Mostrar mensagens com a etiqueta Alfredo Gómez Cerdá. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Alfredo Gómez Cerdá. Mostrar todas as mensagens

28.4.16

Encontro con Alfredo Gómez Cerdá

O pasado xoves 14 de abril, o Premio Nacional de Literatura, Alfredo Gómez Cerdá, visitou o IES Perdouro para ter un animado encontro co alumnado de 2º de ESO e falar do seu intrigante libro El rostro de la sombra, primeiro volume dunha triloxía que completan Pasos de marioneta e Los fantasmas del paraíso. Tres obras nas que distintos adolescentes vense na obriga de tomar unha importante decisión.
Antes do encontro, preguntabámonos como fan os grandes escritores para inspirarse. O noso autor revelounos que o máis insignificante detalle pode ser a idea inicial para a trama dun libro. No caso de El rostro de la sombra, a idea saltou cunha nova dun xornal: as consecuencias imprevistas das “gamberradas” da adolescencia e o imparable poder de difusión das redes sociais.
Gómez Cerdá confesounos que sempre lle gustou escribir, de neno xa creaba os seus contos e as súas poesías. Pero, pouco a pouco, foi descubrindo o seu camiño como escritor, camiño no que a narrativa é o seu xénero preferido.
Para o autor, os adolescentes somos os lectores máis atractivos. Segundo el, temos moitas inquedanzas, somos moi inconformistas e esiximos moito a quen escribe, algo para el fundamental nun lector dos seus libros. Por iso, escolle para nós temas actuais, que nos afectan directamente, coa fin de que teñamos un momento de reflexión sobre os problemas da sociedade actual. E, dende logo, que o consegue! 

Carmen Pernas Pernas
2º ESO B

11.3.14

Libroforum con Alfredo Gómez Cerdá, premio nacional de literatura infantil e xuvenil - El rostro de la sombra

Alfredo Gómez Cerdá, autor madrileño con máis de 80 libros no seu haber para todo tipo de público (infantil, xuvenil e adulto), visitou esta mañá, martes 11 de marzo, o IES Perdouro para manter unha charla informal con alumnado de 2º e 3º de ESO e 4º PDC.

A súa extensa obra publicouse en varios países de Europa, América e Asia e moitos dos seus títulos podemos atopalos traducidos ás máis variadas linguas, dende o galego, o portugués, o catalán, o vasco, o francés, o  italiano, o inglés ou o alemán,  ata o coreano, o chino, o xaponés ou o esperanto.
Foi recoñecido con decenas de premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o "Cervantes Chico", o "Barco de Vapor" ou o "Gran Angular".
Isto é un sinal claro do bonfacer do autor. Chega cunha facilidade incrible ao seu público, recurrindo tanto a personaxes que parece que existen de verdade como a temas que están en primeira liña na actualidade. Unha forma moi eficaz de chegar sobre todo ao público xuvenil. Non agocha o que a xuventude e as familias fan mal; pola contra, invítanos á reflexión sobre certas actitudes poñendo os seus personaxes nesas situacións. É o caso do libro que centrou o encontro de hoxe, El rostro de la sombra, premio Hache 2013, co que Gómez Cerdá achega a mocidade á súa realidade máis inmediata: encontro co alcol, emprego das novas tecnoloxías, actitudes de superioridade e de rebeldía cara os demais, sobreprotección familiar, ...

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...