10.5.18

Discurso de clausura das xornadas "A Mariña pensando en feminino" da Microrrede de bibliotecas escolares

Aprender a pensar coa biblioteca escolar : isto foi o que fixemos dende as bibliotecas dos 14 centros educativos que compoñemos a Microrrede da Mariña. Aprendemos a pensar en torno ao feminismo, á muller e ao xénero feminino en xeral. Conseguimos mostralo claramente esta semana nesta exposición conxunta que hoxe clausuramos.

Nas nosas bibliotecas escolares naceron moitas iniciativas durante o curso. A Mariña pensando en feminino é o resultado dunha delas. Unha exposición de traballos escolares cun claro componente de xénero. 

Neste proxecto colaborativo das B.E. PLAMBE da Mariña os traballos dos escolares coas súas familias son os protagonistas e o obxectivo principal é o fomento do hábito lector no alumnado. Pero o hábito lector, coma moitos outros hábitos e afeccións hai que alimentalo; hai que mantelo vivo. Todos os recursos son benvidos para este fin e este proxecto é un máis.

Consideramos que estes espacios de aprendizaxe fora do colexio son un compoñente importante dentro do seu proceso de formación integral.

Queremos rendir homenaxe á labor silenciosa e abnegada da muller que asumeu secularmente moitas das función masculinas dada a ausencia dos homes mariñáns en ocupacións lonxe da terrra  ademais das tarefas domésticas, da educación dos fillos, dos traballos do campo, de xestión e finanzas… Son mulleres fortes, valentes, decididas, con espíritu emprendedor como o das escritoras que hoxe coas súas obras literarias nos acompañan neste evento.

Pretendemos dar visibilidade á muller e empoderar a súa figura. Nesta exposición vimos mostras preciosas de profesións ligadas ao mar como as mariscadoras, as conserveiras, as redeiras, e outras como as costureiras ou as lavandeiras; vimos traballos sobre mulleres mariñás das letras, da cultura e da música. Lemos interesantes entrevistas ás mulleres de hoxe que destacan en sectores esencialmente masculinos. Lembramos as cancións das nosas avoas e das nosas madriñas. Elas continúan a ser  as superheroínas dos nosos alumnos e alumnas.

Neste 2018 en que celebramos o ano do patrimonio cultural, non quixemos esquecernos do patrimonio e da historia local da Mariña. Así temos traballos como o da Mariña en 100 palabras, as nosas alfombras florais, romarías, lendas e festas. E viaxamos ao pasado a través da recompilación de fotografías antigas do século pasado. Descubrimos que a Mariña como o seu propio nome indica ten moito de feminino. E temos que estar orgullosas e orgullosos do noso: da nosa fala, da nosa terra, da nosa cultura.

Tamén queremos agradecer moi expresamente a participación voluntaria das familias nestes traballos de creación literaria e/ou plástica. Neste sentido, recollo as palabras da nosa compañeira Belinda felicitándovos : «vaia se son artísticos, e creativos, e orixinais… cada ano nos sorprende a imaxinación e creatividade das nosas familias, a calidade dos traballos, o cariño con que os fan, a súa participación...»

O resultado deu moito que pensar. Grazas a esta actividade colaborativa conseguimos empoderar a palabra, a figura, a cultura, as profesións, as voces, as letras, a historia dende o punto de vista máis feminino.

Os nenos e nenas, os rapaces e rapazas son o noso máis valioso tesouro para garantir un futuro mellor, un mundo máis respectuoso, máis equitativo, máis solidario, máis empático, máis honrado. máis compromido e máis intercultural.

As bibliotecas escolares son un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formular preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.

Para ir acabando nós, compañeiras e compañeiros da Mircorrede da Mariña, queremos agradecer a todas as persoas que fan posible este proxecto xa que a labor que se desempeña dende as B.E. é unha labor silenciosa pero tremendamente entusiasta, e actividades coma esta supoñen un recoñecemento e impulso importantes para continuar con esta tarefa con máis ilusión. Esta humilde labor hoxe máis que nunca vese recompensada.

Queremos agradecer a nenos e nenas, mozas e mozos, o seu esforzo. Pasiño a pasiño faise o camiño, así que fagamos todas e todos, acompasadamente, o camiño en prol da igualdade!!

Moitas grazas. 

Karina Parga do IES Perdouro e e Eva Lastra do CEIP de Alfoz.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...