Venres, día 4 de maio. Alumnas e alumnos de 2º de ESO estabamos con inquietude porque iamos recibir o grupo dos nosos correspondentes do IES Terra de Xallas, de Santa Comba, cos que xa con antelación tiveramos contacto grazas aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos dous centros, dado que nos xa viaxaramos a Santa Comba.
Profesorado dos dous institutos colaborou para que isto fose posible e as actividades conxuntas que estaban programadas favorecían as relacións entre todas e todos nós.
A expedición convidada saíra pola mañanciña, ben cedo, de Santa Comba, e desprazáronse en autobús ata o noso centro, no que fixeron un pequeno descanso cando chegaron. A continuación, pouco antes do mediodía, foron coñecer a Real Fábrica de Sargadelos, situada no veciño concello de Cervo e alí recibiunos en forma de estatua D. Antonio Raimundo Ibáñez, creador da factoría alá polo século XVIII. En directo, contemplaron as cores das pezas creadas en Sargadelos que, tras unha crise importante, volve a rexurdir cunha grande expansión nacional e internacional.
De regreso a Burela, non puideron facer unha parada no mirador do Monte Castelo por falta de tempo. Foi pena que deixasen de ver a vila como unha especie de alfombra estendéndose á beira do mar.
Ás dúas da tarde na biblioteca celebrouse a recepción do grupo de Santa Comba. Participaron o alcalde (Alfredo Llano), o director (Santiago Pérez), Neves Cando e Miruca Parga, profesoras do noso centro implicadas neste intercambio no que compartimos diferentes formas de expresión e de comunicación. En fin: culturas diferentes en convivencia. Todos aprendemos de todos.
A iso das 14:30, fixémoslles calar ás nosas tripas, que xa comezaban a remexerse e a protestar, sentando a comer unha rica tortilla, un saboroso pastelón, croquetas, pizzas, milanesa con patacas e distintas sobremesas. Como despois de xantar había que alixeirar o estómago, levámolos coñecer a praia urbana, desde onde puideron observar o noso novo faro da Pena Burela.
Posteriormente, fomos á lonxa, onde nos ensinaron todo o peixe que estaba á venda. Ao final, fixemos unha camiñata ata a zona do Perdouro e encantados quedaron os nosos convidados de estaren cerquiña da chamada Igrexa de Coedo, importante xacemento arqueolóxico. Estando nun sitio así, aproveitamos para sacar fotos que invadiron o Instagram e que mostran o ben que o pasamos.
Accede ao albúm de fotos aquí.
Paula Enríquez Barcia– 2º ESO B
Accede ao albúm de fotos aquí.
Paula Enríquez Barcia– 2º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário