A escritora caboverdiana Amália Faustino estará de visita en Burela
entre os próximos días 22 e 25 de maio. Con este motivo -tal vez a
primeira ocasión en que un escritor ou escritora caboverdiano residente
no arquipélago visite a comunidade de compatriotas aquí asentados desde
1978-, o IES Perdouro organizou unha intervención educativa coa poesía
como elemento de relación fraternal entre os pobos.
Ás
11:45 da mañá do próximo martes, día 23 de maio, o alumnado reunirase no patio do
centro escolar, onde coñecerá a escritora convidada e con ela compartirá
un recital de poesía. Ademais das composicións propias de cada unha das
persoas que recite, tamén está prevista a declamación conxunta do poema
"Irmáns!, co que Celso Emilio Ferreiro defendeu a convivencia entre os
diferentes pobos do mundo ("Por encima de muros e valados, como un irmau
che falo").
Dado que entre o alumnado do IES
Perdouro existe unha porcentaxe elevada de mozos e mozas de procedencia
inmigrante, nos últimos anos o centro escolar realizou un grande esforzo
humano e económico para o fomento dunha educación inclusiva. Por esta
iniciativa innovadora, tanto colectivamente o centro como
individualmente varios alumnos e alumnas recibiron diversos premios
outorgados por entidades públicas e privadas.
Nacida
na Calheta de San Miguel (na Illa de Santiago, a mesma en que está
Praia, a capital), Amália Faustino é licenciada en Estudos Caboverdianos
e Portugueses e ampliou estudos coa licenciatura en Educación (Na
Universidadade do Miño, en Braga) e co Mestrado nesta área (na
Universidade Clásica de Lisboa). Profesionalmente, ten experiencia
educativa en todos os niveis: do ensino primario (en diversos puntos da
Illa de Santiago), pasado polo secundario para chegar á docencia
universitaria.
No referente á literatura, aínda que confesa
ter escrito poesía desde os 14 anos, Amália Faustino di que a seguridade
para publicar chegoulle tardiamente, con motivo dun curso de
especialización realizado na Universidade de Cabo Verde por volta de
1990. En 2015 obtivo mención no Premio Internacional da Poesía Nosside
(Alianza Global para a diversidade cultural) celebrado na rexión
italiana de Calabria, onde foi a única representante das terras
africanas.
Informacións complementares:
1.- Entrevista con Amália Faustina, feita no programa de Radio Escolar: http://www.ivoox.com/proxecto-neo-192-6-quique-roxios-amalia-faustino-audios-mp3_rf_18235274_1.html (minutos 42:00 a 60:00)
Sem comentários:
Enviar um comentário