3.4.16

Recoñecemento internacional para o Modelo Burela.

UNHA FONTE DE LUZ DESDE O CANTÁBRICO GALEGO

RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL PARA O "MODELO BURELA"

O "Modelo Burela" entre as oito boas prácticas galegas escollidas polo comité científico do proxecto Hitzargiak 

A intervención educativa "Modelo Burela" do IES Perdouro de Burela acaba de recibir un novo recoñecemento, desta vez con carácter internacional. A Fundación Donostia / San Sebastián Capital Europea da Cultura 2016, que ten como obxectivo a creación dun novo modelo de convivencia nas relacións entre cidadáns, propúxose superar unha serie de retos e investigar novos modos de convivencia e de relación, e seleccionou a experiencia de Burela como modelo de boas prácticas. 

O proxecto Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente) é un proxecto que favorece a diversidade lingüística europea e que creará novas relacións entre as comunidades de idiomas e de falantes que están xa inmersos en procesos de revitalización. 
O eixo do proxecto fórmano as experiencias que utilizaron as comunidades de falantes, unhas experiencias "innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os creou como para moitas outras comunidades lingüísticas", segundo as palabras da propia organización. 
A Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura considera que o coñecemento público das boas prácticas poderá ter efectos multiplicadores. "Compartir experiencias, aprender dos demais, alimentarse mutuamente e colaborar nas iniciativas pode reforzar o éxito e, ademais de axuntar o enfoque global e o local, fortalecerá o movemento internacional", aseguran. 

Unha fonte de luz que ilumina desde o Cantábrico galego 
A meta do proxecto Hitzargiak é recompilar boas prácticas e mostralas na web, así como poñer en contacto organismos que están traballando na revitalización de idiomas. Eses son o seu punto de mira e o seu obxectivo. As boas prácticas reflectíronse nun mapa como unha luz situada no ámbito de influencia do idioma correspondente. 

Iniciativa premiada en numerosas ocasións 
Ademais de numerosos premios outorgados pola administración educativa, a intervención educativa "Modelo Burela" xa recibira en 2010 o premio da Fundación Peña Novo, recollido o 30 de xuño daquel ano no Castelo de Soutomaior por unha ampla delegación veciñal á fronte da cal estiveron o alcalde Alfredo Llano e a artista caboverdiana Antonina Semedo. 
Máis recentemente, hai agora un ano, outra iniciativa Modelo Burela conseguiu facerse en Barcelona co premio convocado por Educo-Educación sen Fronteiras para impulsar experiencias educativas integradoras en base ao recoñecemento da interculturalidade. 

Repercusión extraescolar 
Esta iniciativa educativa en aplicación desde 2004 foi no seu día tomada como base para a elaboración do Proxecto de planificación lingüística municipal, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela no mes de abril de 2008; e que foi aplicado pola primeira institución local entre esa data e o final da lexislatura en 2011. 


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...