concello de A Pastoriza-. Estudou en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola. Durante uns meses dedicouse a vender pensos compostos antes de gañar por oposición unha praza de Técnico da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro, incorporándose á delegación de Galicia, na Coruña. No ano 1983 pasou a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde empezaron co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Monte Común, que durou ata o ano 2015.
Entre outras actividades, viaxou a varios países para tratar temas relacionados co seu traballo como, por exemplo, unha estadía de formación en Holanda, de onde trouxo as bases para predesecar a herba para ensilar, ou unha viaxe a Irlanda, onde recibiu información do que se estaba facendo en produción gandeira en Francia, Reino Unido, Irlanda, Nova Zelanda e Estados Unidos.
Durante 38 anos estivo en contacto directo co mundo agrícola, gandeiro e de preservación dos montes. Segundo palabras súas, a primeira etapa foi decisiva na miña formación, na Axencia de Desenvolvemento Gandeiro. Os cinco anos que estiven na Axencia permitíronme formarme, obrigándome a aprender inglés (en francés xa me defendía) e, sobre todo, tomar contacto cos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e outros centros de investigación en diversos países do mundo.
Actualmente está xubilado, pero segue en activo nos labores de divulgación. Desde a Presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes trata de contribuír a preservar as actividades nun mundo rural que sempre o fascinou e que aínda o emociona. Segue viaxando por diferentes países, buscando novas saídas e métodos para mellorar a calidade de vida no medio rural e, así, poder animar á xente nova a apostar por este mundo tan ligado a Galicia.
Antón Niñe Fernández
- Presidente. A.C. “Os Matos”
Sem comentários:
Enviar um comentário