23.5.17

REIVINDICACIÓN AFORTUNADA

No pasado mes de marzo, o Presidente da República de Cabo Verde estivo de visita institucional na nosa terra. En Santiago de Compostela foi recibido polo Goberno Galego co Presidente Alberto Núñez Feijoo á cabeza e outro tanto ocorreu no Concello de Santiago coa corporación municipal presidida por Martiño Noriega. Ao día seguinte, acompañado pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana, Jorge Carlos Fonseca visitou Burela, onde tamén foi recibido na Casa do Concello e onde compartiu un encontro coa comunidade dos seus compatriotas asentados na Mariña.

Precisamente neste encontro coa comunidade caboverdiana, mentres o Presidente coñecía a experiencia radiofónica de Silvera Vicente de Oliveira e Edilson Sanches Tavares, foille presentada a reivindicación de apoio para a divulgación da literatura do seu país entre a poboación da Mariña, especialmente entre os mozos e mozas en idade escolar. Sen maiores dilacións, Jorge Carlos Fonseca -recoñecido escritor nos países de ámbito lusófono- pediu ao seu agregado cultural -o tamén escritor Joaquim Arena- que tomase nota da reivindicación para tentar atendela.

Poucos días despois, o equipo do programa Proxecto Neo, de Radio Burela, xa tiña  diversas referencias de escritores e escritoras de Cabo Verde con disposición a colaborar na divulgación das súas creacións literarias a través das ondas. Así foi como se coñeceu na Mariña a recente publicación dun libro colectivo titulado Abraço Poético Cabo Verde-Galiza, unha obra impulsada desde Lugo por José Estévez e desde Praia por João P.C. Furtado.

A maxia das ondas permitu o primeiro contacto entre media ducia de mozas e mozos de entre 12 e 14 anos, estudantes no IES Perdouro, coa escritora Amália Faustino, quen lles deu a coñecer o seu perfil profesional e literario. No final da entrevista, recitoulles uns poemas, tanto na súa versión orixinal (en lingua caboverdiana) como na versión galego-portuguesa.

Nesa mesma entrevista, a Profesora Faustino tivo tamén a oportunidade de falar directamente con Álex Landim Correia, estudante do bacharelato de Artes no IES Monte Castelo e decurso da conversa surxiu espontaneamente a posibilidade de que o mozo caboverdiano se ocupase das ilustracións dun próximo libro da escritora do seu país.

Agora, entre os días 22 e 25, os alumnos e alumnas da radio escolar, o estudante de Artes e a escritora Amália Faustino van manter un encontro presencial en Burela.

A primeira das actividades públicas foi unha intervención poética que se celebrou o martes 23 de maio no patio do IES Perdouro, ás 11:45 da mañá. Ademais de Amália Faustino, recitaron os seus poemas Celestino Ben Barcia, Mercedes López, Ramón Reimunde e Carme Cociña.

O mércores, ás 20:00 horas, a escritora participará noutro acto público, desta vez no local de Batuko Tabanka (R/ do Río), onde gozará da música tradicional do seu país interpretada por Batuko Tabanka e Rabentola.

Accede ás fotografías no noso albúm.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...