28.4.16

Encontro con Alfredo Gómez Cerdá

O pasado xoves 14 de abril, o Premio Nacional de Literatura, Alfredo Gómez Cerdá, visitou o IES Perdouro para ter un animado encontro co alumnado de 2º de ESO e falar do seu intrigante libro El rostro de la sombra, primeiro volume dunha triloxía que completan Pasos de marioneta e Los fantasmas del paraíso. Tres obras nas que distintos adolescentes vense na obriga de tomar unha importante decisión.
Antes do encontro, preguntabámonos como fan os grandes escritores para inspirarse. O noso autor revelounos que o máis insignificante detalle pode ser a idea inicial para a trama dun libro. No caso de El rostro de la sombra, a idea saltou cunha nova dun xornal: as consecuencias imprevistas das “gamberradas” da adolescencia e o imparable poder de difusión das redes sociais.
Gómez Cerdá confesounos que sempre lle gustou escribir, de neno xa creaba os seus contos e as súas poesías. Pero, pouco a pouco, foi descubrindo o seu camiño como escritor, camiño no que a narrativa é o seu xénero preferido.
Para o autor, os adolescentes somos os lectores máis atractivos. Segundo el, temos moitas inquedanzas, somos moi inconformistas e esiximos moito a quen escribe, algo para el fundamental nun lector dos seus libros. Por iso, escolle para nós temas actuais, que nos afectan directamente, coa fin de que teñamos un momento de reflexión sobre os problemas da sociedade actual. E, dende logo, que o consegue! 

Carmen Pernas Pernas
2º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...