30.11.16

Visita á Domus de Mitreo, xoia arqueolóxica do mundo romano

O venres 25 de novembro pola tarde, o alumnado de 3º ESO visitou un tesouro arqueolóxico en Lugo: a Domus de Mitreo, o segundo elemento arqueolóxico máis importante despois da muralla. O museo atópase nos sotos do edificio do Vicerreitorado de Lugo, da Universidade de Santiago, xusto destrás da catedral. 
Trátase dun xacemento único no noroeste peninsular que achega información sobre a forma de vida dos romanos que habitaron a cidade de Lugo ata os séculos II e III da era cristiá. Grazas aos seus vestixios coñecemos como se articulaba a vida socioeconómica, arquitectónica e urbana da cidade nalquela época.

No seu interior,  a oito metros de profundidade, o alumnado foi guiado por unha arqueóloga que lle falou dos restos dunha domus (vivenda romana) do século I d. C.  e dun mitreo (templo dedicado ao deus do sol Mitra)  do século III d. C.

Na entrada aparece o Mitreo, o que indica que na época romana realizábanse en Lucus Augusti cultos orientais que normalmente eran de carácter segredo e se facían en covas e vivendas particulares.  O espazo central ocúpao unha Ara, perfectamente conservada, onde se pode ler “levantada por Caius Victorius Victorino, centurión da Legio VII Gemina Antoniniana, en honra do posto de control militar de Lucus Augusti e de dous libertos Victorius Secundus e Victorius Víctor”. A ara votiva foi dedicada ao deus persa Mitra polo centurión Caius Victorius Victorino da Legio VII Gemina (da zona de León) nomeado recaudador de impostos de Lucus Augusti polo emperador Caracalla. Segundo os investigadores, logo dun primeiro uso privado do mitreo, os principais membros da comunidade mitraica de Lucus Augusti (practicantes dunha relixión declarada ilegal e moi xerarquizada que tivo o seu momento álxido no século III d. C) foron os soldados destinados á oficina de recaudación de impostos.
 
A vivenda noble romana foi construida en terrazas de varias alturas adaptándose á orografía da zona, con estancias para os señores e serventes: as cociñas, o patio traseiro con columnas decoradas (peristilium), a sala de invitados (oecus), un dormitorio (cubiculo) e unha parte rectangular do atrium, o patio máis característico das vivendas romanas que daba acceso ás habitacións nos catro lados. Sabemos tamén que a casa tiña dúas alturas porque as bases das columnas eran moi anchas para aguantar o peso. Tamén se conservan restos de algunas pinturas murais e diversos elementos en vitrinas relacionados coa vida na domus, como un xogo de mesa con fichas de oso co que pasan o tempo os homes, e agullas de peinado e pesas de telar que empregan as mulleres nos patios.

Cando se construiu a muralla, dous séculos despois, a domus foi partida e expropiouse parte dela, comezando así o seu deterioro (a súa extensión sobrepasaba a muralla). Dedicouse ás necesidades alimentarias da man de obra. Os obreiros da muralla trouxeron unha roda de muiño de gran para o centro do oecus. O desgaste do chan ao seu redor indica pisadas de homes para empuxar o muiño.

Empezouse a construir a muralla aproximadamente nos anos 260-265 e terminouse no ano 325. Foron 60 anos nos que xa empeza o baixo imperio. Foi construida a tramos de 20 a 30 m. por grupos de 20 a 30 homes segundo iba chegando os cartos para facela. No museo pódese apreciar perfectamente a unión dos tramos.

As torres da fortificación tiñan ventás de tres alturas. Hoxe aínda consérvase unha torre con 2 alturas. A muralla está feita con algún bloque de granito pero principalmente de lousa. Estaba cuberta de cal para evitar o crecemento da vexetación. Ademáis cubríase de cal por motivos defensivos: a muralla de 20 metros de alto alisada coa capa de cal evitaba que os inimigos poideran escalar.

Cando se rematou a muralla, o seguinte elemento defensivo foi facer unha calzada polo seu interior que tiña que ir ao mesmo nivel por todo Lucus Augusti, cidade que vai en caída ata o río Miño. Por este motivo a domus queda soterrada. Na calzada posterior á construción da muralla faise unha praza donde está un pozo de 7 metros de profundidade. Sábese que nesta praza instaláronse maestros alfareiros que converteron o pozo nunha escombreira onde tirar as pezas defectuosas ou rotas.

Reportaxe fotográfica por Lugo aquí.

27.11.16

Nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza

    Do alegre pasado reaccionou triste presente; gargalladas, bicos e palabras de agarimo foron morrendo lentamente, dando paso ós berros e ós portazos, mentres o cariño ficou nos recunchos da mente.
     Marcas na face de tristura e mazaduras, terror no ollar e a lembranza da xa remota tenrura.   
    A quen rezar cando é o demo quen descansa na cama? Como ocultar a dor e a confusión da mirada?
    Veciños e amigos sospeitan das mentiras, pero finxen normalidade e seguen con cadansúas vidas. Quizais a violencia xa é cousa do día a día.
    Ela olla ó seu verdugo con anguria e nostalxia, esperando atopar o home que un día lle fixo crer na maxia. Pero os ollos vidrosos non deteñen labazadas nin improperios, e a penuria afoga con sangue os seus beizos.
    E os insultos rebotan en paredes e teito, como balas perdidas chegadas do mesmo Inferno que firen e matan, que volven ferir e que volven matar sen que ninguén intente paralas.
    A calma e a tempestade van tan unidas que, tras os lóstregos, palabras de perdón e caricias levan a esquecer as feridas e o dano, e o sol semella asentarse de por vida tras as colinas, como nun tranquilizador cadro. E como nos contos, semella que, tras os choros, ó fin chegará o final feliz. Pero os contos, contos son, e tras os choros só chegan máis choros; e míntenos a psicodélica ficción, pois bela e besta nunca poderán durmir baixo as mesmas sabas, e a princesa non pode esperar a un cabaleiro que veña salvala.
    E descansa ela do ruído con máis ruído e acende o televisor; triste cando unha fría pantalla che asoma ese falto calor. E os seus ollos abráianse, e os seus oídos estremécense, e as súas veas xéanse: unha vítima máis do machismo falece e, con ela, van xa un milleiro de mulleres cuxas voces foron silenciadas e cuxas memorias xacen soterradas.
    E así foi como a morte trouxo a vida. E foi entón cando a belida dos seus erros se decata, o amor deixa paso á rabia, e o temor, ás ansias de cambio, e a indefensión a un plan para derrocar ó tiranp. Diríxese rauda ó baño e mírase no espello e non ve xa un corpo roto, senón unha alma disposta a todo. Mírase no espello e non ve xa máis dor, senón un incandescendente fulgor. Mírase no espello e non ve xa unha serventa desvalida, senón unha guerreira chea de vida. Pero, precaución, acércanse pasos polo corredor. Rapidamente, pecha a fiestra e contempla unha última vez no espello os seus indómitos cabelos, deixando paso ó dono do seu cárcere derradeiro. Con aire decidido, atranca a porta do cuarto con eficacia e sixilo. E busca agora por toda a caverna as riquezas da fera. Ameazas e golpes saen da gaiola improvisada, mentres a belida guerreira se dirixe, coas chaves da carroza e as maletas preparadas, cara a súa soñada emancipación á calzada.
     E mentres a besta patalexa e se desespera, a bela marca os números que poñen fin á sentenza. E declara ela con convicción: “maltratada e malferida por un montro sen amor, aterrada por olladas frías de odio e rancor, esta vítima volveuse contra o agresor, cuspindo á súa creída superioridade e dirixíndose a un futuro mellor. Lonxe irá dos recordos da mágoa mentres espera que o seu exemplo deixe, por sempre, pegada. Ante este xenocidio, ruxide con forza, ante este femicidio, inclinemos con firmeza a balanza: nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.

Álvaro Fernández Yáñez – 1º bach.

26.11.16

25 N - Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.

Álvaro Fernández Yáñez, alumno de 1º de Bach., deu lectura a un texto narrativo da súa propia colleita para clausurar un acto institucional conxunto, organizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, para conmemorar o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero. 
O IES Perdouro foi escollido para simbolizar a importancia que teñen os centros educativos no fomento, consolidación e asimilación de principios, valores, comportamentos, crenzas e actitudes por parte da mocidade, que permitan desenvolver un futuro máis xusto e igualitario.

 “nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.

24.11.16

Charla sobre doazón e transplante

Os alumnos de 4º ESO e 2º de FP básica asistiron a unha charla sobre DOAZÓN E TRANSPLANTES levada a cabo pola OCT (Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde) o pasado mércores 23 de novembro. Marta Álvarez, enfermeira e coordinadora da Unidade de Transplantes de Órganos de Galicia, impartíu a parte teórica explicando quen pode ser donante e as condicións especiais para doar unha vez que se produce a morte cerebral: criterios clínicos, grupo sanguíneo, peso, talla, criterios territoriais, etc... Hai que ter en conta que a doazón de órganos e tecidos é voluntaria e altruísta e sempre anónima. Ademais de falar de todo o mecanismo que se pon en marcha cando aparece unha doazón, a enfermeira indicou a esperanza de vida dalgúns órganos transplantados como por exemplo o  ril, 40 anos, o corazón, 24 anos, e o figado, 30 anos. Logo da exposición, tivo lugar a testimuña en primeira persoa. Lola Casais contou a súa experiencia aos alumnos. Deu a coñecer o seu caso persoal como transplantada de fígado. Leva 13 anos e 4 meses transplantada segundo nos indica. Con 8-9 anos sufría de cólicos moi grandes. Foi nai e aos 22 anos tivo un accidente de coche moi forte. Detectáronlle entón quistes no fígado. Ata aí tivo unha calidade de vida moi mala, pasaba moito tempo ingresada pola fiebre e pola infección. Ata aquel momento nunca antes lle falaron de transplante e dicidíu entrar na lista de transplante. Botou 1 ano na lista. Tiña que estar localizable as 24 horas do día. Confesa ter estado desesperada pola espera. Cun 38 anos chegou o día de recibir un fígado compatible. Estivo 21 días ingresada despois do transplante, tempo moito menor de cando estaba enferma. Os enfermos de transplante quedan coas defensas moi baixas e están na UCI illados antes de poder subir a planta cun familiar. Hai que saber cun transplantado ten unha medicación de por vida. Sentíu un baixón e culpabilidade despois do transplante pensando no donante e na súa familia pola decisión tomada da que está  moi agradecida. Recibíu apoio psicolóxico. Grazas ao transplante ten mellor calidade de vida e pode levar unha vida "normal".

Celebramos o día da ciencia en galego.

O luns 21 de novembro visitou a nosa biblioteca Roberto Manín Gutiérrez, profesor de Matemáticas no IES Galileo Galilei de Navia, con motivo da celebración do mes da Ciencia en galego. O docente aportou coñecementos sobre as Matemáticas a todo o alumnado de 1º ESO. 

Comezou por explicar cal é o significado da palabra número e por presentar a historia dos números desde que o ser humano comezou a utilizalos ata a actualidade. Expuxo a importancia dos distintos pobos que foron achegando avances matemáticos como os sumerios, os exipcios, os romanos, os árabes etc. 
Logo, comezou a expoñer distintas curiosidades matemáticas como a forma de adiviñar un número empregando unhas táboas con potencias de 2, cantas veces habería que dobrar un papel para que a súa lonxitude fose maior cá da Torre Eiffel. Outra curiosidade foi a banda de Möbius, figura coñecida por ter só unha cara ata o infinito, tamén aplicable nas partituras musicais. O canon cancrizante ou  retrógrado é a repetición do tema canónico ou consecuente interpretado de atrás á diante. O tema canónico e o seu consecuente presentan unha imaxe especular temporal ou simetría par, podéndose obter reflexando a partitura perpendicularmente nun espello. Un exemplo coñecido é a Ofrenda musical de Johann Sebastian Bach que ten este tipo de canon (Quaerendo invenietis) combinando regresión e inversión. Outro exemplo no campo da música é o fenómeno do “millenial whoop”, o grito da Xeración do Milenio. É un grupo de notas musicais que se repiten só que tres tons máis altas na escala e logo volven baixar e así sucesivamente. Isto fai que as melodías se convirtan en moi pegadizas. (escoitar exemplos)
Experimentou tamén con cordas para exemplificar con simetrías e empregou auga con xabón e glicerina para introducir nela figuras xeométricas só con aristas. A película formada pola auga e o xabón íase cara ao centro da figura pola tensión e, logo, podíase soprar no seu interior para intentar que a película recubrira as caras e non se fora cara ao interior.
Varios dos rapaces interviñeron como voluntarios e todos participaron de forma moi activa nesta actividade realmente amena. 
Quedamos con ganas de máis! Oxalá poida voltar para mostrar algún dos experimentos matemáticos que quedaron no caixón por falta de tempo.

23.11.16

Ruta das Rochas

O pasado mércores 22 de novembro, Fausto López, profesor de Bioloxía, organizou unha saída de carácter explorativa destinada ao alumnado de 1º ESO, a ruta das rochas. 
Percorrido: Burela, Viveiro, Cargadeiro de Insua, San Román do Valle, Estaca de Bares, Espasante, Ortegal, San Andrés de Teixido, Cedeira.

Para ver a completa reportaxe fotográfica, pica aquí.

Itinerario xeolóxico polo norte de Galicia: De Burela a Cedeira

A recente excursión que fixemos pareceume moi interesante. Aínda que todas as saídas que facemos da clase para aprender cousas en directo son moi produtivas, esta se cadra é aínda máis, xa que cando paseamos non nos damos conta do que estamos pisando. Nesta saída pretendíase xusto o contrario, fixarnos no que a simple vista parece só unha pedra, pero que en realidade ten unha historia detrás.
Non só aprendimos sobre xeoloxía, senón tamén historia dos lugares polos que íamos pasando, un pouco de bioloxía, outro pouco de xeografía e, como non, cultura xeral, tan imprescindible nestes días e que non ven en ningún libro de texto, pero que abonda nestas saídas.
Oportunidades para aprender de todo o que nos rodea. Eses pequenos detalles que forman o noso planeta.

Alba Geada Bernal 1º  ESO

22.11.16

Obradoiro Reciclo o xénero

Completamos as actividades propostas dentro do Quérote + co obradoiro ofertado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Dito obradoiro titulouse "Recicla o xénero" e consistiu nunha obradoiro de sensibilización destinada ao alumnado de 3º ESO, coa que se pretendía acadar os seguintes obxectivos: 
  • achegarse á mocidade e obter información cuantitativa sobre a percepción da mocidade en canto á igualdade de oportunidade e a violencia de xénero; 
  • analizar o interese do alumnado neste tipo de intervencións puntuais, e promover a visibilidade dos estereotitpos de roles de xénero e explicar os mitos relacionados.
Os contidos abordados durante o obradoiro foron os seguintes: 
- Cambia o conto!
1. As princesas submisas e os principes salvadores (de como esperamos a que nos rescaten no castelo): estereotipos.
2. O rol feminino e masculino (tarefas do fogar e coidade de persoas vs aventuras varias con cabalo e armadura: roles.
3. O valor da beleza (imperativo estético especialmente nas mulleres, sempre guapas, delgadas e perfectas).
4. Mito do amor romántico.
- Amores! ... de película?
1. A supermuller: estereotipos e roles de xénero.
2. A media laranza e o sufrimento para atopar o amor verdadeiro: deconstrución de mitos (apixón e amor romántico).
3. Máis alá do amor na parella (reinvindicar outro tipo de amores).
4. Relación afectivo-sexual sen toxicidade (autoestima, empatía, comunicación, respecto)

Esta mañá o alumnado de 3º ESO participou moi activamente no obradoiro dinámico impartido por Raquel, dinamizadora social de Promove Consultoría e Formación. Os obxectivos foron mais que conseguidos.

Accede ao noso albúm de fotos. 

17.11.16

“Maquetas celulares”, traballos de 3º de ESO

Na vitrina da entrada do instituto están expostas as fantásticas maquetas celulares realizadas polo alumnado de 3º de ESO, resultado dun traballo expositivo na aula dirixido pola súa profesora de bioloxía, Paula Hermida.
Nas maquetas están representadas células eucariotas animais e vexetais, procariotas .... algunha célula moi especial como a neurona e incluso temos un cerebro!!
O material utilizado para realizalas foi moi diverso: dende fíos e botellas amablemente cedidas por algunha avoa, ata  area, plastilina, un bolo de pan... 
Serías capaz de diferenciar todos os tipos celulares?? Anímate e inténtao!

16.11.16

Xulio Xiz, amigo de Manuel María

Os alumnos de 4º e de 3º ESO do IES Perdouro tiveron onte unha charla con Xulio Xiz, amigo de  Manuel María, escritor galego ao cal se lle dedicou no ano 2016 o Día das Letras galegas. O presidente da Asociación Os Matos, Antón Niñe, pensou que sería bo contar cunha persoa amiga, coñecedora do homenaxeado para coñecelo un pouco máis.
Xulio Xiz é licenciado en Ciencias da información e mestre. Foi funcionario da Consellería de Cultura e desenvolveu a súa carreira periodística en varios medios de comunicación.  Sabendo de onde é Xulio Xiz tamén podemos coñecer de onde é Manuel María. Os dous son nativos da Chaira luguesa, de Outeiro de Rei. Levábanse 18 anos de idade pero Xulio di “que 18 anos non son nada”. Contounos como se foron facendo amigos, que foi a través do periódico no que Xulio traballaba  “El Ideal Galego” que tiña unha sección diaria que era  “O Diario de Terra Chá” e tivera que pedirlle permiso a Manuel para que lle deixara publicar no periódico anacos das suas poesías, sobre todo as que ían dirixidas á Terra Chá. Deulle permiso e logo deso íalle facendo entrevistas para Radio Popular. A partir diso, incluso o chamou para que o presentase en actos públicos sobre a súa obra. A relación entre eles foi moi boa, de admiración absoluta por parte de Xulio e de agradecemento pola difusión, por parte de Manuel. Comentounos tamén que Manuel María sempre colaboraba con todos os centros educativos e asociacións que o chamaban. Asistía sempre que podía a todo este tipo de actividades. Coñecía Galicia como a palma da súa man. Gustáballe moito falar e coñecía tamen a todos os escritores gale-gos coetáneos. Manuel María foi preogueiro de moitas festas, por exemplo da de Burela.
Xulio, uns días antes de vir facernos a visita, recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, na que centos de veciños e persoeiros da cultura participaron nos distintos actos organizados, entre eles a inauguración no Paseo dos Soños do “hectómetro literario” que leva o nome de Xulio Xiz Ramil, compartindo espazo con outros persoeiros da cultura que recibiron esta homenaxe en anteriores ocasións. Despedímolo dándolle un forte aplauso entre todo o alumnado e profesorado por escoitalo falar tan ben sobre Manuel María.

Alumnas 3º PMAR

Accede ás fotografías no noso albúm.

15.11.16

Adiviñas do outono - 1º ESO

O alumnado de 1º de ESO ten preparadas unha chea de adiviñas do outono que elaboraron coa axuda das súas profesoras de Lingua Galega, Miruca Parga e Mercedes López. Se te atreves a resolvelas, pásate pola entrada principal e bótalle unha ollada ao panel outonal tan ben decorado. Parabéns rapazas e rapaces!!!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...