24.11.16

Celebramos o día da ciencia en galego.

O luns 21 de novembro visitou a nosa biblioteca Roberto Manín Gutiérrez, profesor de Matemáticas no IES Galileo Galilei de Navia, con motivo da celebración do mes da Ciencia en galego. O docente aportou coñecementos sobre as Matemáticas a todo o alumnado de 1º ESO. 

Comezou por explicar cal é o significado da palabra número e por presentar a historia dos números desde que o ser humano comezou a utilizalos ata a actualidade. Expuxo a importancia dos distintos pobos que foron achegando avances matemáticos como os sumerios, os exipcios, os romanos, os árabes etc. 
Logo, comezou a expoñer distintas curiosidades matemáticas como a forma de adiviñar un número empregando unhas táboas con potencias de 2, cantas veces habería que dobrar un papel para que a súa lonxitude fose maior cá da Torre Eiffel. Outra curiosidade foi a banda de Möbius, figura coñecida por ter só unha cara ata o infinito, tamén aplicable nas partituras musicais. O canon cancrizante ou  retrógrado é a repetición do tema canónico ou consecuente interpretado de atrás á diante. O tema canónico e o seu consecuente presentan unha imaxe especular temporal ou simetría par, podéndose obter reflexando a partitura perpendicularmente nun espello. Un exemplo coñecido é a Ofrenda musical de Johann Sebastian Bach que ten este tipo de canon (Quaerendo invenietis) combinando regresión e inversión. Outro exemplo no campo da música é o fenómeno do “millenial whoop”, o grito da Xeración do Milenio. É un grupo de notas musicais que se repiten só que tres tons máis altas na escala e logo volven baixar e así sucesivamente. Isto fai que as melodías se convirtan en moi pegadizas. (escoitar exemplos)
Experimentou tamén con cordas para exemplificar con simetrías e empregou auga con xabón e glicerina para introducir nela figuras xeométricas só con aristas. A película formada pola auga e o xabón íase cara ao centro da figura pola tensión e, logo, podíase soprar no seu interior para intentar que a película recubrira as caras e non se fora cara ao interior.
Varios dos rapaces interviñeron como voluntarios e todos participaron de forma moi activa nesta actividade realmente amena. 
Quedamos con ganas de máis! Oxalá poida voltar para mostrar algún dos experimentos matemáticos que quedaron no caixón por falta de tempo.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...