Mostrar mensagens com a etiqueta Ruta literaria. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Ruta literaria. Mostrar todas as mensagens

26.10.16

Viaxe a Ourense

O martes 25 de outubro un grupo de alumnos de 1º Bac e 2º do CM de Imaxe Persoal visitaron a cidade de Ourense.

Ás 8:00 saímos do IES Perdouro e antes de chegar a Ourense, fixemos unha paradiña nos Peares, onde Antón, o profesor de Relixión, nos explicou que alí se xuntaban os ríos Miño e Sil. Tamén vimos, un pouco máis adiante, a central hidroeléctrica coa súa enorme presa.

Unha vez que chegamos a Ourense, o grupo dividiuse. Os alumnos e profesores de Imaxe Persoal tiñan preparado un intercambio no IES 12 de outubro para visitar as súas instalacións de Estética.

Ao grupo de Bacharelato, esperábaos o guía nas Burgas. Alí comprobaron que a auga subterránea afloraba a 67ºC e que moita xente se achegaba a recollela en recipientes polas súas propiedades curativas.

A continuación, realizamos un roteiro literario, no que o guía, José Ramón, nos deu a coñecer a vida e a obra dalgún dos numerosos literatos ourensáns: Valentín Lamas Carvajal, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda… entre outros.

Ás 14:00 comemos no centro comercial Ponte Vella e pola tarde o alumnado e profesorado de Bacharelato realizou o intercambio co IES 12 de outubro.

Vimos como os rapaces do ciclo medio de Estética realizaban maquillaxes de Samaín, facían micropigmentación (algo semellante ás tatuaxes) ou usaban o circuíto termal que teñen instalado nunha das aulas.

Mentres tanto, o grupo de Imaxe Persoal visitou as instalacións termais da Chavasqueira.

Despois de que nos despedimos deles e do seu profesor Luis Ramilo, que xa traballou tamén no IES Perdouro, voltamos para a casa.

Miruca Parga Valiña

14.3.15

Roteiro Literario Leiras Pulpeiro por Noelia Parga Gaitica

Noelia Parga Gaitica 

O día 6 de marzo de 2015, os alumnos e alumnas de 3º de ESO participamos no acto de inauguración do Roteiro Literario Leiras Pulpeiro. Ás oito e media collemos o autobús en dirección a Mondoñedo. Media hora despois, antes de chegarmos ao centro da cidade, a nosa Vicedirectora Karina Parga baixou do autobús e entrou  nunha florería para comprar dúas rosas, unha branca e outra vermella.

Uns minutos máis tarde, chegamos á Alameda dos Remedios e nela recibíronnos os Sres. Xosé Ruíz Leivas, Xesús Chao Falcón e Xulio Rodríguez Leiras, que nos comezaron a dar explicacións sobre o lugar en que estábamos.

Mentres fixemos o percorrido para chegar ao Instituto San Rosendo, tivemos tempo para sacar varias “fotos interculturais”.  No centro de ensino xa nos esperaban tanto os anfitrións como os integrantes dunha expedición do IES Monte Castelo de Burela e diversas autoridades, entre as que estaban o alcalde de Mondoñedo (Orlando González) e o Cronista Oficial (Antonio Reigosa).

Entre Xosé Luís Ansedes (da Asociación Abrindo Camiño) e Antonio Reigosa contáronnos moitas das historias que viviron durante anos en Mondoñedo, tamén nos dixeron que Manuel Leiras Pulpeiro estudou Latín e Humanidades na súa cidade natal e Medicina en Madrid; que exerceu como médico en Mondoñedo, con grande recoñecemento popular; e que uns anos despois da súa morte as súas amizades recompilaron composicións inéditas e publicaron as súas Obras Completas.

Finalizadas as explicacións, proxectáronnos un vídeo dedicado a Leiras no que se contaba cal fora a súa casa nativa, onde exercera a Medicina, etc. Despois asistirmos á proxección, fomos baixando para vermos por nós mesmos o camiño por onde Leiras transitaba habitualmente e as cámaras da Fundación TIC acompañábannos para poderen gravar o desenvolvemento dos actos.

Ademais de vermos a casa natal de Leiras tamén visitamos outros lugares relacionados con ilustres mindonienses como Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela ou Pascual Veiga.

Durante a camiñata, alumnos e alumnas de cada centro foron recitando poemas. Os nosos compañeiros Carolina Arcila, Silvera Oliveira e Lavilson Rodrigues recitaron ao lado da estatua de Álvaro Cunqueiro e alí mesmo moita da xente que asistía ao acto sacoulles novas fotos interculturais.

Despois do medio día, seguimos o camiño para chegar ao Casino, onde nos acolleron con cariño e nos convidaron a pasteis e refrescos. Alí vimos libros de máis de cen anos, todos expostos encima dunhas mesas.

No cemiterio civil, un grupo de alumnos e alumnas do IES Monte Castelo recitaron o poema “Roseira de rosas roxas” e tivemos o privilexio de escoitar o discurso didáctico de Antonio Reigosa, un discurso cualificado polo noso profesor como “As memorias dun raposo” (algo que nós non entendemos e que outra xente si, porque lles fixo moita graza).

Mentres íamos andando, o Sr. Xulio contounos a Carolina e a min unha historia de amor. Estaba protagonizada por unha señora que morreu de parto. O seu marido escribiulle un precioso poema.
Xusto detrás do cemiterio, vimos tamén como Daniel Caxigueiro e Ester Loureiro plantaban dúas árbores coa axuda de alumnado e profesorado do ciclo superior de Xardiñaría. Minutos máis tarde, subimos ao autobús para irmos coñecer a Fervenza, onde nos comentaron que alí se implantou unha das primeiras centrais eléctricas de Galiza.

Un pouco cansos polo camiño e polo sol que facía, fomos ver a fonte de augas sulfurosas, onde moitos dos nosos compañeiros aproveitaron para beber. De alí dirixímonos ao último lugar histórico que íamos visitar nese día, a Pena do Unto, onde os celtas facían sacrificios.

Nese lugar, Oscar –un alumno do ciclo de Xardiñaría- confirmou todas as palabras que antes nos dixera Antonio Reigosa. Como resultado desa conversa que nós presenciamos, fíxose unha foto que reúne as tres xeracións  que participamos no evento ( a de Xulio Rodríguez, a de Antonio Reigosa e a de Oscar, o noso compañeiro do IES San Rosendo).

14.5.13

1º Bach. - Ruta poética pola Terra Chá

Para coñecer de preto a realidade literaria máis próxima á nosa comarca, o alumnado de 1º de Bacharelato visitou as localidades de Castro de Rei e Muimenta. Na primeira parada realizaron a pé un tramo da ruta a escrita do Azúmara. Ao bordo do camiño foron atopando poemas de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, etc.
Arredor da antiga escola de Muimenta , tiveron que procurar distintas inscricións con composicións doutros autores chairegos como Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé A. Crecente Vega, etc.
Para rematar a xornada, puideron descubrir xogos populares do século pasado.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...