23.5.18

Charla sobre lesións medulares de Cogami

    O venres 18 de maio, os alumnos de 4º ESO tivemos unha charla sobre lesións medulares e unha campaña de prevención das mesmas, impartida pola Asociación COGAMI. Unha das persoas que nos deu esta charla foi Helena Miragaya, que traballa en dita asociación, e Ángel López, que nos veu explicar a súa experiencia persoal.

    A charla comeza con Helena explicándonos que a medula espiñal non é o mesmo que a medula ósea, xa sexa pola súa situación no corpo ou pola función que cumpren. Tamén dixo que non se pode transplantar se se rompeu completamente e unha persoa que tivo unha lesión medular non vai poder volver a camiñar, é dicir, ten que utilizar unha cadeira de rodas. Unha lesión medular é unha lesión que ocorre cando se estropea, rompe ou lle pasa calquera cousa á medula que se encontra por dentro da columna vertebral (dixéronnos que para ter unha lesión medular non fai falta romper a columna ou algunha vértebra, senón que se pode lesionar a medula sen romper a columna, aínda que, se se rompe a columna ou calquera vértebra, córrese máis perigo de ter dita lesión). Explicáronnos que o termo “minusválido” non se debe usar senón que debe empregarse “discapacitado” ou, mellor, “persoa con diversidade funcional”.
    Hai dous tipos de lesión: tetraplexia (só se pode mover e ter sensibilidade de pescozo para arriba e na maioría dos casos precísase a axuda doutra persoa) e paraplexia (pódese mover e ter máis sensibilidade, nun principio, de cadeira cara a arriba e pérdese mobilidade nas pernas). Dependo do lugar onde se rompa a medula, pódese ter un deses dous tipos, porque a columna divídese en cervicais (tetraplexia), dorsais ou torácicas (unha paraplexia alta), lumbares (unha paraplexia baixa), sacro e cóccix. O límite entre eses dous tipos está na C7, dela cara a arriba é unha tetraplexia e da C7 cara a abaixo, unha paraplexia. Unha lesión na C2 pode chegar a afectar os pulmóns e ter que levar un respirador. Dentro diso distínguese unha lesión total (medula rota de todo) e unha parcial (non está fracturada de todo); tamén, se é completa denomínase -plexia e se é incompleta, -persia.
    Os efectos que pode xerar unha lesión medular son unha baixa mobilidade intestinal, é dicir, menos movemento na zona abdominal; a perda de control dos esfínteres ao non ter sensibilidade ou control dos músculos ou ningunha das dúas; espasticidade ou rixidez muscular, que é algo semellante a cando a nós nos dan algúns tiróns nas pernas aínda que eles non o poden controlar; tamén poden ocasionar úlceras por presión ao pasar tanto tempo sentados ou na mesma posición (estas son feridas moi extremas).
    As causas destas lesións poden ser de dous tipos: traumáticas e non traumáticas (como as enfermidades). As traumáticas poden ser laborais (accidentes no traballo, como caídas...), accidentes de tráfico (as que máis se repiten), caídas, violencia (nunha pelexa, un golpe mal dado ou unha caída pode custar moito), nos deportes ou orixe descoñecida (os dous cun índice baixo de lesionados medulares).
    As persoas con diversidade funcional teñen uns especialistas, chamados terapeutas ocupacionais, que son os que lles facilitan a vida, axudándoas coa rehabilitación.
    En España hai 20 casos anuais disto e 1100 persoas afectadas ao ano. Segundo un estudo, o 75% dos afectados son homes e o 25% mulleres, pero esta última porcentaxe está subindo. Actualmente en España existen entre 30000-35000 afectados. Na meirande parte dos casos soen ser persoas de entre 15 e 35 anos, maiormente por accidentes de tráfico. En Galicia hai 2000 persoas afectadas e, sobre todo, por tirarse das rochas ao mar sen saber ben o que hai aló abaixo. Noutro estudo dise que un 30,32% dos casos ocorren na provincia de Pontevedra, un 28,73% en Lugo, un 27,44% na Coruña e un 13,51% en Ourense. Galicia ten 26 novos lesionados ao ano, o que lle fai superar a media nacional.
    Na última parte da charla Ángel falounos da súa propia experiencia: ten tetraplexia pero é un caso estraño pois pode mover os brazos e ten sensibilidade nalgunhas zonas onde, en principio, non podería tela. El, antes do accidente, era militar e fora socorrista. Aos 19 anos sufriu o accidente de coche que deu lugar a unha lesión medular e estivo mes e medio ingresado na UVI. Leva 15 anos en cadeira de rodas,  aos 7 anos do accidente volveu  a conducir, primeiro nun coche normal, pero agora nun coche con algunhas adaptacións para que sexa máis doado conducir. Grazas á rehabilitación, puido facer el só as cousas da casa, xa que daquela vivía só. Agora está practicando triatlón. El demostrou ter moito afán superación.

MARTA LESTAO - 4º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...