Mostrar mensagens com a etiqueta plástica. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta plástica. Mostrar todas as mensagens

30.6.23

O invernadoiro do IES Perdouro

Durante os dous últimos trimestres do curso 2022-23 construímos un invernadorio no IES Perdouro. Empregamos a biblioteca do centro como nexo de unión, coa participación da materia de Tecnoloxía co alumnado de 4º da ESO e as materias de Lingua Galega e Literatura (4º ESO), Inglés (4º ESO), 2ª Lingua estranxeira: Francés (3º ESO), Bioloxía e Xeoloxía (4º ESO – FPBásica), Matemáticas (2º e 4º ESO), TIC (4º ESO), EPeV (1º ESO), 1º CM de Mecanizado, CM de Peiteado e Cosmética Capilar, o departamento de orientación e o EDLG. Participaron tamén as familias do alumnado, sobre todo avós e avoas, que aportaron coñecemento e compartiron información de xeito interxeracional, engadindo unha importante dose de educación emocional. 

A finalidade do proxecto foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. 

Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. 

Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? – Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?

Podes acceder a máis fotos do invernadoiro AQUÍ

15.11.21

Mes da ciencia en Galego : Obradoiro "Luz, cor e ciencia"

 Os pasados xoves e venres 18 e 19 de novembro, o alumnado de 3º ESO do IES Perdouro participamos nun obradoiro chamado “Luz, Cor e Ciencia”, para celebrar o mes da Ciencia en galego no noso centro. Esta actividade estaba organizada polos departamentos de Instalación de Telecomunicacións e o Departamento de Educación Plástica e Visual. Foron as profesoras Marga López Periago e Ruth Adrio Monterroso as que nos impartiron este luminoso e colorido obradoiro. 

Comezamos repasando os conceptos básicos sobre as cores pigmento (maxenta, cian e amarelo) e as cores luz (vermello, verde e azul), a dispersión da luz branca cun prisma de cristal feito por Isaac Newton, a percepción das cores e as súas mesturas. E para continuar fixemos unha serie de experiencias prácticas: 

• Experiencia 1: Observación dos píxeles (RGB) da pantalla do ordenador cun microscopio e a cuatricromía (CMYK) nun libro e nun xornal. 

• Experiencia 2: Creación de diferentes cores, cunha tira de neopíxeles de 144 leds (1 metro) controlada por un programa chamado Arduino. Os valores RGB van de 0 a 255 variando estes números obtemos unha cor diferente. 

• Experiencia 3: Dispersión da luz branca cun CD. 

• Experiencia 4: Descubrimos a cor das sombras. Cando proxectamos unha sombra cun foco de cor vermella e verde ou azul por separado a súa cor é negra e se proxectamos os tres focos ao mesmo tempo as sombras son das cores das luces e a súa mestura dá o negro. Tamén estivemos analizando a cor dunha bolsa vermella. Baixo un foco azul non podiamos ver a súa cor real pola ausencia da cor vermella na luz proxectada. 

• Experiencia 5: Con luces led das cores RGB e diferentes formas de cartolinas estivemos xogando coas mesturas das cores e as sombras en grupos de tres. 

• Última experiencia: Cunha tira de neopíxeles introducida nun bote con pelotas de pimpón que axudaban a amplificar a cor e controlada por unha app dun móbil puidemos manipular o tempo, o parpadeo e as cores producindo diferentes efectos. Este foi un obradoiro do máis entretido e aos que nos gustan os videoxogos e os ordenadores puidemos comprender un montón de conceptos. Como broche final sacamos unhas fotos do grupo de clase moi divertidas para o recordo. 

Se queredes ver máis imaxes, podedes acceder ao álbum AQUÍ


Iago Ramos García – 3º ESO A   

9.3.19

Caretas de Entroido

Na materia de Plástica, o alumnado de 1º de ESO fabricou unhas caretas coa técnica do globo, papel de xornal, cola e moita paciencia. Logo abriron bocas e ollos, e pintáronas. Os traballos estiveron expostos no vestíbulo ao longo da semana de Entroido.


O proceso de elaboración das caretas de entroido durou catro a cinco sesións na aula de Educación Plástica.
Primeiro, pegamos anacos de papel de xornal nun globo cheo de aire, coa axuda dunha mistura de cola e auga.
Despois, continuamos co procedemento ata ter entre cinco e oito capas. Deixamos secar durante un día a base de papel. Cando se vexa unha base dura e consistente pinchamos o globo e retirámolo.
A continuación, pintamos e deixamos secar.
Por último, decoramos con todo tipo de materiais: lá, plumas, cordas, purpurina, pegatinas, ...
Xa podemos desfrutar da nosa careta de entroido.

Laura González Freire, Nerea Francos, Paula López Martínez, Paula López Calvo - 1º ESO B

7.3.19

Carteis Día da Muller por 3º ESO

O alumnado de 3º de ESO contribuíu a ambientar os corredores do IES Perdouro cos seus carteis e lemas para conmemorar o Día Internacional da Muller. Aquí está o resultado.

27.5.15

O Porto que visitamos - 3º ESO

O pasado 22 e 23 de Maio un grupo formado por alumnos de 3º ESO e acompañados polos profesores Toño Blanco, Fina Rodríguez Chao e Jose Díaz, viaxamos á cidade do Porto.

Foi necesaria unha boa madruga para chegar á Fundación Serralves ás 11:30 da mañá do venres, e comezar unha intensa pero proveitosa rolda de visitas.

A Fundación Serralves esténdese nunha gran finca de 18 Has. Nela visitamos dous edificios e os seus amplos espazos axardinados. Os edificios eran a antiga casa e o museo, obra do arquitecto Álvaro Siza Vieira. A casa trátase da vivenda orixinal do primeiro propietario, Conde de Vizela, construída arredor de 1930, unha obra modernista dun arquitecto francés do momento, Charles Siclis, que foi declarada Monumento Nacional. Nos espazos interiores baleiros, elegantes e sobrios, un grupo de bailaríns danzaban e formaban unha exposición de naturezas vivas.

Por outra banda, nas salas temporais do museo expúñanse obras e instalacións da escultora polaca Monika Sosnowska.

Xunto con outros grupos de mozos, xantamos nos espazos exteriores, rodeados dunha natureza coidada e esculturas vangardistas.

Pola tarde, divididos en dous grupos e sempre acompañados de dous guías locais (Tiago e Rita Rocha), puidemos entender e apreciar este espazo xeográfico xunto á foz do Río Douro.

Porto é unha cidade moderna que conserva e valora a cultura tradicional.

É cosmopolita, apreciamos a pegada que deixaron os ingleses no inicio do comercio da explotación dos seus viños. A cultura francesa é apreciable no trazado de avenidas e xardíns (Os Jardims e Parterres no Parque Serralves son un bo exemplo). E mesmo Rem Koolhaas irmandou as culturas portuguesa e holandesa na magnífica obra da Casa da Música.

O barroco de moitas das fachadas, toma aspectos coloristas cos azulexos que as decoran.

Chegamos a entrar na Librería Lello & Irmao, onde nos contaron que a súa escaleira Art Decó inspirou a JK. Rowling na descrición das escaleiras de Hogwarts da novela de Harry Potter.

Cruzamos camiñando a Ponte de Luis I, unha das seis que atravesan o Douro, para poder mirar desde o lado de Gaia a ribeira da Foz.

Pasámola noite na Pousada da Juventude de Espinho, sen perder moito tempo no durmir. É broma: os responsables agradeceron e felicitaron a nosa estancia.

Pola mañá acercámonos a Matosinhos. Alí nos esperaba ondeando polo vento a Anémona Xigante da artista americana Janet Echelman, unha escultura de redes sostida por aneles tubulares suspendidos a mais de 50 metros,  coa que se fixo homenaxe ao mundo da pesca.

E cara o medio día “aterramos” a carón do meteorito da Casa da Música, e que así o recoñecen en Porto: un meteorito poliédrico que caeu no medio do barrio Boavista. Trátase dun edificio singular que non vos deixará indiferentes cando o visitedes. Non é solo un gran auditorio, senón un universo de espazos dedicados a todo tipo de músicas. No seu interior, as paredes e solos inclínanse desafiando a gravidade, ata non poder distinguir uns de outros.

Xa de volta, pola tarde, reparamos forzas e relaxámonos coas augas termais nas pozas de Outariz en Ourense.

Dámoslles as grazas a José Luis e Carmen, os nosos motoristas na viaxe.

15.5.15

Proxecto Terra - 3º ESO

O Plan Proxecta é unha iniciativa de innovación educativa da Consellería a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que busca a integración na planificación anual dos centros de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo.

Dentro do programa Terra do Plan Proxecta o instituto ten concedido o intercambio territorial a Porto.
 

Este Proxecto interdisciplinar foi integrado na programación xeral anual e nas programacións de dous departamentos: Por unha banda a da Ed. Plástica e Visual, por outra a da Xeografía e das Ciencias Sociais. As actividades propostas, por tanto están enfocadas a complementar o currículo de ámbalas dúas materias no curso de 3º ESO.

Integrado no apartado "O lugar onde vivimos" do proxectoterra, para o curso 2014-2015 propúxose a actuación "O lugar onde vivimos: Os nosos barrios e as nosas parroquias", coa que se pretende un achegamento pormenorizado aos espazos de convivencia no contorno próximo nos que habita o noso alumnado, fomentando a súa análise e visión crítica e propositiva.
Considerouse os seguinte ámbito de reflexión:

O alumnado do IES Perdouro procede na súa práctica totalidade do nucleo urbán de Burela. Sen embargo, unha parte significativa do mesmo, ten tamén vínculos co medio rural dado que procede de familias que manteñen unha segunda residencia no entorno rural da vila. Por tanto, resulta interesante que o alumno/a reflexione sobre o seu lugar de residencia; servíndose, de ser o caso, da comparación co medio rural ao que estiveron vinculados os seus pais e avós.

Por outra banda nas vindeiras datas 22-23 de Maio participaremos na viaxe a Porto como actividade do Proxecto.

Aquí vos mostramos unhas imaxes de maqueta e propostas plásticas que nos acercaron a un dos edificios que imos visitar en Porto: a Casa da Música, do arquitecto holandés Rem Koolhaas.


14.11.14

1º ESO - A MIRADA MÁXICA DO QUE ACONTECE NA PANTALLA.

José Díaz Moscoso, profesor de plástica

Durante os pasados días 5 e 6 de Novembro os grupos do primeiro curso da ESO participaron nun obradoiro lúdico e creativo sobre a imaxe en movemento: “ANIMÁNDOTE”.
Tivo lugar na aula de Plástica en sesións de 3 horas polas mañás, e impartidos pola artista audiovisual Belén Montero, do equipo DSK.

A actividade estaba programada dentro dos talleres e proxectos de Desenvolvemento Creativo do MAC (Museo da Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa)

Os tres obxectivos principais do mesmo foron:
- Achegarnos  á animación: coñecementos básicos acerca dos procesos da mesma.
- Tomar conciencia das tecnoloxías e elementos creativos ao noso alcance.
- Recoñecer a importancia da mirada creadora do autor e do equipo.

Na presentación inicial puidemos coñecer ideas xerais do audiovisual e da animación en particular. Aclaramos conceptos como: pixelación, pixilación, videoinstalacións, videoclips, curtametraxes...
Para esta parte, Belén axudouse de imaxes das súas obras coma un “Tetris físico“ xigante no Centro Pompidou , os seus traballos profesionais con actores e cantantes como Alaska. E mesmo descubrimos o antigo destas técnicas a través de obras como “O hotel eléctrico” ( dirixida por Segundo de Chomón en 1908 ).

Resultou curiosa a analoxía que fixo entre o concepto dixital do píxel e a linguaxe do punto de cruz das nosas avoas, identificando cada puntada coa cuadratura do píxel.
Ademais quedounos claro a importancia do tempo para a elaboración de ideas e a execución destes traballos.

Unha vez exposta a parte formativa iniciamos unha práctica de gravación para o noso exercicio de pixilación, axudándonos da técnica do stop-motion.

Participaron como actores, e experimentaron inspirándose no xogo “Plants vs Zombies”. Actuaron todos os alumnos en papeis como: plantas lanzachícharos, zombies bailaríns, cogomelos, xirasois...e como non, un equipo de efectos especiais.

Estamos a esperar pola montaxe e post-produción de Belén.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...