13.4.16

A emigración

O luns 11 de abril, o alumnado de 3º de ESO e de 4ºPDC tivo a oportunidade de asistir a un encontro con Marcial Fernández e Ramiro Martínez na biblioteca do instituto.

Un destes dous homes tal vez non sexa coñecido por ter unha moi boa formación académica, mais leva percorrido moito mundo e como resultado desas experiencias aprendeu a desenvolverse na vida con moita soltura.

Marcial Fernández foi mariño mercante. Ten 72 anos e reside en San Cibrao. Actualmente está xubilado.

Este home percorreu moitos países, mais non en todos tivo experiencias gratas. A súa primeira saída ao exterior -á Alemaña, en 1964- produciuse cando tiña 19 anos.

Alí residía en barracas de madeira en moi mal estado. Os inmigrantes duchábanse medio vestidos con roupa interior e rapidamente marchaban para iren traballar na industria. Como este tipo de vida non lle gustaba, despois decidiu probar sorte en Rotterdam (Holanda). A súa situación non mellorou moito. Neste novo lugar era un indocumentado e traballaba na limpeza de locais industriais e na hostelaría.

Mais non todo foron experiencias negativas. En Holanda, o emigrante galego conseguiu traballo en barcos mercantes e mentres navegaban aprendeu inglés coa axuda doutro tripulante. Desa maneira, podía entenderse cando lle falaban.

Con estas experiencias, retornou á súa terra e estudou soldadura. Con esa formación profesional, viaxou a Italia -o lugar onde se sentiu mellor acollido- e alí traballou nun estaleiro do sector naval.

Pouco antes da morte do ditador Francisco Franco, Marcial Fernández pasou a traballar na industria naval da comarca de Ferrol, mais no ano 1975 despediron moitos traballadores e el foi un dos afectados. Novamente tivo que marchar, desta vez para as plataformas petrolíferas do Mar do Norte, onde exerceu o oficio de soldador. En 1977 chegou á Mariña para traballar na fábrica de Alúmina-Aluminio.

Esta é, moi resumida, a historia dun home que nos dixo que non tiña metas na vida. “Se quería facer algo, facíao; sen pensar cara ao futuro”. Como resultado das súas experiencias, pensa que todo o mundo merece o mesmo trato, con independencia da raza, do lugar de orixe ou do aspecto físico.

Acompañaba a Marcial, Ramiro Martínez Carballosa, orixinario de Meira e sacerdote vocacional, que exerce o ministerio na comarca dos Ancares.

Estudou no Seminario de Lugo, mais por problemas de comportamento foi expulsado e tivo que ir rematar a formación a Madrid.

Actualmente traballa no equipo do Centro de Desenvolvemento dos Ancares, que se fundou no ano 1986.

Os testemuños destes dous homes foron moi interesantes.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...