12.4.16

Acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García

Na biblioteca do Instituto Perdouro celebramos o acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García, ambos alumnos do IES Perdouro de Burela.

En antena desde o 22 de xaneiro de 2016 en Radio Burela, o programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega chegará nesta semana a completar a súa primeira ducia de emisións. Ademais da selección musical, o programa emitido os venres entre as 7 e as 8 da tarde ten unha sección dedicada á conversa sobre a música. Na primeira das emisións o entrevistado foi o profesor Manolo Maseda Deán, acordeonista e voz dos Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa e actualmente director do instituto de Baio. Nos seguintes programas, participaron en vivo e en directo grandes artistas como Miro Casavella, María do Ceo ou Xurxo Souto.
En cada unha das emisións, Marco Pereirra de Oliveira, alumno de Ciclo Superior de Administración e Finanza do centro burelao, está acompañado nos estudios de Radio Burela por Helena Valle García, alumna de bacharelato, que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Moi pendente da emisión está tamén Mónica Palacios Ferreira, que se ocupa todas as semanas de manter informada a audiencia a través do blogue Grandes Voces do noso Mundo que ela mesma deseñou.
Este programa musical dirixido polo mozo invidente ten xa unha audiencia moi fiel, distribuída por moitos lugares do mundo (Portugal, Cabo Verde, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, etc.), e está apoiado por diversos docentes que traballaron con Marco no colexio Pedro Caselles e no Instituto Illa de Sarón, de Xove; no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; e na propia ONCE.
Ademais de por Helena Valle e Mónica Palacios, Marco Pereira estivo acompañado por Karina Parga, Vicedirectora do centro; María Jesús Permuy, profesora orientadora; Dolores Otero, profesora de Música; Belén López, coordinadora da área de innovación educativa; e por Cristina Ramudo, a profesora de Pedagoxía Terapéutica a quen el chama "os meus ollos" (porque ela se ocupa diariamente de transformar os materiais docentes para o sistema braille e ao mesmo tempo orienta o estudo do mozo cego).

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...