30.11.16

Visita á Domus de Mitreo, xoia arqueolóxica do mundo romano

O venres 25 de novembro pola tarde, o alumnado de 3º ESO visitou un tesouro arqueolóxico en Lugo: a Domus de Mitreo, o segundo elemento arqueolóxico máis importante despois da muralla. O museo atópase nos sotos do edificio do Vicerreitorado de Lugo, da Universidade de Santiago, xusto destrás da catedral. 
Trátase dun xacemento único no noroeste peninsular que achega información sobre a forma de vida dos romanos que habitaron a cidade de Lugo ata os séculos II e III da era cristiá. Grazas aos seus vestixios coñecemos como se articulaba a vida socioeconómica, arquitectónica e urbana da cidade nalquela época.

No seu interior,  a oito metros de profundidade, o alumnado foi guiado por unha arqueóloga que lle falou dos restos dunha domus (vivenda romana) do século I d. C.  e dun mitreo (templo dedicado ao deus do sol Mitra)  do século III d. C.

Na entrada aparece o Mitreo, o que indica que na época romana realizábanse en Lucus Augusti cultos orientais que normalmente eran de carácter segredo e se facían en covas e vivendas particulares.  O espazo central ocúpao unha Ara, perfectamente conservada, onde se pode ler “levantada por Caius Victorius Victorino, centurión da Legio VII Gemina Antoniniana, en honra do posto de control militar de Lucus Augusti e de dous libertos Victorius Secundus e Victorius Víctor”. A ara votiva foi dedicada ao deus persa Mitra polo centurión Caius Victorius Victorino da Legio VII Gemina (da zona de León) nomeado recaudador de impostos de Lucus Augusti polo emperador Caracalla. Segundo os investigadores, logo dun primeiro uso privado do mitreo, os principais membros da comunidade mitraica de Lucus Augusti (practicantes dunha relixión declarada ilegal e moi xerarquizada que tivo o seu momento álxido no século III d. C) foron os soldados destinados á oficina de recaudación de impostos.
 
A vivenda noble romana foi construida en terrazas de varias alturas adaptándose á orografía da zona, con estancias para os señores e serventes: as cociñas, o patio traseiro con columnas decoradas (peristilium), a sala de invitados (oecus), un dormitorio (cubiculo) e unha parte rectangular do atrium, o patio máis característico das vivendas romanas que daba acceso ás habitacións nos catro lados. Sabemos tamén que a casa tiña dúas alturas porque as bases das columnas eran moi anchas para aguantar o peso. Tamén se conservan restos de algunas pinturas murais e diversos elementos en vitrinas relacionados coa vida na domus, como un xogo de mesa con fichas de oso co que pasan o tempo os homes, e agullas de peinado e pesas de telar que empregan as mulleres nos patios.

Cando se construiu a muralla, dous séculos despois, a domus foi partida e expropiouse parte dela, comezando así o seu deterioro (a súa extensión sobrepasaba a muralla). Dedicouse ás necesidades alimentarias da man de obra. Os obreiros da muralla trouxeron unha roda de muiño de gran para o centro do oecus. O desgaste do chan ao seu redor indica pisadas de homes para empuxar o muiño.

Empezouse a construir a muralla aproximadamente nos anos 260-265 e terminouse no ano 325. Foron 60 anos nos que xa empeza o baixo imperio. Foi construida a tramos de 20 a 30 m. por grupos de 20 a 30 homes segundo iba chegando os cartos para facela. No museo pódese apreciar perfectamente a unión dos tramos.

As torres da fortificación tiñan ventás de tres alturas. Hoxe aínda consérvase unha torre con 2 alturas. A muralla está feita con algún bloque de granito pero principalmente de lousa. Estaba cuberta de cal para evitar o crecemento da vexetación. Ademáis cubríase de cal por motivos defensivos: a muralla de 20 metros de alto alisada coa capa de cal evitaba que os inimigos poideran escalar.

Cando se rematou a muralla, o seguinte elemento defensivo foi facer unha calzada polo seu interior que tiña que ir ao mesmo nivel por todo Lucus Augusti, cidade que vai en caída ata o río Miño. Por este motivo a domus queda soterrada. Na calzada posterior á construción da muralla faise unha praza donde está un pozo de 7 metros de profundidade. Sábese que nesta praza instaláronse maestros alfareiros que converteron o pozo nunha escombreira onde tirar as pezas defectuosas ou rotas.

Reportaxe fotográfica por Lugo aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...