21.12.17

Chegou o apalpador ao IES Perdouro

Recibimos a visita inesperada do Apalpador no IES Perdouro. O alumnado de 1° de ESO tivo a oportunidade de conversar con el e de sacar moitas fotos.
O apalpador desexoulles aos nenos un ano novo cheo de ledicia e fartura, murmurándolles "así estexas todo o ano".

Ver a reportaxe da súa visita polas aulas e corredores do  IES Perdouro, aquí.

Concurso de Postais de Nadal

Acto de entrega de premios do Concurso de Postais de Nadal convocado pola biblioteca en colaboración co departamento de plástica.

Esta mañá o apalpador foi o encargado de felicitar as gañadoras do certame e de entregarlles un diploma asi como un pequeno premio en metálico. Estivo acompañado por Antonio, profe de debuxo e por Dolores, Vicedirectora.
  • Lin Vizoso López acadou o 1° premio polo seu trazo, a súa precisión e creatividade.
  • Cloe Vizoso Rocha ten o 2° premio pola súa creatividade e elección de cores.
  • Yaniss dos Santos recibiu o 3° premio polo seu debuxo hiperrealista. 
Parabéns as 3!!!


19.12.17

"As aventuras de Gale" teatro de monicreques de A xanela do Maxín

Os rapaces de 1º de ESO de varios institutos da Mariña tiveron esta mañá unha cita no Auditorio de Burela cos monicreques de A Xanela do Maxín coa obra As aventuras de Gale.

Sinopse: 

Gale conducirá ás nenas e nenos a través da súa historia e traeraos ao presente mostrándolles a situación na que se atopa e a maneira na que poden axudarlle a repartir ese gran tesouro que protexe con tanto con mimo: palabras, expresións, dicires e unha maneira única de ser e de descubrir o mundo.

Unha historia chea de aventuras e desventuras que nos axudarán a comprender as circunstancias que rodean a Gale no día de hoxe, pero tamén a gran riqueza que supón contar con música, poemas, libros e canta cultura se creou e creará en galego.

Nalgúns momentos Gale estivo moi enfermiña, case apagada, como pode ser nos Séculos Escuros, mentres que noutras etapas reluciu de esplendor. Actualmente non está no seu mellor momento e por iso mesmo precisa da nosa axuda.


Dirección, actriz e titiriteira: Celtia Figueiras
Guitarra e violín: Carlos G. Fandiño
Acordeón, frautas e voz: Sonsoles Penadique
Iluminación: Fernando Martínez de Vega
Espazo sonoro: Luis Vallecillo
Texto: Pepe Carreiro, Celtia Figueiras e Séchu Sende

15.12.17

O Nadal xera cultura

Os alumnos de 1º de ESO de Relixión fixeron un mural titulado "O Nadal xera Cultura"

 .....


14.12.17

Exposición Postal de Nadal 1º ESO

Os alumnos de 1º de ESO fixeron unha exposición de Postais de Nadal nos corredores do pavillón central, resultado do traballo feito en clase de plástica. Houbo moi bons debuxos. Unha delas será a tarxeta oficial do centro para felicitar as festas. O xoves 21 farase entrega dos premios aos tres primeiros traballos. Parabéns!

Ver reportaxe fotográfica aquí. 



1º ESO - Charla sobre novas tecnoloxías e as redes sociais

Plan DirectorDentro do  Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado martes, día 12 de decembro.
O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

Actividade de escritura creativa

Os alumnos de 1º de ESO fixeron unhas greguerías en Lingua Castelá relacionadas coas festividades do Nadal que ilustraron con debuxos feitos a man. Aquí tedes o resultado do seu traballo.

13.12.17

Entrevista a Antón Niñe

Entrevistan a Antón Niñe na Voz de Galicia de hoxe, profesor de Relixión do IES Perdouro . Ler o artigo aquí.


Charla sobre acoso escolar - 3º ESO

O martes 12 de decembro, o alumnado de 3º de ESO asistiu na biblioteca do centro a unha charla preventiva sobre Acoso escolar impartida polo Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo. Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivo explicar aos rapaces a importancia de contar sempre os casos de acoso, de non calar e de axudar sempre a víctima.

O ponente alertou da incidencia do acoso escolar reivindicado a prevención como a mellor maneira de facer frente a estes problemas. Falou do ciber-acoso, do sexting e fixo referencia a varios casos de actualidade reflectidos na prensa a diario.
Lemdrade o teléfono contra o acoso 900 018 018 totalmente gratis e anómino.

11.12.17

Árbores de Nadal - 4º ESO

Este ano foron os alumnos/as de 4º de ESO os encargados de facer a árbore de Nadal que reviste a entrada principal do centro. Idearon reciclar as madeiras dos palés para facer non unha árbore senon dúas!!! 
Mans á obra: xuntaron uns cantos palés que tiveron que desmontar. Para iso contaron coa axuda do alumnado de FP Básica. Unha vez desmontadas as táboas pediron ao departamento de Mecanizado unha barilla para facer de mastil para unha das árbores. Tamén contaron coa axuda do departamento de Electrónica para revisar e arranxar as guirnaldas eléctricas. 

Árbore 3 D: Esta árbore ten forma helicoídal e tivo que ser montada en dous tramos dentro e fora da aula. Os rapaces recortaron as táboas que fixeran falla para a súa confección, lixáronas, rotáronas e claváronas.  O traslado da árbore foi toda unha peripecia. Houbo que desprazala dun edificio a outro co risco que conlevaba o seu importante peso e pouco aguante da barilla. Ademáis pasala pola porta do edificio principal non foi tarefa fácil debido a súa altura. Houbo que inclinala bastante pero logrouse colocala no hall de entrada coronada dunha fermosa estrela de madeira feita por Cristián de 3º de ESO. Os alumnos de 1º de ESO engalanaron a árbore e fixeron os adornos de cor vermella, dourada e prateada.

Árbore 2D: Esta árbore ten 2 caras e quíxose adornar con palabras significativas do Nadal en varios idiomas (galego, castelán, francés, inglés, portugués, caboverdiano, quetxua e romanés). As letras foron pintadas de branco á man para resaltar sobre a madeira do palé e logo pegadas. A guirnalda eléctrica que ilumina a árbore foi feita con bolas de ping-pong. Houbo que facerlles a cada bola un burato para introducir o led da guirnalda. 

Un traballo colaborativo onde a participación foi moi creativa e dinamizadora. Un gran alento de motivación para todos o alumnado involucrado! Parabéns a María José Pardiñas por confiar na vosa profesionalidade rapaces!!


Accede o albúm de fotos aquí.

Pola xubilación de Antón Niñe

Sara Gil Cordido, exalumna e estudante de xornalismo, publica hoxe na La Voz de Galicia. Edición A Mariña unhas lembranzas ben fermosas do seu profesor Antón Niñe.


4.12.17

Novidades Especial Nadal

Pásate pola biblioteca para botar unha ollada ás novidades traídas para aproveitar estes tempos de Nadal con lecturas, cine e banda deseñada. 




2.12.17

Chegou o Nadal ...

Alumnos de 1º de ESO estiveron facendo manualidades navideñas para adornar a árbore de madeira que fixo o alumnado de 4º de ESO en Tecnoloxía. O resultado está exposto no hall de entrada do pavillón central. 
Accede o albúm de fotos aquí.

1.12.17

Día da Sida - mesa informativa no Perdouro

Co propósito de conmemorar o día mundial da loita contra a Sida, cabe concienciar ao alumnado da importancia que ten a prevención. Todo canto fagamos para conter a propagación do VIH será importante e por este motivo, repartimos entre o alumnado de bacharelato e Ciclos Formativos preservativos e folletos enviados pola Unidade de drogodependencia de Burela asi como da Xunta de Galicia.
Ademais no recreo instalamos unha mesa informativa no patio onde dous voluntarios de Cruz Vermella repartiron preservativos e folletos informativos entre o alumnado.

28.11.17

Viaxe a Asturias de 3º de ESO

O mércores oito de novembro os alumnos e alumnas de 3º da ESO realizamos unha viaxe a Asturias, actividade programada entre o Dpto. de Tecnoloxía e o de Física-Química co obxectivo de ver os mecanismos de control e os automatismos de seguridade dun proceso de fabricacióntamén chamado automatización industrial.


Primeiro fomos visitar a fábrica da Granda de "Central Lechera Asturiana", onde nos dividiron en dous grupos para ir explicándonos os procesos polos que pasa o leite ata chegar aos supermercados, é dicir dende a recepción do leite á fábrica ata o seu envasado. Ao comezo, déronnos uns traxes para conservar a hixiene e a continuación comezaron coa explicación. Despois tivemos que camiñar un pouco ata o edificio onde se leva a cabo o proceso de embalaxe do leite.

Despois de rematar esta visita fomos a un centro comercial de Oviedo para xantar e facer unhas compras se queriamos.
Xa pola tarde, dirixímonos ao Museo da Minería de Fontao. Primeiro fixemos unha visita por unha mina para poñernos no lugar dun mineiro e concienciarnos dos perigos que supón este traballo. E despois subímonos nun tren que facilita a mobilidade dentra da mina. Tras voltar desta visita estivemos contemplando os aparellos e obxectos que se atopan no Museo.
NOAH POSADA
3º ESO
Accede ao albúm de fotos aquí.

27.11.17

Exposición Biblioteca Día contra a violencia de xénero

Chegou o mes de novembro e con el a exposición de libros e cine temáticos sobre muller para conmemorar o día internacional contra a violencia de xénero. Ver aquí a exposición. 


24.11.17

Carta a mamá, Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach.

Mamá, teño medo. Son muller, mamá, e por iso teño medo. Sinto dor, tristeza, rabia e impotencia; porque son muller. Estou farta, mamá, farta de todo o que nos está a pasar, a min e a todas as nosas irmás. Estou farta de que nos fagan sentir inferiores, prescindibles e mesmo utilizables. Estou farta da sensación de noxo e sucidade que me percorre o corpo cada vez que saio á rúa e un, dous o un grupo de homes que se fan chamar persoas me comen cos ollos, me sexualizan e se cren co dereito a opinar sobre o meu corpo. Estou farta do medo a ir soa pola noite. Estou farta da necesidade que sinto de dicirlles a todas as miñas amigas, “avísame cando chegues”, por ser mulleres. Estou farta de que me asignen unha saia rosa e unha cociña e non un balón ou uns pantalóns azuis. Estou farta de que me digan: “ti, perruqueira; el, enxeñeiro”. Estou farta, así comeza todo.

Mamá, teño que contarche algo. Recordas ese rapaz que a miña amiga coñeceu con só dezaseis anos? Si, ese que non che gustaba e que me dixeches que non lle conviña. Seino, non che fixo caso, pero sabes? Di que todo vai ben. Di que a trata ben e que a quere, aínda que ás veces se enfade con ela; que son parvadas, cousas que ela fai mal, que é culpa súa. Cando me fala del queda embobada, di que lle gusta todo del, aínda que lle conteste mal cando a ve con outros homes. O outro día mesmo a empuxou. Ela di que só son celos, que significa que lle importa.

Mamá, estou preocupada. Onte chamoume chorando, dixo que lle pegara unha labazada por levar un vestido curto e que se fora da casa; despois mandoume unha mensaxe dicindo que todo estaba ben, que volvera arrepentido, ela perdoouno.

Agora di que todo está ben, que volveu ser o bo home do principio, que só foi un mal momento, que el tivo moitos problemas de neno. Non sei que pensar, fai semanas que non a vexo, el non lle deixa quedar comigo, di que é só para el.

Mamá, sabes que? Van ter un neno. Ela non estaba segura, ó principio non quería, pero el insistiu. Dixo que era o mellor para a parella. Isto non está ben, estou asustada, confesoume que ese día ela nin sequera quería manter relacións; obrigouna.

Mamá, a cousa empeorou, deulle unha paliza. Mamá… matouna.

Mamá, estou farta, farta disto. Farta de ver como me quedo sen irmás. Farta de que se abuse de nós en todos os sentidos. Farta de que non se nos escoite. Estamos loitando, estamos berrando, queremos ser libres, queremos vivir.

Farta, doída, mais sempre loitadora, de ter que ser eu, quen hoxe fala por ela e por todas as demais que, por ser mulleres, xa non teñen voz. 

Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach. 


25 N - Perdouro en Negro

Este ano, sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Leticia de Pedro Martínez, alumna de 2º de Bacharelato, abriu o acto conmemorativo do 25 N no IES Perdouro. O seu manifesto titúlase Carta a Mamá, e narra a historia dura, como a vida mesma, dunha irmá farta, moi farta. Mentres Leti lía o seu texto coa voz encollida, unhas gotas moi gordas de auga caeron do ceo como se foran lágrimas, mais non impediron a participación masiva da comunidade educativa. Para clausurar o acto, o conxunto do alumnado alí presente versionou ao unísono a canción do grupo Máis Boas Cás Patacas, "Son muller", canto de alento feminista.

Agradecemos o traballo do alumnado do Ciclo Medio de Instalacións en Telecomunicación por encargarse da megafonía do acto; o de Antonio, profe de debuxo, por encargarse do trazado do lazo lila no chan; o do alumnado de 1º de ESO e 1º Bach por facer a pancarta; o de Dolores, Neves, Miruca e Karina por ensaiar a canción nos días anteriores; o de María G.J., María José e Yaiza por sacar fotos do acto. Grazas, Leti!!!!! Grazas rapaces por sumarvos á causa, #BurelaEnNegro!

Grazas a todas/os pola participación, polo compromiso amosado no manifesto e pola ilusión coa que entoastes a canción. Grazas a todas e a todos por converternos e convertervos en cidadáns comprometidos coas causas xustas. (Miruca Parga)
 
Así se fixo: ver o álbum de fotos 

22.11.17

Charla taller de Scratch con Luis Hervella

O pasado xoves 9 de novembro os alumno de 2º de ESO tivemos unha charla sobre a importancia que vai ter no noso futuro laboral a programación, impartida polo mismísimo decano da Facultade de Informática da Coruña, Luis Hervella Nieto.

A linguaxe de ordenador é o novo inglés segundo o noso orador. Ademáis, afirma que é unha ferramenta a disposición de calquera e que non só se pode aplicar á informática, senón que tamén resulta útil para a resolución de problemas e desenvolvemento da creatividade.
Nestes días, adquirir coñecementos de programación está ao alcance de calquera, e máis cunha aplicación como SCRATCH, que nos foi presentada. Esta App está inspirada no funcionamento dos bloques de construcción de LEGO e permítenos traballar con programas previamente tratados que nos permiten fabricar todo o que podamos imaxinar.

ALBA GEADA, 2º ESO A

Perdouro en negro - Stop Violencia de Xénero.

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero no IES Perdouro. Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Será o venres 24 ás 11h. no recreo. Darase inicio do acto coa lectura do manifesto redactado pola nosa alumna de 2º de Bacharelato, Leticia de Pedro. A continuación un grupo de alumnos cantaran a canción "Son muller" do grupo de rapazas de Teo Máis Boas Cás Patacas, gañadoras da segunda edición do "Quero Cantar". Se te animas, podes unirte a cantar o retrouso do tema. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. A cor negra será a protagonista.

Vémonos o 24 ás 11h vestid@s de negro.

#BurelaEnNegro #PerdouroEnNegro #ContraAsViolencias

21.11.17

Fondos sobre igualdade recomendados polo CIM

 
Esta mañá, a Concelleira de Educación, Patricia Otero, xunto a psicóloga do CIM (Centro de Información da Muller), Cristina Cayón, entregaron un lote de libros para dotar as bibliotecas escolares do municipio de libros sobre igualdade. Unha moi boa selección que incorporamos de inmediato ao noso fondo de biblioteca.

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segundo conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

20.11.17

Roteiro xeolóxico por Burela

O alumnado de 2º de BAC e de 4º da ESO de Bioloxía participou esta mañá nunha xeoruta polo litoral burelés, desde A Marosa ata O Perdouro guiados polo xeológo Francisco Canosa e patrocinado polo Concello de Burela.  

Fran foi o responsable de guiar ao grupo por esta zona de grande valor xeolóxico, aportando todas as explicacións oportunas para que o alumnado comprendese cómo se formaron esas estruturas tan fermosas. Ademais repartíronse unhas unidades didácticas sobre a xeoloxía de Burela de grande axuda para favorecer a aprendizaxe.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

19.11.17

Obradoiro de robótica - Día a ciencia en galego

Recollemos na web do CEMIT a seguinte información:
Hoxe en día estímase que o 43% dos postos de traballo actuais desaparecerán e que todos os traballadores requirirán de competencias en novas tecnoloxías. É necesario polo tanto que os nosos mozos e mozas estean PREPARADOS!!!!. 

Con motivo do mes da ciencia en galego, o EDLG contou coa axuda do departamento de Electrónica do centro. O proxecto deste ano ía destinado ao alumnado de 3º de ESO e consistiría nun obradoiro de iniciación á robótica. A finalidade desta actividade que se desenvolveu nas aulas do dpto. de Electrónica é fomentar nos rapaces e rapazas o desenrolo de habilidades cognitivas, pensamento crítico, concentración, aprendizaxe continuo, creatividade e coñecementos sobre novas tecnoloxías. 
 
O pasado venres 17 de novembro ao longo de 2 horas os alummos/as familiarizáronse cos robots Lego NXT e logo empezaron a programar ordes dende as máis sinxelas (camiñar rector 15 cm e parar) ata máis complicadas con sensores de cor ou ultrason. 

En resumidas contas, pasáronno moi moi ben!  E moitos parabéns a Marga López, docente deste obradoiro pola dedicación e paciencia. Grazas.

Accede ao noso albúm de fotografías aquí.


18.11.17

Viaxe a Samos e ao Cebreiro - unha crónica de Alejandra e Cristian

O día 10 de outubro o alumnado de 3º ESO viaxamos cara ao interior da provincia de Lugo acompañados pola profesora de Relixión Begoña Abad e pola profesora de Lingua Miruca Parga. A nosa viaxe pasaba por varios concellos todos eles relacionados co Camiño de Santiago e Antón Niñe, o noso anterior profesor de Relixión, fíxonos de guía. 
A primeira parada foi no concello de Samos, unha pequena vila perto de Sarria pero con gran valor cultural no Camiño. Alí vimos a “Capela do Ciprés” e o gran Mosteiro de Samos, moi importante na vila e coñecido en moitos lugares de Galicia. Este mosteiro ten dous grandes patios (o seu claustro é o maior de España e coñécese como “o claustro do pai Feijoo” porque neste mosteiro tomou os hábitos beneditinos e está presidido por unha estatua súa), ducias de cuartos, unha grande igrexa e, ademais, reúne tres estilos arquitectónicos distintos (gótico, renacentista e barroco). 
Logo de xantar, partimos cara ao Cebreiro. Alí visitamos o albergue e, aínda que non puidemos entrar, explicáronnos moitos detalles sobre el. Tamén entramos na igrexa do Cebreiro, onde estaban misando en alemán. 
Despois disto fixemos un tramo de algo máis de dous quilómetros, aproximadamente, do Camiño Francés. E, de volta, paramos en Lugo para merendar e mercar algunhas cousas. 

ALEJANDRA ALONSO e CRISTIAN GÓMEZ 3º ESO

“Maquetas celulares”, traballos de 3º de ESO

O alumnado de 3º ESO tivo que realizar unha maqueta dunhas células na clase de Virginia. O material utilizado para realizalas tiña que ser a base de material reciclado. Xa veredes os inxeniosos resultados.
Logo da súa explicación e descripción en clase, as cinco mellores maquetas celulares expuxéronse na vitrina da entrada do instituto.
Para conmemorar o mes da ciencia en galego, fíxose unha exposición bibliográfica de ciencias naturais.


Ver as cinco maquetas gañadoras aquí.

16.11.17

MetalMadrid

Alumnos dos Ciclos Medios de Mecanizado e Instalacións en Telecomunicación están en Madrid na 10ª edición de MetalMadrid, feira centrada no sector industrial: Máquina ferramenta por arranque e deformación, mecanizado, robótica, metroloxía e control de calidade, automatización dos sistemas de produción, pezas, componentes e accesorios, soldadura e oxicorte, equipos eléctricos e electrónicos.

14.11.17

Visita do tecido empresarial de Lugo

Os departamentos de Tecnoloxía e Física programaron unhas visitas ao tecido empresarial da zona de Lugo para o seu alumnado de 4º de ESO co fin de coñecer de primeira man un completo proceso de produción e as diferentes medidas de control do proceso.

Primeiro visitaron Cafés Candelas, unha empresa familiar con máis de 40 anos de experiencia no sector do café. Contáronlles que foron os irmáns Ramón e Manuel Alonso Alonso os que fundaron o tostador que hoxe dirixen os fillos Enrique y Ramón. Faláronlles do crecemento progresivo e sustentable da empresa, evolucionando de pequena empresa familiar a compañía con implantación internacional na distribución alimentaria e hostaleira. É unha compañía líder como torradora e fornecedora de café no sector da hostalaría. Viron os mecanismos de torrefacción e envado automático por cintas transportadoras. Ao finalizar a visita, o grupo recibiu unha bolsa con agasallos e produtos da marca de café mais sen antes ver unha demostración de Latte art.

Xa pola tarde en Castro Riberas de Lea o alumnado xunto ás súas profesoras de Tecnoloxía e Física, coñeceron unha empresa innovadora e moi nova, Quescrem. Visitaron as instalacións da fábrica de queixo para coñecer a súa infraestructura industrial. Tras unha breve presentación da empresa, os escolares baixaron á planta para ver o desenrolo do proceso de fabricación. A continuación, realizaron un completo percorrido por toda a fábrica do almacén ata o laboratorio I+D. Para finalizar a visita, puideron probar produtos Quescrem, entre os que se atopaba o ChocoBó, dirixido precisamente ao público máis novo, Quescrem Algas e Quescrem Natural, entre outros. Entregáronlles tamén unha bolsa cunha tarrina.

13.11.17

Formación de usuarios na biblioteca

Alumnos de 1º de ESO aprenderon a desenvolverse na nosa biblioteca grazas a formación de usuarios que lles deron as súas titoras ao longo do mes de outubro.  Aproveitamos tamén para facerlles entrega do seu carné da biblioteca e formar parte da comunidade de BiblioPerdouro. 
Tiveron que resolver pistas para atopar o libro, ler citas, etc... Sen suma, que se divertiron.
Accede aquí a máis fotos.

12.11.17

Obradoiro de Robótica - Mes da ciencia en Galego


O alumnado de 3º de ESO será o que se inicie á robótica da man da docente, Marga López Periago. Será o venres 17 de 11h30 a 13h10. nun obradoiro práctico onde aprenderán a programar un robot. En grupos de 3, os alumnos participarán na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO, de maneira sinxela e divertida. Antes recibirán unha preparación previa para introducilos e familiarizalos cos robots e a linguaxe da robótica.

10.11.17

Facemos radio escolar co alumnado do CEIP Virxe do Carme

Recibimos esta semana nos estudios de Radio Burela dous grupos de 4º do CEIP Virxe do Carme. O martes 7 de novembro recibimos os de 4º B acompañados pola súa titora Pili e o venres 10 recibimos os de 4º A coa súa titora MariCarmen. 
Fixemos un programa especial emitido en directo polas ondas de Radio Burela nestes dous días. Os protagonistas presentaronse, falaron do que fan no seu tempo de lecer, recomendaron lecturas á audiencia e leron poemas. Falamos por teléfono con Jesus Arranz, director do CEIP Virxe do Carme, con Elba, membro da ANPA, con Sara Gil, estudante de xornalismo en Grecia e ex-alumna do colexio.

Damos as grazas a todas as nenas e nenos de 4º do Virxe do Carme polos seus agasallos. Gustounos moito esta maqueta de radiocasete e os CD.  Pasámolo moi moi ben con vós!!! Esperamos revivir esta experiencia sen tardar. Parabéns!

Karina e Bernardo.

PD. No blogue de aula de 4º "O Gatiño das Castros" podedes ver montaxe de fotos  e minivideos.

Neste albúm, atoparedes a nosa reportaxe gráfica.  


4.11.17

Novembro,o mes da ciencia en galego

Resultado de imaxes para día da ciencia en galego 2017Con motivo da celebración do VIII Día da Ciencia en Galego Igaciencia comparte na súa web materiais adicados a Darwin e a Domingo Fontán.

Grazas o traballo das Bibliotecas Escolares de Galicia, atopamos unha recompilación de recursos para traballar a ciencia en galego.

Peregrina Quintela Estévez, catedrática de matemática aplicada, foi a responsable do manifesto deste ano.

31.10.17

Catrinas, a maquillaxe para Samaín e triunfar nesta noite dos mortos

Para celebrar o Samaín as alumnas de 1º de CM Peiteado e Cosmética Capilar encarnaron á figura da Catrina

A orixe das Catrinas ven da cultura popular mexicana e son a representación caricaturesca de calaveras vestidas con roupas de gala, pertencentes à alta sociedade pensadas para retratar a miseria, os erros políticos, a hipocresía da sociedade, etc...

Mirade os consellos que nos dan as rapazas de Imaxe Persoal para lograr un perfecto look Catrina mexicana. Maquíllate cunha boa base branca (facultativo), uns ollos coloreados, un pequeno nariz marcado e uns debuxos como telas de araña, liñas curvas ou florais e unha cicatriz prolongada da boca. Logo hai que adornar o contorno dos ollos con cristais. E para terminar coloca unha coroa de flores de chamativas cores na cabeza. E listo para pasar unha noite dos mortos terrorífica!

Accede aquí ás demáis fotos no noso albúm. Moi bon traballo rapazas! Parabéns á profe, Ángeles!

30.10.17

Obradoiro sobre autocontrol emocional - Crónica de Irina e Andrés

Esta mañá, Javier Rocha, coach, impartiu un obradoiro destinado ao control das emocións e a mellora das relacións interpersoais destinado ao alumnado de 3º de ESO. 

Se queres coñecer o seu perfil pica na súa web. 

Accede ás fotos no noso albúm.

XESTIÓN EMOCIONAL

O luns 30 de outubro visitounos Javier Rocha. El é adestrador persoal (tamén coñecido como “coach”), pero Javier non é un adestrador persoal referido ao exercicio físico: adícase a ensinar á xente a ser feliz e durante toda a charla demostrounos que el era feliz.

Primeiro, para romper o xeo, falounos sobre os elefantes e os cabalos; explicounos que os elefantes eran usados na guerra e, actualmente, no circo, pero que un elefante non vai para o circo dar un espectáculo por gusto. Dende que son crías, a estes elefantes, ou aos cabalos, adéstranos atados a unha árbore e, por moito que tiren, non teñen forza e non poden escapar; téñenos así tres ou catro meses e, cando os elefantes son desatados, aínda que os aten a unha cadeira, eles van crer que non poden fuxir porque teñen unha atadura mental que fai que pensen que non poden (cando, para eles, mover esa cadeira é tan fácil como mover a pata). E igual que os elefantes ou cabalos, as persoas tamén se poñen barreiras e din que non poden cando si poden, pero lévano intentando tanto tempo e fracasando seguido que a súa única frase é “NON PODO”. O que deben de facer esas persoas é queimar esa idea e empezar de novo: dicir “eu podo con todo, son forte, son lista” e, a partir de aí, ti serás unha persoa nova.

Despois de falarnos sobre isto, pediu un voluntario e Irina ofreceuse. O exercicio que había que facer consistía en empurralo, pero á súa vez el tiña que enraizarse co chan; é dicir, tiña que pensar que era capaz de que Irina non o movera pensando que tiña os pés enterrados no chan. Ao empuxalo, aínda que se tivese moita forza, era dificil movelo xa que el cría de verdade que estaba atado ao chan e que Irina non podía movelo; ao final conseguiu movelo pero con esforzo. A outra parte do exercicio consisitía en que el tiña que estar relaxado, sabendo que Irina o ía empurrar, pero como se non lle importara: el cargaba con todos os seus problemas e convertíase nun hipnotizado (durmido), mentres que, se loitaba para que non o moveran, era un aprendiz (esperto).

Mandounos formar parellas e facer este exercicio coa nosa parella. Despois de intentalo varias veces, volveu chamar a Irina e ensinounos como facer para que o “problema” (ou sexa Irina, que se cargaba enriba del) deixara de ser unha carga. Isto consistía en que nos cargaramos encima dese problema e nos desenvolvésemos de forma que o problema quedase atrás; volvimos intentalo coas nosas parellas e finalmente mandou que nos sentaramos.

No resto da charla ensinounos a non queixarnos por todo e que, se o facemos, colleramos unha pulseira que tivésemos sempre na man e que, cada vez que nos queixaramos, a cambiaramos de man; desa forma, o día que non a tivésemos que cambiar de man seriamos felices. Entón, regalounos  unhas gomas para poder cambialas de man ao queixarnos.

Foron dúas horas de charla na que puidemos participar activamente e aprender a maneira de enfrontarnos  aos problemas e superalos.

IRINA GALDO e ANDRÉS PARDO
3º ESO

29.10.17

24 de outubro: Día das bibliotecas Escolares

Celebramos a xornada das bibliotecas escolares coas portas abertas de par en par para que as lectoras e lectores se acheguen e rexouban entre os libros e as novidades. 
Ademais recibimos doazón dunha compañeira ben querida. Grazas María. 



26.10.17

Crónica sobre a charla Di K Non

O martes 3 de outubro visitáronnos os membros da Unidade Terapéutica Educativa do cárcere de Teixeiro.
A xefa do grupo comezou presentándonos o seu traballo e despois deu paso a unha curta, pero moi emocionante, representación teatral. Nela, sen falar e só con movementos, vimos o moi feliz que podes ser e o rápido que se vai esa mesma felicidade cando te unes a un círculo pechado do que é moi difícil saír e do cal dependes. Os actores ían vestidos completamente de negro; un era o protagonista e catro aparecían tumbados no chan e tapados por completo cunha tea tamén negra. O protagonista aparecía coa faciana tapada cunha careta e na súa representación daba a entender o que podes perder e o mal e confuso que poder chegar a estar se entras no mundo do alcohol e das drogas.

Unha vez rematada a representación teatral, cada un  dos seis presos relatou, con total sinceridade e amabilidade (ata cun certo toque de humor), a súa propia historia neste círculo vicioso. Algunhas das experiencias que nos contaron poñían os pelos de punta. Todos eles coincidían no mesmo: comezaron probando a droga por diversión e saíron prexudicados. Aconselláronnos que non seguiramos os seus pasos e que pensaramos o que faciamos para non rematar no cárcere coma eles.

Finalmente, nós fixémoslles preguntas sobre o tema e eles respondéronnos, polo que resultou unha experiencia moi interesante e todo o que nos contaron foi moi importante. Agradécese que estas persoas dean charlas contando a súa experiencia xa que hai que ter moito valor para admitir os fallos e despois estar diante doutras persoas, contalo e tratar de que non se volva a repetir.

PAULA NEIRA e CARLA FRA - 4º ESO A

Recomendacións BiblioPerdouro: Especial Samaín

Se queres pasar medo, terror e espanto, pásate pola biblioteca e lévate un dos libros ou filmes da nosa selección. Buuuuu!!!


23.10.17

Chega a noite do paseo da Santa Compaña!

Prepárate a vivir a noite que representa a barreira entre o mundo dos vivos e dos mortos na biblioteca do Perdouro. Para celebrar Samaín imos preparar unha selección lúdica e fantasmagórica para acompañar estas datas previas a Todos os Santos e Difuntos.

21.10.17

Coloquio con ex-parlamentarios dos tres grupos políticos

O Dpto. de Xeografía e Historia programou o encontro anual entre 3 ex-parlamentarios e os alumnos de 3º e 4º de ESO. A actividade enmarcase dentros das actuacións promovidas polo Parlamento de Galicia e pola Asociación de Exparlamentarios/as. A charla-coloquio tivo lugar o venres 20 de outubro na biblioteca do IES Perdouro.

Neste acto participaron os exdeputados María Emma Álvarez Chao (PPdeG), Ismael Rego González (PSdeG-PSOE) e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo (BNG). Logo dunha breve presentación, os ex-parlamentarios mantiveron cos alumnos un coloquio moderado por Toño Blanco, Xefe de Dpto. de Xeografía e Historia.
Esta charla-coloquio ten como finalidade que os alumnos do centro educativo coñezan o Parlamento de Galicia. Con ese fin, os exparlamentarios relataron en qué consisten as funcións da Cámara autonómica, a súa composición e órganos, e contestaron as preguntas dos asistentes, algunhas delas comprometidas e de actualidade como os incendios en Galacia ou a declaración unilateral de independencia de Cataluña e de difícil resposta.  Previamente o encontro, os alumnos visionaron unha proxección audiovisual, que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.

Accede ás fotos do noso albúm aquí.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...