31.3.15

Día da muller traballadora

Alumnos de ESO e Bacharelato traballaron varias figuras de mulleres loitadoras e revendicadoras para os seus tempos.

28.3.15

Noa, Emma e Mónica foron recoller o premio do concurso de curtas co móbil


A Amtega entrega os premios do concurso ‘Curtas co móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ aos alumnos dos IES Perdouro de Burela e do IES de Cacheiras.
A curta gañadora foi “As Cousas de antes” do centro educativo burelés e a finalista “Revivamos Galicia” do instituto de Teo.

As tres alumnas responsables da curta gañadora (Noa, Mónica e Emma) recibiron unha tablet con funda teclado cada unha e os cinco autores do vídeo finalista unha tablet.

A directora da Amtega, xunto co director xeral de Educación e os representantes das empresas patrocinadoras, Iecisa e Altia, foron os encargados de entregar os galardóns.

O concurso “Curtas co Móbil” estaba dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, como unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galega.

Santiago, 27 de marzo de 2014.- A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregou hoxe o primeiro e o segundo premio do concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ aos alumnos do IES Perdouro de Burela e do IES de Cacheiras do Concello de Teo, respectivamente.

Os galardóns foron unha tablet con funda teclado para cada un dos tres alumnos responsables do vídeo máis votado e unha tablet para cada un dos cinco alumnos do segundo vídeo que recibiu máis “me gusta” no facebook”. En total, 9 dispositivos achegados polas empresas tecnolóxicas Iecisa e Altia.

Este foi o resultado de 10 días de votacións durante os cales os internautas podían votar a través de www.facebook.com/amtega, no apartado "Curtas Finalistas ADG2020” os vídeos que consideraran que mellor representaban o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías.

Os vídeos gañadores
O vídeo gañador, “Cousas de antes” do IEX Perdouro de Burela, recolle a conversa entre un neno e a súa avoa sobre como era a vida no pasado para realizar un traballo escolar. A avoa compara a realidade tecnolóxica do ano 2050, no que se ambienta a acción, coa do ano 2014 e mesmo coa de épocas anteriores. A conclusión é que os avances tecnolóxicos melloraron o benestar social.

“Revivamos Galicia” do IES de Cacheiras do Concello de Teo conta“Revivamos Galicia” do IES de Cacheiras do Concello de Teo mostra como a través das tecnoloxías se vive e se goza de Galicia con máis intensidade.

Máis de 40 curtas de toda Galicia
O concurso “Curtas co Móbil”, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta, que está a elaborar a Amtega.

Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas. Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas participaron en grupos dun máximo de 5 persoas, e amosaron a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde visualizan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Os vídeos presentados tamén se poden ver na canle de facebook da Amtega no apartado “Curtas ADG”.

Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.

Participación na elaboración da ADG 2020
O concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ forma parte da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 levada a cabo dende a Amtega.

A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro semestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega.

25.3.15

Charla sobre a nova normativa de ICT para alumnos de Electrónica

O martes 24 de marzo, Manuel Parajua da empresa Televés, impartíu unha charla sobre a nova normativa de ICT, (Normativa das Infraestructuras Comúns de Telecomunicacións) destinada ao alumnado de 2º do Ciclo Medio de IT e de 2º do Ciclo Superior de ME.
O inxeneiro realizou prácticas de fusión de fibra óptica cos alumnos.

23.3.15

A viaxe das mil e unha historias - Crónica de Elena Valle na Voz de Galicia

A viaxe das mil e unha historias
Elena Valle García

Era aínda noite pecha cando 17 alumnos de 1º de Bacharelato e 3º de PDC do IES Perdouro nos subimos ao autobús que nos levaría de Burela a Santiago no que ía ser un dos días máis especiais da nosa vida. Sete de nós gañáramos o certame “O Galego na Onda” e o premio consistía en ir á RTVG para vermos a infraestrutura técnica e participarmos no programa “Galicia por diante”.
Como saímos cedo, ás 7:15 da mañá, íamos bastante cansos mais á vez nerviosos polo que estabamos a piques de vivir. Dúas horas e cuarto despois, por fin, chegamos. Ante nós podíamos ver os estudios da Radio Televisión de Galicia, os cales estabamos a piques de visitar. Sinceramente, non houbo maior satisfacción naquel momento: conseguíramolo. Conseguíramos estar alí despois de nove meses participando con todas as nosas ilusións nun concurso radiofónico, que acabamos facendo moi noso: neofalante, multicultural...”MODELO BURELA”.
Unha guía levounos á sala de espera á cal axiña chegaron o alcalde de Burela e os responsábeis da produtora audiovisual, Andrés Riós e Andrés Rozados, que na primavera pasada se ocuparon de formarnos e aos que tiñamos moitas ganas de ver.
Pouco tempo despois déronnos instrucións: entrarían en antena en primeiro lugar o alcalde e o secretario xeral de política lingüística e seguidamente as representantes do grupo gañador (Maka Ledo, eu e Karina Parga, a nosa profesora e compañeira de todos os mércores na Radio Burela.
Durante 15 minutos estivemos vendo o funcionamento do control técnico, mentres eran entrevistadas as autoridades. Despois entramos no estudio, mandáronnos sentar xunto a Kiko Novoa e este fíxonos unha foto. Os nervios aumentaban e eu púxenme a pensar: “que tal o farei?” “Estarán orgullosos meus pais, os profesores e os meus compañeiros?...”.
A entrevista, finalmente, saíu xenial. Fixéronnos varias preguntas simples e puxeron seccións do programa que presentáramos a concurso. Antes de marcharmos tivemos a oportunidade de ver os estudios radiofónicos e televisivos máis de preto.
A pesar de que nos encantaba aquel lugar, tíñamos aínda máis etapas pendentes na viaxe. En Vila de Cruces esperábanos un grande profesor, escritor, mago das letras e amigo, Sechu Sende.
No instituto Marco de Camballón, o profesor e un grupo de alumnos do Clube da Lingua explicáronnos o seu funcionamento. O que máis me gustou foi unha actividade de recollida e selección de fotografías de tatuaxes, xa que mobilizaron a poboación para conseguiren máis de cen mostras en menos dun mes. Nós contámoslles o motivo da nosa visita e ensinámoslles algúns traballos (“Panchito” e “Modelo do Século XXI”) protagonizados polo alumnado de 3º de PDC cos que acadaron o premio de Educación sen Fronteiras, nos que se mostra o que elese elas son: unha nación formada por persoas procedentes de diversos lugares do mundo reunida en Burela, co galego como vehículo de comunicación común.
Foi unha hora sensacional que acabou ao tocar o timbre das dúas e media da tarde. Tras despedirnos de Sechu e comer, saímos cara a Gres coa intención de coñecer outro tesouro de persoa, o escritor Xosé Neira Vilas.
Nunha sala da Fundación que leva o seu nome, de novo, derrubáronse as fronteiras de varios países cun único instrumento: a palabra.
Arxentina, Senegal, Cabo Verde, Marrocos, Cuba, Colombia… todos os países estaban en Gres, en Galicia, na casa dun grande, na casa de Neira Vilas.
Alí parou o tempo e só dúas cousas tiveron importancia: el e a súa historia e nós e as historias que lle queríamos contar.
Da boca daquel home, que se define como “pouco arxentino, bastante cubano e rotundamente galego”, aprendín que son galega e que tamén son un chisco de todo que o poda aprender das persoas e culturas que me rodean.
Como se facía tarde -aínda queríamos visitar a ponte Romana de Gres antes do retorno-, despedímonos e iniciamos a viaxe de volta con mil e unha historias aprendidas sobre o mundo e aínda con desexo de aprender mil e unhas cantas máis.

18.3.15

IV Carreira Solidaria - sesión preparatoria

Alumnos de 1º de ESO reciben información por parte das monitoras de GAIA sobre a importancia da auga potable no mundo co propósito de sensibilizalos de cara a carreira solidaria Gotas para Níxer promovida por Unicef.

As monitoras do Centro de Educación Gaia impartiron unha charla informativa destinada ao alumnado de 1º de ESO na que explicaron a situación de Níxer en canto a saúde, educación, hixiene e a carencia de auga potable nas escolas.

16.3.15

Torneo de xadrez

Ao longo do mes de marzo, tivo lugar a 1ª fase do torneo de Xadrez promovido por Manuel Vilariño, profesor de matemáticas, co obxetivo de estimular o pensamento matématico e desenvolver estratexias mentais.
Un total de 24 alumnos/as de ESO e Bacharelato mediron as súas destrezas nunha competición chea de rivalidade e tamén - hai que dicilo- cunha pizca de tensión no ambiente.

14.3.15

Roteiro Literario Leiras Pulpeiro por Noelia Parga Gaitica

Noelia Parga Gaitica 

O día 6 de marzo de 2015, os alumnos e alumnas de 3º de ESO participamos no acto de inauguración do Roteiro Literario Leiras Pulpeiro. Ás oito e media collemos o autobús en dirección a Mondoñedo. Media hora despois, antes de chegarmos ao centro da cidade, a nosa Vicedirectora Karina Parga baixou do autobús e entrou  nunha florería para comprar dúas rosas, unha branca e outra vermella.

Uns minutos máis tarde, chegamos á Alameda dos Remedios e nela recibíronnos os Sres. Xosé Ruíz Leivas, Xesús Chao Falcón e Xulio Rodríguez Leiras, que nos comezaron a dar explicacións sobre o lugar en que estábamos.

Mentres fixemos o percorrido para chegar ao Instituto San Rosendo, tivemos tempo para sacar varias “fotos interculturais”.  No centro de ensino xa nos esperaban tanto os anfitrións como os integrantes dunha expedición do IES Monte Castelo de Burela e diversas autoridades, entre as que estaban o alcalde de Mondoñedo (Orlando González) e o Cronista Oficial (Antonio Reigosa).

Entre Xosé Luís Ansedes (da Asociación Abrindo Camiño) e Antonio Reigosa contáronnos moitas das historias que viviron durante anos en Mondoñedo, tamén nos dixeron que Manuel Leiras Pulpeiro estudou Latín e Humanidades na súa cidade natal e Medicina en Madrid; que exerceu como médico en Mondoñedo, con grande recoñecemento popular; e que uns anos despois da súa morte as súas amizades recompilaron composicións inéditas e publicaron as súas Obras Completas.

Finalizadas as explicacións, proxectáronnos un vídeo dedicado a Leiras no que se contaba cal fora a súa casa nativa, onde exercera a Medicina, etc. Despois asistirmos á proxección, fomos baixando para vermos por nós mesmos o camiño por onde Leiras transitaba habitualmente e as cámaras da Fundación TIC acompañábannos para poderen gravar o desenvolvemento dos actos.

Ademais de vermos a casa natal de Leiras tamén visitamos outros lugares relacionados con ilustres mindonienses como Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela ou Pascual Veiga.

Durante a camiñata, alumnos e alumnas de cada centro foron recitando poemas. Os nosos compañeiros Carolina Arcila, Silvera Oliveira e Lavilson Rodrigues recitaron ao lado da estatua de Álvaro Cunqueiro e alí mesmo moita da xente que asistía ao acto sacoulles novas fotos interculturais.

Despois do medio día, seguimos o camiño para chegar ao Casino, onde nos acolleron con cariño e nos convidaron a pasteis e refrescos. Alí vimos libros de máis de cen anos, todos expostos encima dunhas mesas.

No cemiterio civil, un grupo de alumnos e alumnas do IES Monte Castelo recitaron o poema “Roseira de rosas roxas” e tivemos o privilexio de escoitar o discurso didáctico de Antonio Reigosa, un discurso cualificado polo noso profesor como “As memorias dun raposo” (algo que nós non entendemos e que outra xente si, porque lles fixo moita graza).

Mentres íamos andando, o Sr. Xulio contounos a Carolina e a min unha historia de amor. Estaba protagonizada por unha señora que morreu de parto. O seu marido escribiulle un precioso poema.
Xusto detrás do cemiterio, vimos tamén como Daniel Caxigueiro e Ester Loureiro plantaban dúas árbores coa axuda de alumnado e profesorado do ciclo superior de Xardiñaría. Minutos máis tarde, subimos ao autobús para irmos coñecer a Fervenza, onde nos comentaron que alí se implantou unha das primeiras centrais eléctricas de Galiza.

Un pouco cansos polo camiño e polo sol que facía, fomos ver a fonte de augas sulfurosas, onde moitos dos nosos compañeiros aproveitaron para beber. De alí dirixímonos ao último lugar histórico que íamos visitar nese día, a Pena do Unto, onde os celtas facían sacrificios.

Nese lugar, Oscar –un alumno do ciclo de Xardiñaría- confirmou todas as palabras que antes nos dixera Antonio Reigosa. Como resultado desa conversa que nós presenciamos, fíxose unha foto que reúne as tres xeracións  que participamos no evento ( a de Xulio Rodríguez, a de Antonio Reigosa e a de Oscar, o noso compañeiro do IES San Rosendo).

13.3.15

LUCÍA RIVAS, PREMIO "O GALEGO NA ONDA"

Cando botamos a andar o programa "Proxecto Neo", en xaneiro de 2012, non levantamos grandes entusiasmos a non ser nun grupo reducido de persoas entre as que estaba Senín Díaz, un filólogo que naquela altura se ocupaba do control técnico en Radio Burela e que colaboraba en tarefas de redacción. Coa súa axuda e alento, unha semana tras outra conseguimos producir, realizar e difundir através das ondas un espazo de radio educativa que co tempo se ía converter nun foro de convivencia intercultural.

No mes de marzo daquel ano aproximábamonos á ducia de programas emitidos e chegounos unha sorpresa. Lucía Rivas presentouse no Instituto Perdouro, díxonos que nos escoitaba todas as semanas, deunos os parabéns e díxonos algo que aínda ninguén nos dixera: "se hai algo que eu poda facer, contade comigo". Diante da xenerosa oferta, nós fomos torpes e non soubemos estar á altura; non lle dixemos nin que si nin que non. Os pedagogos fomos dominados pola antipedagoxía. Porén, Lucía foi máis forte e máis intelixente e o mércores seguinte presentouse ás portas de Radio Burela media hora antes da realización do programa e dixo que lle gustaría ver como se facía Proxecto Neo.

- Adiante!

Afortunadamente, en plena emisión, Karina Parga tivo que atender as redes sociais e non podía recoller a memoria gráfica. Entón Lucía colleu a cámara, púxose mans á obra e completou a reportaxe fotográfica. Daquela caemos da burra e vimos o evidente: que Lucía se sentía unha integrante do grupo e que podía facer un grandísimo traballo.

Aínda ben que rectificamos a tempo e que superamos os nosos propios prexuízos. Por que os tíñamos?  Vexan o absurdo: porque Lucía naceu cunha limitación física; sen ser xorda, a súa capacidade auditiva era moi limitada; iso obstaculizoulle moito a comprensión e a expresión oral na infancia e, como é evidente, tamén a comprensión e a expresión escrita desde o momento en que entrou no colexio. De aí derivou un fracaso escolar no sistema convencional, que case nos atrapa.

Mais Lucía ten unha forza vital enorme e ten moita capacidade de decisión e é extrovertida e aprendeu desde pequeniña a derrubar fronteiras. Ela incorporouse a Proxecto Neo e púxose a traballar desde o primeiro día e desde o primeiro día chegou sempre con puntualidade, mantívose constante e encargouse de transmitir ánimo nos momentos de dúbida. Incluso máis: Lucía converteuse na nosa referencia de educación en valores. Cando emitimos o programa número 90, foi ela quen dixo: "faltan só dez para os cen; hai que ir pensando nun detalliño para estes rapaces, porque o fan moi ben e porque son moi responsábeis". Pura lóxica e moita sensibilidade.

Felizmente, da responsabilidade e da dedicación de Lucía non nos demos conta nós sós. Para velo, a Rubén Riós e a Andrés Rozados non lles fixo falta máis dun par de sesións, tras das cales tomaron a decisión de propoñer a Lucía Rivas como candidata ao premio "O Galego na Onda" xunto con Viviane e Laura Brito, Simón R. Rouco, Serxio Rivas, Maka Ledo, Elena Valle e Sofu Housni. E, non menos felizmente, a proposta foi aceptada e Lucía ten tamén a súa cota de participación no galardón.

Benvido sexa, pois, este "Galego na Onda" como recoñecemento á forza de vontade e ao espírito de superación; e tamén á coeducación, á educación integradora, á escola comprometida na loita contra as desigualdades sociais.

12.3.15

As pinturas da Igrexa da Vila do Medio

Aproveitando que no Instituto temos unha Exposición do C.C. “Buril” sobre “As pinturas da Igrexa de Vila do Medio”, o 5 de marzo os grupos de 1º de E.S.O. asistimos a unha charla para coñecer mellor estas pinturas. A especialista en Bellas Artes, Rosana Míguez López, ex-alumna do I.E.S. Perdouro, falounos da historia da Igrexa, das técnicas utilizadas nas pinturas, da súa temática e do seu estado de conservación. Rosana recordounos que as pinturas representan varias pasaxes da paixón, morte e resurrección de Cristo, que datan do século XVI e que se encontran moi deterioradas. O abandono da Igrexa e a humidade dos muros contribuiron a esta delicada situación. Ao remate da charla, saímos máis mentalizados de que é necesario conservar o noso patrimonio histórico e cultural, onde estas pinturas teñen unha relevancia especial no noso concello.

Carla Fra (1º ESO A)

11.3.15

Festival Xuvenil Europeo de Teatro Grecolatino 2015 en Lugo

O pasado luns 2 de marzo, os alumnos de latín de 4º da ESO e as alumnas de 1º e 2º do Bacharelato humanístico fixemos unha viaxe a Lugo para ver dúas obras grecorromanas, no teatro Gustavo Freire.


Saímos a redor das dez da mañá, e chegamos a Lugo ás doce, xusto a tempo para ver a primeira obra: Edipo rey, de Sófocles; unha das traxedias gregas máis coñecidas.

Practicamente, todo o mundo posúe algún coñecemento deste famoso mito: Edipo asesina a seu pai e casa con súa nai, descoñecendo o parentesco que os une.

Esta obra preséntanos a relación que existe entre a dor e o destino. Edipo, ademais, móstranos unha das paradoxas máis estrañas: o feito de que quen intenta escapar do seu destino non fai outra cousa que cumprilo, aínda que sexa por camiños inesperados.

Por iso, ao final da obra, Iocasta, a muller e nai de Edipo suicídase e o protagonista destérrase a sí mesmo, despois de arrancarse os ollos.

Ao finalizar a obra, dirixímonos ao centro comercial As Termas para comer e pasar unhas horas ata que comezara a outra obra ás catro e media.

Como o teatro e o centro comercial non estaban lonxe, puidemos pasar bastante tempo alí: comendo e pasando un cacho entretido. 

Despois de comer, voltamos ao teatro Gustavo Freire de Lugo para poder ver a comedia que tería lugar pola tarde, a Cistellaria, ou a cestita.

Esta foi a primeira comedia do autor Plauto, estreada arredor do ano 203 antes da nosa era.

Nela, a protagonista Selenia, abandonada ao nacer e recollida por unha meretriz, namórase dun rapaz de boa familia, chamado Alcesimarco. O amor que senten os dous é interrompido polo pai del, que pretende casar ao seu fillo cunha muller da súa mesma clase social.

Así, as ideas dos dous enfróntanse aos plans dos adultos, facendo que o amor e a conveniencia se convertan nos temas principais da obra. Finalmente, Selenia reúnese cos seus pais biolóxicos e o verdadeiro amor acaba por triunfar nesta comedia de Plauto.

Ao rematar a obra, dirixímonos xa ao autobús para voltar a Burela, chegando arredor das oito menos cuarto.

Ambas cremos que esta viaxe foi moi interesante para todos nós, estudantes de latín e de grego, xa que puidemos aprender e ao mesmo tempo disfrutar da sesión de teatro.

Mónica Palacios e Inés Pardo, 1º BAC A.

8.3.15

8 de marzo - día da muller traballadora


O alumnado de 4º ESO B quere facer a súa aportación para conmemorar esta data. Mostrámosvos unha das nubes de palabras creadas nas sesións de titoría. Estas son as ideas que lle suxire a Sara Cordido esta celebración:


7.3.15

Lembramos a figura de Leiras Pulpeiro a través dun roteiro por Mondoñedo

O venres, día 6 de marzo, os alumnos de 3º PDC estiveron en Mondoñedo na Xornada de Lembranza sobre Leiras Pulpeiro. Estes mozos e mozas do Modelo de Nación do Século XXI participaron no acto de inauguración do Roteiro Literario dedicado a Manuel Leiras Pulpeiro.
Na campa do cemiterio civil tivemos o privilexio de escoitar o discurso didáctico de Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo). O emblemático poema "Roseiras de rosas roxas" desta vez foi magnificamente recitado por nenos e nenas do IES Monte Castelo de Burela.

O Cronista oficial de Mondoñedo escribe en facebook o seguinte:

"Hoxe, varias ducias de rapaces e rapazas de Burela e Mondoñedo seguísmolle as pegadas a M. Manuel Leiras Pulpeiro por Mondoñedo. Falamos, recitamos, camiñamos, rimos ...sudamos!
Desde o IES San Rosendo ata o castro da Recadieira hai varios quilómetros de memoria que xa van camiñar canda nós de por vida. Na compaña de mozas e mozos dos IES Perdouro de Burela, do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, do IES Monte Castelo de Burela e do IES San Rosendo de Mondoñedo, coa colaboración do Casino de Mondoñedo, ACIA Mondoñedo, Asociación Abrindo Camiño, As. Amigos de Mondoñedo, Concello de Mondoñedo e Deputación de Lugo, coa impagable colaboración dun día luminoso."

Ver video da Fundación TIC


6.3.15

Alumnos de Mecanizado visitan unha empresa do sector na Coruña

Co obxetivo de completar a formación recibida nas aulas e talleres do IES Perdouro de Burela, os alumnos do Ciclo Medio de Mecanizado foron visitar en Arteixo a fábrica  Metalúrgica Gallega (Hros. de Ignacio de la Iglesia S.A.), unha empresa de Fabricación Mecánica líder no sector que se adica á construcción e reparación de bens de equipo desde 1925. Son 25.000 m2 se superficie cuberta para talleres de calderería, mecanizado, montaxe, chorreo e pintura. Os sectores nos que desenvolve o seu traballo son o aeronáutico, naval, siderúrxico, cemento, hidráulico, automoción, eólico, madeira e industria extractiva.
Durante a visita un técnico foi mostrando e informando dos diversos traballos que realizan na empresa e ensinou ao grupo de alumnos as máquinas e técnicas empregadas na fabricación. A visita centrouse na zona de mecanizado e en concreto nas máquinas de control numérico como tornos verticais e mandrinadoras. Os alumnos quedaron impresionados coa magnitude destas máquinas xa que algunhas eran capaces de tornear diámetros superiores aos 5.000 mm. Unha visita moi formativa!!

Paseo polas ínsulas de Pontedelesma

Paseo bucólico

Charlando con Xosé Neria Vilas

Na fundación de Xosé Neira Vilas.

Séchu Sende

En Vila de Cruces con Séchu Sende e o clube da lingua.

5.3.15

Alumnas de Peiteados visitan a I Feira da Beleza, Imaxen e Benestar BEAUTY GALICIA.

O día 2 de marzo as alumnas do ciclo formativo de Peiteados e cosmética capilar asistiron á I Feira da Beleza, Imaxen e Benestar BEAUTY GALICIA. Foi o punto de encontro tanto para profesionais do sector como para futuros profesionais e consumidores interesados polo mundo da beleza integral e o coidado persoal.
Alí déronse cita as últimas tendenzas sobre a perruquería, estética, imaxe e coidado persoal. Contáronse con sectors afins como o mundo da moda, a perfumería, o benestar e tratamentos corporais.
A feira completouse cunha oferta formativa para profesionais e cunha zona expositiva con venta directa de produtos e servicios ao público, demostracións, actividades e shows demostrativos.  

4.3.15

O noso premio o Galego na Onda na prensa

A Mariña - O Progreso de Lugo do 04/03/2015


 A Voz da Mariña do 04/03/2015


A Voz da Mariña do 28/02/2015


Reportaxe fotográfica na crtvg - O Galego na Onda

Xa temos unha completa reportaxe do acto na Radio Galega e a visita polas instalacións e platós da crtvg. 

Fotos da entrega de premios tomadas da web de Política Lingüística



No Galicia por Diante con Kiko Novoa e Belén Regueira 

3.3.15

Alumnos do IES Monte Castelo visitan as instalacións dos Ciclos Formativos

Alumnos de 3º de ESO do IES Monte Castelo acompañados pola súa profesora de Tecnoloxía e pola Orientadora visitaron o IES Perdouro para coñecer a oferta educativa dos nosos ciclos. Foron acollidos por José Ramón Leiva, o noso orientador, que lle programou en dous días (venres 27 de febreiro e martes 3 de marzo) un percorrido didáctico guiado polas instalacións das catro familias profesionais que ofrece o noso centro. Foron recibidos polos xefes de departamentos e por algún profesor das especialidades.

Fotos tomadas por Esperanza Pernas




.

2.3.15

De visita inscructiva por Lugo - 1º de Bach.

    Mónica Palacios – 1º BAC
  
O día 26 de febreiro, os alumnos de 1º de bacharelato fixemos unha viaxe a Lugo para visitar o campus da cidade, pertencente á Universidade de Santiago, e tamén a Fundación TIC.

Saímos do IES Perdouro en autobús ás nove menos vinte da mañá para chegar a Lugo ás dez e dez aproximadamente. 

Xa alí, fomos directamente á Biblioteca Intercentros da Universidade para poder facer unha visita guiada. En primeiro lugar, contáronnos como funciona a biblioteca e algúns puntos importantes desta, como por exemplo os distintos tipos de salas que hai e tamén a numerosa colección da que dispoñen, tanto de libros como de revistas e doutro tipo de materiais, como por exemplo o electrónico.

Logo, en dous grupos, puidemos ver as diferentes salas, que á súa vez están divididas segundo a temática dos libros que se atopan nesta, todos moi ligados aos distintos graos que se poden cursar no Campus de Lugo. Tamén vimos outros tipos de salas, como a de traballo en grupo e como a hemeroteca, onde están as revistas.

A continuación, saímos da biblioteca e dirixímonos á Escola Politécnica Superior. Alí, xunto con alumnos doutros institutos, déronnos unha visión xeral sobre o Campus de Lugo, as súas facultades, os Graos que se poden cursar, a vida universitaria na cidade e outro tipo de información importante referente á Universidade de Santiago, como por exemplo as facilidades dadas por esta para cursar idiomas. Como agasallo, entregáronnos unha carpeta e unha axenda da Universidade de Santiago.

Despois, voltamos ao autobús para dirixirnos á Fundación TIC. Alí, explicáronnos que se trata dunha entidade formativa audiovisual que promove a Deputación de Lugo e que conta coa Escola de Imaxe e Son e co Centro de Produción e Programas, que é o lugar onde fixemos a nosa visita. Puidemos ver todas as instalacións de centro, no cal contan con dous platós e dúas cabinas totalmente equipadas para que os alumnos poidan poñer en práctica o aprendido nas aulas. Ademais diso, serven de apoio a ONGs, asociacións e concellos. Por último, tamén participan na realización de spots, programas de televisión, curtametraxes, videoclips, etc.

Puidemos ver todo o proceso de gravación e realización e ensináronnos a importancia do traballo que hai detrás das cámaras. Vimos todo o material co que contan, o Control de Realización e Son, as Cabinas de Montaxe, as oficinas, os estudos... Como sorpresa final, algúns dos alumnos participaron na realización dun telexornal, e a cada un de nós foi agasallado cun pen-drive que contiña ese telexornal e tamén un video informativo da fundación TIC.

Ao redor das dúas da tarde, fomos ao centro comercial das Termas para xantar e gozar dun pouco de tempo libre.

Logo, dirixímonos ao centro da cidade para poder ver a Domus do Mitreo, pertencente á Universidade de Santiago. Trátase dun xacemento que conserva os restos dunha casa romana. Alí realizamos unha visita guiada na que nos explicaron os datos máis importantes do xacemento e onde tamén vimos un video explicativo. Finalmente, puidemos ver estes restos de orixe romana.

A continuación, dúas alumnas puideron visitar a Facultade de Formación do Profesorado mentres os demais demos un paseo polo centro da cidade.

Finalmente, dirixímonos ao autobús para voltar a Burela, chegando así as oito da tarde aproximadamente. Persoalmente, creo que todos os lugares que visitamos puideron resultar moi interesantes para a maioría de nós. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...