27.11.16

Nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza

    Do alegre pasado reaccionou triste presente; gargalladas, bicos e palabras de agarimo foron morrendo lentamente, dando paso ós berros e ós portazos, mentres o cariño ficou nos recunchos da mente.
     Marcas na face de tristura e mazaduras, terror no ollar e a lembranza da xa remota tenrura.   
    A quen rezar cando é o demo quen descansa na cama? Como ocultar a dor e a confusión da mirada?
    Veciños e amigos sospeitan das mentiras, pero finxen normalidade e seguen con cadansúas vidas. Quizais a violencia xa é cousa do día a día.
    Ela olla ó seu verdugo con anguria e nostalxia, esperando atopar o home que un día lle fixo crer na maxia. Pero os ollos vidrosos non deteñen labazadas nin improperios, e a penuria afoga con sangue os seus beizos.
    E os insultos rebotan en paredes e teito, como balas perdidas chegadas do mesmo Inferno que firen e matan, que volven ferir e que volven matar sen que ninguén intente paralas.
    A calma e a tempestade van tan unidas que, tras os lóstregos, palabras de perdón e caricias levan a esquecer as feridas e o dano, e o sol semella asentarse de por vida tras as colinas, como nun tranquilizador cadro. E como nos contos, semella que, tras os choros, ó fin chegará o final feliz. Pero os contos, contos son, e tras os choros só chegan máis choros; e míntenos a psicodélica ficción, pois bela e besta nunca poderán durmir baixo as mesmas sabas, e a princesa non pode esperar a un cabaleiro que veña salvala.
    E descansa ela do ruído con máis ruído e acende o televisor; triste cando unha fría pantalla che asoma ese falto calor. E os seus ollos abráianse, e os seus oídos estremécense, e as súas veas xéanse: unha vítima máis do machismo falece e, con ela, van xa un milleiro de mulleres cuxas voces foron silenciadas e cuxas memorias xacen soterradas.
    E así foi como a morte trouxo a vida. E foi entón cando a belida dos seus erros se decata, o amor deixa paso á rabia, e o temor, ás ansias de cambio, e a indefensión a un plan para derrocar ó tiranp. Diríxese rauda ó baño e mírase no espello e non ve xa un corpo roto, senón unha alma disposta a todo. Mírase no espello e non ve xa máis dor, senón un incandescendente fulgor. Mírase no espello e non ve xa unha serventa desvalida, senón unha guerreira chea de vida. Pero, precaución, acércanse pasos polo corredor. Rapidamente, pecha a fiestra e contempla unha última vez no espello os seus indómitos cabelos, deixando paso ó dono do seu cárcere derradeiro. Con aire decidido, atranca a porta do cuarto con eficacia e sixilo. E busca agora por toda a caverna as riquezas da fera. Ameazas e golpes saen da gaiola improvisada, mentres a belida guerreira se dirixe, coas chaves da carroza e as maletas preparadas, cara a súa soñada emancipación á calzada.
     E mentres a besta patalexa e se desespera, a bela marca os números que poñen fin á sentenza. E declara ela con convicción: “maltratada e malferida por un montro sen amor, aterrada por olladas frías de odio e rancor, esta vítima volveuse contra o agresor, cuspindo á súa creída superioridade e dirixíndose a un futuro mellor. Lonxe irá dos recordos da mágoa mentres espera que o seu exemplo deixe, por sempre, pegada. Ante este xenocidio, ruxide con forza, ante este femicidio, inclinemos con firmeza a balanza: nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.

Álvaro Fernández Yáñez – 1º bach.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...