22.5.19

Despedida 2º Bach 2019

O luns, día 20 de maio, celebrouse a cea de despedida do alumnado de 2º de Bacharelato.  

👩‍🎓👨‍🎓 Orla despedida 2° Bach. 2013-2019
Unha nova etapa ábrese para vós. Moita sorte rapazas e rapaces nesta nova andaina!!!
"A verdadeira amizade resiste ao tempo, á distancia e ao silencio".


Unha promoción que non imos esquecer!!  Querémosvos!!

Aarón Artime Hernández, Andrea Barro Rodríguez, David Basanta González, María Basanta Rañón, Cristina Blanco Basanta, Mario Cordido García, Ángel Cayón Fernández, Teresa Crego Deán, Claudia Díaz Suárez, Elena Enríquez Peralta, Antía Fanego Lestegás, Artai Fernández Padrón, Kesia Galdo Lorigados, Kesia Hugo López Díaz, Lucía López López, Denís Maseda Ares, Antón Mazaira López, Julián Moreno Vizoso, Diego Pardo Couto, Mirella Ramos Vázquez, Andrea Rivas Villarquide, María Riveira Teijeira, Tania Valiña Eijo.

Antón levas matrícula de honra. Parabéns!

Accede ao albúm de fotos da cea aquí. 

Ruta polas Terras de Miranda

O martes 30 de abril, ás oito e media, os alumnos/as de 2° ESO realizamos unha viaxe programada polo departamento de Xeografía e Historia e Relixión. 
Ao comezar o día fomos ao castro de Saa, na Pastoriza, onde nos contaron os datos máis importantes deste: que era un dos máis grandes, que está romanizado e que aínda se está a estudar. Logo fomos ao mosteiro de Lourenzá. Despois estivemos na fraga de Riotorto. Alí fixéronnos unha demostración de como traballaban o ferro. Poidemos ver o funcionamento dun mazo de auga e como os ferreiros fabrican os coitelos de forma artesanal. Deseguido, completamos unhas fichas sobre esta fraga e a charla sobre o traballo do metal, e mais tarde unha búsqueda sobre a flora da fraga. Ao rematar estas actividades, xantamos. 
Pola tarde visitamos en Meira os restos do mosteiro de Santa María: a igrexa, o claustro, etc, e ensináronnos una maqueta do mosteiro cando estaba completo. En último lugar tivemos que lembrar todo isto cubrindo unhas fichas.

Accede a reportaxe fotográfica aquí. 

Dámari Carballo , Lucía Ciria e Jessica Villamizar - 2º ESO B

Obradoiro sobre escritura medieval

O pasado luns 29 de abril ás 16:00 horas, realizamos un obradoiro sobre escritura medieval a cargo de GaliPat Servizos Culturais.
Comezamos esta actividade, recibindo unha pequena explicación. Logo, fixemos o obradoiro, no cal, tivemos que realizar un selo. Primeiro, pensamos o que queriamos debuxar, e para elo, os profesores déronnos unha folla con exemplos. Unha vez ideado plasmámola no papel, ademais tivemos que escribir as nosas iniciais e poñer ex-libris, que era unha marca de propiedade.
Seguidamente, tivemos que punzar unha especie de goma. Para eso, démoslle a volta ao noso debuxo, para que ao colocar o selo, quedara axeitado. Finalmente, mollamos a goma nunha pintura vermella e pousámola nunha folla. Todo o material empregado por nós, levámolo para a casa.
Outra parte da actividade, consistiu en ver como era a primeira imprenta. Explicáronnos como funcionaba esta máquina, ideada por Gutenberg (século XV), e un compañeiro de 2º ESO B fixo unha demostración de como funcionaba.

Accede ao albúm de fotografías aquí.

Álvaro Mesa, Santiago Casal e Álvaro Fernández.- 2º ESO A

Obradoiro da prehistoria

O pasado luns día 29 de abril, os alumnos/as de 1º ESO recibimos unha charla sobre as armas que as persoas prehistóricas usaban para cazar. 
Dous monitores arqueólogos da GaliPat Servizos Culturais foron os encargados de explicarnos os métodos da caza na prehistoria. A charla resultounos moi interesante a todos os/as alumnos/as, xa que nos ensinaron réplicas dunhas lanzas que se supoña que empregaban para cazar. 
Logo, pasamos a práctica e saímos ao patio. Alí había un cartón no cal estaba debuxado un animal: un cervo. O noso obxectivo era, usando unha lanza con propulsor, conseguir darlle ao animal. Resultounos moi entretido e todos (incluída a mestra) se animaron a probar. 
Ao final, foi unha experiencia moi instrutiva, e, ao mesmo tempo, divertida.

Accede ás fotografías no noso álbum, aquí.

Ramón Real González - 1º ESO C

21.5.19

Obradoiro de regueifa

Esta mañá, Serxio e Cristián, alumnos de 4º de ESO e dinamizadores do Certame de Regueifas do IES Perdouro, impartiron uns obradoiros de improvisación oral ao alumnado de 1º de ESO. Empezaron por un breve achegamento teoríco no que lles explicaron que  as regueifas son composicións dialogadas medievais que logo no século XIX estaban vinculadas  coas vodas. O obxectivo da disputa dilemática era conseguir o privilexio de partir a regueifa, un pan branco. A regueifa segue existindo por Vigo, Camariñas, Vilariño de Conso ou no Courel.
A regueifa é unha estrofa ou copla popular onde hai unha rima asonante ou consonante entre os versos 2º e 4º, cun ritmo moi pegadizo.
O alumnado puxo en práctica e improvisou con moito ritmo unhas coplas non sempre fácil, pero foron uns momentos moi divertidos.

11.5.19

Conferencia Especial Día das Letras Galegas - Antón Fraguas

O profesor Amancio Liñares Giraut impartiu unha conferencia sobre a figura homenaxeada das Letras Galegas deste ano, Antón Fraguas. Falounos da infancia do historiador, antropólogo e xeógrafo no Concello de Cotobade, dos seus estudos en Santiago, das persoas que coñeceu e que foron influentes para el. A partir da información recibida, o alumnado de 2º de ESO que tomou nota de todo, terá que elaborar unhas presentacións sobre o historiador e defensor da lingua.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

10.5.19

Correlingua 2019

O martes 7 de maio, os rapaces de 1º de ESO acodiron á convocatoria anual do Correlingua baixo o lema "O galego é a fórmula", iniciativa que xa vai pola 19. A carreira en prol da lingua celebrouse, nesta ocasión, en Ribadeo, dende a Illa Pancha ata o Cantón dos Moreno.
Isabel Risco foi a encargada de dar paso á lectura do manifesto que levaba por título "Temos química coa nosa lingua". Quíxose ter en conta o 150 aniversario da táboa periódica de Mendeleiev. Houbo actuacións, entrega de premios e concerto do grupo triunfador do Cantalingua.

Accede ao albúm de fotos aquí.

9.5.19

Prácticas de piragüísmo

Logo da charla impartida polo clube piragüismo San Cibrao onde explicaron as diferentes modalidades deportivas que existen dentro deste deporte, os beneficios físicos e psíquicos que ten sobre a saúde, o alumnado de 1º de ESO viaxou esta mañá ata o embalse de Río Cobo para levar á practica o aprendido.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Acto Letras Galegas 2019



Visita do alumnado de Administración à Torre de Núñez e Quescrem

O pasado 5 de febreiro, o alumnado do ciclo medio de Xestión Administrativa e os de 1º de ciclo superior de Administración e Finanzas visitaron dúas empresas galegas: Torre de Núñez e Quescrem.

Na primeira foron recibidos pola Técnica de Calidade, quen lles ensinou todo o proceso de produción e organización da compañía, a cal suma xa máis de 50 anos de antigüidade. Para iso, tiveron que poñer batas, gorros, calzas e, incluso, máscaras que tapaban o nariz e a boca, o que reflicte unha gran preocupación pola hixiene e por manter o produto libre de axentes externos prexudiciais.

No percorrido polas instalacións viron como se producen os lacóns e os chourizos dende o primeiro paso ata o último. O procedemento de afumado chamou moito a súa atención xa que se realiza con madeira de carballo, apostando así polo aproveitamento de especies autóctonas. Tamén é salientable a gran capacidade de almacenamento da fábrica, destacando unha sala de grandes dimensións con xamóns esperando para ser enviados ás grandes superficies distribuidoras ou directamente aos clientes finais que os adquirían alí mesmo. Así mesmo, destacan tamén as innovadoras máquinas que empregan e que, a pesares de seren obxectos que favorecen a industrialización da marca, manteñen a base artesanal do produto.

Durante a visita, comprobaron que o persoal ten a súa labor diferenciada, é dicir, que se trata dunha empresa que opta pola especialización, na que cada persoa que forma parte do seu organigrama é especialista no traballo que realiza.

Pola tarde visitaron Quescrem, unha empresa fundada en 2006 que a día de hoxe está presente en toda España e no estranxeiro, como por exemplo, en China. Foron recibidos polo Técnico de Recursos Humanos, quen lles comentou aspectos referidos á historia da marca, todo o que a caracteriza e a fai especial, a presenza no mercado e a forma de traballar da empresa, onde o persoal realiza unha xornada de oito horas diarias, das cales dúas horas poden repartir como eles prefiran. Dende o punto de vista organizacional, trátase dunha compañía innovadora, pois seguen un modelo aberto onde todo está conectado, de forma que poida existir unha comunicación continua e moi fluída. Así mesmo, tratase dun lugar moi eficiente dende o punto de vista enerxético, pois aproveitan a calor que desprenden as máquinas da fábrica para manter a temperatura das oficinas e do laboratorio. 

A visita á fábrica foi realizada polo encargado da planta de produción. Para a mesma, tamén tiveron que empregar indumentaria estéril. Ademais de ver os distintos procedementos de envasado, comprobaron como se almacenan e refrixeran as mercadorías xa listas para a venda e clasificadas segundo o lugar ao que van ser enviadas. O que máis chamou a atención do alumnado foi o feito de que a materia prima da que parten para fabricar o seu queixo é a mazada, tamén coñecida como soro de manteiga. Esta posúe menor índice de graxas e, ademais, contribúen a reducir o seu desperdicio pois, noutros tempos, non houbera tido utilidade algunha.

É salientable tamén como Quescrem participa na formación dos novos profesionais do sector culinario coa organización de concursos que premian as mellores receitas elaboradas con produtos da súa fabricación. 

En xeral, ambas visitas foron moi interesantes e nas dúas recibiron produtos como xamón, queixo natural en crema e a súa variedade ChocoBó. 

María González Fernández de 1º CS de Administración e Finanzas.

7.5.19

I Certame da Regueifa

O EDLG convoca o I Certame de Regueifa.

O certame pretende apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega.

Prazo de inscrición ata o 22 de maio. Anímate!

BASES:
  • Concurso para o alumnado de 1º da ESO a 2º de BAC e profesores interesados.
  • A participación é aberta e de balde e concrétase cubrindo un formulario que está dispoñíbel para os interesados en conserxería. Ditos formularios deberan ser entregados a Dolores Otero (vicedirectora).
  • O idioma empregado deberá ser o GALEGO.
  • NON se poden transmitir mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias. No momento no que isto suceda o participante será eliminado.
  • Se os participantes non informan da súa ausencia nalgunha das probas, quedarán directamente eliminados.
  • Débese respectar a decisión do xurado.
  • Débense respectar os compañeiros.
  • As listas e horarios das probas serán anunciados despois do peche da inscrición.
  • Anunciaranse obradoiros de regueifas para todo aquel que estea interesado.
  • O premio para o gañador será desvelado o día da entrega.
En caso de dúbida, contactar con calquera das seguintes persoas:
Dolores Otero (vicedirectora)
Bernardo Penabade (profesor lingua e lit. galega)
Sergio Alonso (alumno de 4º ESO)
Cristian Gómez (alumno de 4º ESO)

2.5.19

Acoso Escolar do Plan Director

O 14 de marzo o alumnado de 3º ESO tivemos unha charla que comezou ás 12:20 e rematou ás 14:00 h. Falaba sobre o acoso escolar e estaba impartida polo Ramón Peña e Héctor Méndez, formadores da Garda Civil de Lugo, dentro do programa do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade.

Empezaron por poñernos un "videoclip" dunha canción chamada "Alone" feita por Marshmello pero traducida ao castelán. Este vídeo trata deste DJ cando era novo e utilizaba unha mesa de “mesturas” para illarse do que lle sucedía na súa clase.

Puxéronnos moitos máis vídeos sobre este tema do acoso escolar:

- Un vídeo de Roberto Vilar, coñecido actor que traballa no programa de TVG "Land Rober", explicándonos que cando era un rapaz tamén sufriu acoso.
- Un vídeo que nomeaba diferentes modos de acoso escolar e como enfrontalos.
- Un vídeo sobre un home que tiña que confiar na xente que o ía recoller ás suas costas, pero tirou para adiante.
- A seguinte gravación foi dun vídeo subtitulado, dun narrador e un grupo de persoas. Estas, se o narrador citaba algo que viviran ou que estiveran vivindo estas persoas, debían dirixirse a un punto concreto para que fosen conscientes de todas as persoas que experimentaran o mesmo.
- O seguinte vídeo foi o da premiada película española La Llamada, onde un dos protagonistas di o relevante que é ser un mesmo sen importar a forma de ser ou de pensar.
- O sétimo vídeo que nos puxeron era un diálogo nunha serie que falaba de que un billete de 50 € segue valendo o mesmo despois de engurralo e golpealo.
- A derradeira gravación foi sobre un videoclip da famosa cantautora española Rozalén. A canción era a de "Girasoles" e fala da importancia de ser valente, de levar a verdade por diante e axudar a protexer os que o necesitan.

Tamén nos mostraron varias imaxes que tiñan en común que, dependendo de como as miraras, podías obter unha resposta ou outra.

Fixeron con nós tamén un experimento sobre este tema: chamábase o "xogo do folio" e trataba de que a nosa compañeira Irina sentaba nunha cadeira e Marta escribía un insulto nun folio, tirándollo a Irina. Logo, viñeron máis voluntarios tapándolle o paso á agresora e protexendo a vítima.

E todo isto para facernos reflexionar sobre o grave problema que supón o acoso escolar.

Eva Fernández Riveira - 3º ESO B

Computación evolutiva

O martes 12 de marzo alumnos de 1º BAC A, 4º de ESO e tamén dous de 2º BAC asistimos a unha actividade sobre a computación evolutiva que impartiron Alberto e José María, profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC no Grao de Enxeñaría Informática e Robótica.
O taller dividiuse en catro partes, empezando por unha charla introdutoria na que se falou da intelixencia articifial, que se basea nas tecnoloxías das linguaxes naturais (as linguas que lles serven aos humanos para comunicarse na vida cotiá) e consiste en que as máquinas poidan razoar, encontrar solucións a problemas e aprender dos erros. 
De seguido amosáronnos uns vídeos de exemplos de intelixencia articifial, como o robot que lle gañou ao mellor xogador de xadrez do mundo, máquinas que funcionan como asistentes persoais (Siri, Alexa…), automóbiles con condución autónoma e, por último, robots que conseguían realizar tarefas naturais para os humanos como saír por unha porta, camiñar e coller unha caixa do chan escollendo respostas axeitadas a contratempos como que esta caixa fora movida por algúen ou que de camiño á porta aparecera un obstáculo que esquivar. Con estes vídeos quíxosenos ensinar o que era a intelixencia articifial e que podía superar as persoas en diversas facetas.
A seguinte parte foi sobre os algoritmos evolutivos, definidos como métodos para resolver un problema nos que se aprende das mellores solucións e se mesturan estas ata obter unha correcta, solucionando así moitos problemas. A continuación, xogamos cos ordenadores a dous xogos nos que se creaban clons baseándose nos algoritmos evolutivos. Un deles é Citius Invaders.
Para rematar, fíxose unha competición por parellas na que os gañadores, que recibirían unha cunca e unha camiseta, serían os que fosen capaces de matar máis alieníxenas sen que estes se clonasen e chegasen a ser cen.
Accede ao albúm de fotos aquí.
 
Cristian Requeijo Fraga - 1º Bacharelato

1.5.19

Parque da Vida en Luarca

PARQUE DA VIDA: O PLANETARIO

    O  pasado xoves 21 de marzo, os alumnos de 2º ESO participamos nunha excursión a Luarca, acompañados polos profesores Pablo, Miruca, Ana Vázquez e Karina, na que puidemos visitar o Parque da Vida. Fomos recibidos por Luis Laria,  presidente da Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Mariñas (Cepesma). O parque tiña numerosas partes e entre elas encontrábase o planetario, unha sala redonda na que había asentos arredor e, no medio, a máquina proxectora. Dende o noso lugar, puidemos observar  moitas cousas incribles, á vez que un monitor nos ía explicando. Entre as numerosas cousas que nos contou, aprendemos que o planeta Marte podería ter unha parte habitada, xa que nos polos a calor non sería tan desmesurada. Falounos dos satélites que teñen algúns planetas (recomendounos ata como aprender a memorizalos) ou das numerosas constelacións que podemos ver a simple vista ou con telescopio: como identificalas, os seus nomes, como saber onde se sitúan encontrando outras que brillen máis, etc.

Lucía Ciria Cao – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA HISTORIA DO PLANETA TERRA

    Nesta sala, Luis Laria comezou por explicarnos que se poden dar condicións para a vida noutros planetas. A certa altura, pegada nas paredes da sala, había unha cinta métrica. Cada milímetro representaba un millón de anos na vida da Terra.  Houbo un momento en que o planeta tiña arredor de 5000/6000 volcáns. Ao arrefiar, eses volcáns foron desaparecendo.

    A Terra formouse hai 4.5 millóns de anos. Segundo se formou, tamén se podería destruír porque, por exemplo, se se producise unha deflagración solar, isto é, unha tormenta solar impredecible, o planeta podería desintegrarse en menos de 14 horas.

    Na cinta métrica, tamén había unha parte sinalada que destacaba o tempo de existencia do Homo Sapiens. Era doado darse conta de que se comparásemos o tempo de existencia do ser humano co da existencia da Terra, a nosa é unha insignificancia ao lado do tempo que leva existindo o planeta.

    Luis Laria explicounos que en España, en distintas escavacións, apareceron esponxas tropicais, o que quere dicir que o eixe gravitatorio da Terra tiña unha inclinación distinta da que ten agora e España situábase noutra zona climática. Antes só había un único continente ao que se lle chamaba Panxea. Dentro dun tempo, dise que vai volver a suceder iso e o único continente chamarase Nova Panxea.

    Despois falounos de seres vivos acuáticos que son fósiles viventes. Por exemplo, os cefalópodos antes tiñan todos cunchas, que eran como a súa casa. Agora non todos a menteñen. Os nautilus son os amonites actuais. Os cefalópodos cando querían subir á superficie botaban gases dentro da cuncha e así podían flotar e cando querían baixar botaban os gases para fóra. Esta mesma estratexia utilizouse nos submarinos. Luis Laria tamén destacou a importancia de que o primeiro submarino foi ideado por un español, Isaac Peral.

Mateo Balseiro Santos – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA LURA XIGANTE

Dentro do Parque da Vida, unha das salas máis curiosas era a sala da lura xigante, onde nos falaron de moitas cousas.

Entre elas, o que máis destacaba, e que por iso lle daba o nome á sala, era unha lura xigante. Esta atopábase nunha vitrina longa e estreita cunha substancia líquida que facía que se conservase. Tamén nos contaron que hai luras con pelos que serven para axudar ao ser vivo a alimentarse xa que este come todo o que se fixa ao seu corpo como, por exemplo, o placto.

Existen varios tipos de luras. Unha delas, da que tamén nos falaron, foi o Vulcanotopus Hydrothermalis. Esta, tiña un ollo grande e un pequeno. O pequeno sempre se atopaba mirando cara á superficie.

Posteriormente, xa referíndose ao medio acuático, explicáronnos que por cada 10 metros de profundidade na auga, estariamos a unha atmosfera máis de presión. Tamén engadiron que a partir dos 87 metros de profundidade, xa se pode ver a luz dende a auga.
Nesa mesma sala, amosáronos tamén algúns peixes que posuían dimorfismo sexual. Neste caso, as femias tiñan un tamaño moito maior ca os machos.

Noa Saá del Río – 2º ESO B

Acceda ao albúm de fotos aquí. 

Feira da Ciencia de Navia

O xoves 21 de marzo os alumnos/as de 2º ESO fomos á VI Feira da Ciencia do  IES Galileo Galilei de Navia. Dito evento dividíase en:

Postos:
Na primeira parte estivemos vendo uns postos de robótica nos que os alumnos do instituto de Asturias nos mostraron uns xogos que eles mesmos crearan e tamén nos ensinaron un robot que pintaba pelotas de ‘”pimpón’’ segundo o manexaban eles.

Máis adiante, ensináronnos un posto de música no que nos propuxeron facer dous xogos. Un de copas musicais e o outro era un xogo de mesa no que ti tirabas os dados e dependendo da cuadrícula na que caeras facíanche unha pregunta.Tiñas que adiviñar unha canción ou adiviñar un instrumento.

No seguinte posto, experimentamos cunha escala musical de botellas na que dependendo de se tiñan máis auga ou menos soaba máis ou menos cando a tocabas.

A continuación, vimos unha exposición sobre mulleres científicas españolas importantes. Nesta exposición, mandáronnos cubrir unha enquisa para ver que pensabamos sobre esas mulleres.

En quinto lugar, ensináronnos un experimento no que ti botas auga nun prato, acendes unha candea e pola no prato con auga e despois poslle un vaso encima e o vaso absorbe a auga.

No sexto, probamos a coller unha bóla de lume que non queimaba. Para isto. o que hai que facer é mollar as mans e botarlle alcohol a unha bóla de algodón. Despois, préndeslle lume, colles a bóla e ti non te queimas.

Vimos moitos outros: nun deles explicábannos que coas diferentes táboas de multiplicar podiamos facer diferentes figuras e polígonos. Noutro, falábannos do teorema de Pick, que consiste en encontrar a área dun polígono mediante coordenadas.

No seguinte, explicáronnos os polígonos circunscritos e unha das súas características, que consiste en que ao ir circunscribindo cada un dos polígonos con outro con máis lados, sempre consegues unha circunferencia.

No último posto, aprendemos o que era o xogo do Drago, no que tratamos de unir puntos con liñas rectas ou curvas, pero cunha serie de normas:
- As liñas que debuxes non poden atravesar outras liñas.
- Só podes unir dous puntos cunha liña.
- Dun punto non poden saír tres liñas.

Obradoiros:
Un dos obradoiros que vimos trataba de descifrar adiviñas para ir abrindo cadeados e así encontrar a sorpresa final.

Na primeira adiviña tiñamos que atopar unha lanterna para ler o código que abría o primeiro cadeado.

A segunda adiviña era un problema matemático e co resultado abríase o segundo cadeado.

A última, consistía en saber que fracción oupaban uns cadros de cores. O resultado abría o último cadeado co que podías chegar á sorpresa: un montón de caramelos que acabamos repartindo entre todos.

Finalmente, ensináronnos un obradoiro no que unha rapaza cantaba unha canción sobre a violencia de xénero e a continuación representáronnos unha obra de teatro na que un neno e unha nena vían como súa nai era maltratada polo seu marido.

Foi unha viaxe educativa, ao igual que divertida. Gustaríame repetir este tipo de excursións.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Sofía García González e Antón Expósito Campo – 2º ESO A


Mes da Letras Galegas

Recollemos da biblioteca do CEIP de Cervo esta magnífica compilación:



Buscando pola rede atopamos unha morea de recursos para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS que logo celebraremos. Este ano dedícase o día a ANTONIO FRAGUAS, antropólogo, xeógrafo, historiador...Aquí tedes unha morea de recursos para ampliar os vosos coñecementos e para traballar nas aulas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...