25.5.16

Proxecto Terra - Ferrol (13 e 14 de maio)

A través do Proxecto Terra, que nos permite ao alumnado coñecer mellor o territorio de Galicia e o norte de Portugal, este grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO aos que se sumaron algúns compañeiros e compañeiras de 4º e 2º BAC, participamos este ano nunha viaxe á cidade e ría de Ferrol que se completou cunha estancia no albergue Alvarella e unha visita ás Fragas do Eume. O venres chegamos a Ferrol a media mañá e a primeira parada foi a Aula de Ecoloxía Urbana, onde realizamos unha actividade relacionada coa auga e o seu consumo. A seguinte parada foi o Museo de Construcción Naval na que nos ensinaron a evolución da construcción dos barcos ao longo da historia. Esa mesma mañá tamén demos un paseo en barco pola ría que, a pesar da choiva e a escasa visibilidade, permitiunos coñecer a ría de Ferrol, con parada en Mugardos para comer.

Pola tarde, continuamos a ruta pola ría e visitamos o castelo de San Felipe. Xa en terra firme, rematamos a visita á cidade paseando polo barrio da Magdalena onde poidemos ver as súas fermosas casas modernistas. A xornada rematou no albergue Alvarella, preto de Pontedeume, onde pernoctamos despois de disfrutar das instalacións do albergue, da súa cea e dunha charla do noso monitor Juanjo sobre a enorme riqueza natural das Fragas do Eume, que iamos visitar. Desgraciadamente o tempo que se nos presentou ao día seguinte non foi moi favorable. Comezamos a xornada cun breve percorrido pola instalación que nos permitiu saber algo sobre a construción bioclimática do albergue. A continuación visitamos o Museo Etnográfico de A Capela, que recrea unha casa de aldea tradicional da zona de hai 80 ou 100 anos. A camiñata pola fraga tivo que suspenderse e substituirse por paradas en lugares concretos da mesma antes e despois de visitar o mosteiro de Caaveiro onde comemos mentras coñeciamos a súa historia. Quedamos coas gañas de volver para percorrer esa fantástica fraga que constitúe unha das mellores mostras do bosque atlántico costeiro de Europa, polo que está protexida como parque natural.

Crónica de Toño Blanco, profesor de Xeografía e Historia



Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...