Mostrar mensagens com a etiqueta matemáticas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta matemáticas. Mostrar todas as mensagens

30.6.23

O invernadoiro do IES Perdouro

Durante os dous últimos trimestres do curso 2022-23 construímos un invernadorio no IES Perdouro. Empregamos a biblioteca do centro como nexo de unión, coa participación da materia de Tecnoloxía co alumnado de 4º da ESO e as materias de Lingua Galega e Literatura (4º ESO), Inglés (4º ESO), 2ª Lingua estranxeira: Francés (3º ESO), Bioloxía e Xeoloxía (4º ESO – FPBásica), Matemáticas (2º e 4º ESO), TIC (4º ESO), EPeV (1º ESO), 1º CM de Mecanizado, CM de Peiteado e Cosmética Capilar, o departamento de orientación e o EDLG. Participaron tamén as familias do alumnado, sobre todo avós e avoas, que aportaron coñecemento e compartiron información de xeito interxeracional, engadindo unha importante dose de educación emocional. 

A finalidade do proxecto foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. 

Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. 

Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? – Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?

Podes acceder a máis fotos do invernadoiro AQUÍ

24.6.23

IIª Feira Tecnocienciarte: un percorrido polos vosos traballos


O luns 19 e o martes 20 de xuño celebrouse a IIª feira Tecnocienciarte, onde tivo cabida a tecnoloxía, a ciencia, as artes e, por suposto, as linguas. 

O percorrido constaba de 17 postos nos que o alumnado mostraba os resultados do seu traballo durante o curso:  

  1. Bingo da francofonía: 1º Bacharelato
  2. Unha viaxe por Francia: 3º ESO
  3. Ciclo Medio de Instalación de telecomunicacións: froitas musicais, carreiras de leds, instalación eléctrica dunha vivenda etc.
  4. Ciclo Medio de Peiteados e Cosmética Capilar: peiteados pin-up, coloración capilar, creacións de uñas pin-up e peiteados masculinos dos anos 50.
  5. Barco solar e coche solar de Tecnoloxía e Enxeñería de 1º de Bacharelato e App's xeniais con App Inventor de Educación Dixital de 3º ESO.
  6. Rampa de bólas, xogo de operación, estruturas de papel e videoxogos de Scratch de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  7. "Océano", escultura en suspensión de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  8. Competición de cubos de Rubik
  9. Proxectos de Tecnoloxía de 2º ESO: estruturas con variñas de papel, ábacos etc. 
  10. Trituradora de tapóns e extrusadora de plástico do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. 
  11. Maquetas sobre a Prehistoria de 1º ESO
  12. Audioguía multilingüe de Lisboa de Lingua castelá e Xeografía e Historia de 4º ESO B2
  13. Esculturas na contorna de Ed. Plástica de 4º ESO e instrumentos musicais elaborados con plásticos de Música de 3º ESO.
  14. Cristalización do bismuto de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato.
  15. Mesas de cultivo, composteiros e aproveitamento das augas pluviais de Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe. 
  16. Invernadoiro construído cunha estrutura geodésica e obradoiro de fractais de Tecnoloxía e Matemáticas de 4º ESO. 
  17. Recital en hologramas de Tecnoloxías da Información e a Comunciación e Literatura galega do século XX e XXI de 2º de Bacharelato.
A feira estivo moi concorrida xa que foi visitada por todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro, polo alumando de 6º de Ed. Primaria do CEIP Virxe do Carme e polas familias. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

19.6.23

IIª edición de Tecnocienciarte

O luns 19 e o martes 20 de xuño celebramos a segunda edición de Tecnocienciarte, a feira de tecnoloxía, ciencia e artes, na que están incluídas por suposto as linguas, como vehículo de comunicación e como materia prima das artes. 

Durante estes dous días o alumnado do IES Perdouro, as familias e o alumnado do CEIP  Virxe do Carme poden visitar 17 postos nos que se mostrarán traballos, proxectos, experimentos... de Lingua francesa, Electrónica, Tecnoloxía, Mecatrónica, Xeografía e Historia, Lingua castelá, Plástica, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Lingua galega etc. 

Fixádevos ben para saber cando vos toca visitala e tamén cando vos tedes que dirixir á biblioteca para asistir ao recital. 





3.6.21

Resolvendo problemas en matemáticas - 1º ESO

Sesión de resolución de problemas: estimulación do pensamento lóxico-matemático

Todas as semanas, os venres, os alumnos e alumnas de 1º de ESO facemos unha sesión de resolución de problemas na clase de matemáticas.
Nestas sesións intentamos resolver distintos tipos de problemas. Estes son diferentes dos que adoitamos facer na clase, pois conseguir a resposta correcta non sempre depende de saber resolver operacións, senón de que a maioría destes problemas necesitan dun razoamento lóxico previo para a súa resolución.
Para estas sesións estamos agrupados de dous en dous. As parellas son elixidas ao azar e isto, a pesar de que non sempre nos toque a compañía desexada, fai que nos adaptemos a traballar con compañeiros diferentes, e non sempre cos mesmos.
Aprender a traballar en equipo é moi importante e é algo que conseguimos colaborando nestas sesións. Ademais, outro beneficio da aprendizaxe en equipo é que moitas veces descobres como ven e entenden as cousas outras persoas e as solucións que atopan para os problemas propostos.
En conclusión, nestas sesións estamos aprendendo moito: conceptos de xeometría, simetría, visión espacial e ata nocións aínda máis abstractas.
Ademais, estas horas de clase axudáronme a ver as matemáticas dun xeito distinto e creo que eu non fun a única que descubriu esta nova perspectiva.

Accede a algunhas fotografías aquí.

Ana Lestao Ben - 1º ESO A

12.12.20

V Torneo de xadrez

Vai refrescando as normas!!
 

O Departamento de Educación Física propón un campionato de xadrez para despois do Nadal. 
 
 
Se estás interesadx (alumnxs e profes) en participar, contacta cos profes de Educación Física, Iván ou Jose…
 
Tes ata o 22 de decembro para inscribirte.
 
Para ir ensaiando contra o ordenador:  
 
 


1.2.19

As matemáticas do século XXI

O martes 15 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 4º da ESO e de 1º de BACH recibiron unha charla impartida polo profesor universitario Enrique Macías Virgós. O obxectivo desta era mentalizar os rapaces da gran importancia e saída profesional que teñen as matemáticas neste século XXI.
As matemáticas son unha das materias máis difíciles para o alumnado e quizais unha das que máis se suspende. En realidade, como nos quixo dar a entender Enrique, as matemáticas están presentes en case todos os lugares. Hoxe en día, ter grandes coñecementos desta materia e tamén obter un título equivale a ter traballo, xa que os titulados en Matemáticas non engrosan as listas do paro.
Na charla, o profesor quixo mostrar que, ata o máis aburrido das matemáticas, como poden ser os números primos, triángulos, péndulos ou as curvas, son imprescindibles para a existencia do ser humano.
Por exemplo, comentounos que para encriptar unha mensaxe o que se fai é multiplicar dous números primos enormes para que así ninguén sexa capaz de descifrala. Esta técnica é empregada polos bancos e ningún ordenador é capaz de desencriptar estes números enormes; excepto o computador cuántico que si pode, pero existe un pequeno problema: custa 10 millóns de euros e só o posúen Google e a Nasa.
Con respecto aos triángulos, parece que non serven para nada pero son/foron imprescindibles para a nosa vida. Antigamente para deseñar mapas empregábase o teorema do seno, xa que sabendo os ángulos que facía a costa podíase saber a distancia entre os puntos. Actualmente, a posición GPS tamén se basea neste teorema, e grazas aos triángulos. Aquí, a diferenza é que temos satélites que dan a nosa posición en calquera momento cunha cun fallo duns 10 metros; porén, a posición GPS do exército ten unha precisión duns 10 cm.
Por último, a charla finalizou falando das curvas. As curvas poden parecernos moi aburridas pero empréganse en moitos lugares. Un exemplo poden ser as famosísimas curvas catenarias de Gaudí: grazas a elas podemos observar estruturas impresionantes; isto é porque todas están perfectamente equilibradas polo seu propio peso.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

LUIS PERNAS - 4º ESO

8.5.18

Arranca o IVº torneo de xadrez do IES Perdouro

Para todos/as aqueles/as que queirades medir as vosas destrezas e habililades mentais, faise saber que comeza o IVº Torneo de Xadrez do IES Perdouro. 

Tedes ata o 11 de maio para inscribirvos. 

7.4.18

IMATXINA, outro xeito de aprender matemáticas

O pasado mércores 21 de marzo os alumnos de 1º ESO viaxaron a Coruña para participar nos obradoiros de matemáticas manipulativas IMATXINA, que tivo lugar no IESIDE (Fundación Abanca). Previamente visitaron a Casa das Ciencias, de 10:30 a 11:30h.
Na súa XIV Edición, IMATXINA é un encontro didáctico organizado pola Fundación Escola Rosalía e Afundación, a Obra Social de Abanca, onde se difunde un modelo para aprender as matemáticas dunha maneria lúdica, manipulativa e participativa.
Os obxectivos principais de IMATXINA son os de fomentar a imaxinación e a creatividade, a curiosidade e o espírito crítico a través de prácticas divertidas, dinámicas e atractivas.
O alumnado aprendeu a traballar en equipo, a valorar e a respectar as opinións propias e alleas.
Accede á reportaxe fotográfica aquí. 


18.5.17

Daniel Piqueras Valle, 3º premio Olimpíada Matemática Galega

O noso alumno Daniel Piqueras Valle de 2º de ESO acadou o 3º premio da Olimpíada Matemática Galega convocada pola Asociación Galega do profesorado de Educación Matemática.
A fase final da Olimpíada Galega tivo lugar esta mañá no Círculo das Artes de Lugo. Os 40 finalistas tiveron que facer valer as súas maiores destrezas na resolución de problemas.


Ao estar entre os tres primeiros, Daniel clasifícase para a Olimpíada Matemática Española que se xogará en Valladolid a finais de xuño.

O 1º premio foi para Brais Rodríguez Rodríguez do IES Río Cabe de Monforte, e o 2º premio, para Lara López Suárez do IES Xulián Magariños de Negreira.


13.5.17

Finalistas do IIIº Torneo de Xadrez do IES Perdouro

Xa temos os tres finalistas que loitarán na fase final do Torneo de Xadrez. Eles son :Paula, Luís Carlos e Éfren. Sorte!!! 
En breve confirmaremos as datas de celebración da fase final do torneo.
Tamén queremos felicitar aos 42 participantes desta terceira edición asi como aos axudantes que supervisaron en todo momento que todo se desenvolvera con total normalidade e deportividade. Grazas!!!

12.5.17

Daniel Piqueras na Fase Final da Olimpíada Matemática 2017

Por terceiro ano consecutivo un alumno do IES Perdouro na final da Olimpíada Matemática. 

O noso alumno Daniel Piqueras Valle de 2º de ESO está entre os 4 mellores de Lugo e os 40 finalistas clasificados/as para a fase final galega da Olimpíada Matemática que se celebrará en Lugo o xoves 18 de maio. Parabéns Daniel!!

24.3.17

Arrancou o Torneo de Xadrez do IES Perdouro

O torneo de Xadrez 2017 promovido por Manuel Vilariño, profesor de matemáticas, acaba de arrancar esta semana. Este curso Manuel conta coa axuda do seu alumnado de 2º de ESO da optativa de libre configuración para axudarlle no bo desenvolvemento do campionato. Co obxetivo de estimular o pensamento matématico e desenvolver estratexias mentais, competirán nesta edición un total de 42 alumnos/as repartidos dende 1º de ESO ata 1º de Bacharelato. Todo un récord de participación!! Esperamos que desfruten dun torneo cheo de tensión e moita deportividade.

Accede ás fotografías no noso álbum.

26.2.17

Arranca o IIIº torneo de xadrez do IES Perdouro

Para todos/as aqueles/as que queirades medir as vosas destrezas e habililades mentais, faise saber que comeza o IIIº Torneo de Xadrez do IES Perdouro. 

Tedes ata o 8 de marzo para inscribirvos. 

As normas do xogo son as de sempre salvo que esta vez seguirase o sistema suizo de competición (5 roldas) e darase a coñecer entre os inscritos o calendario da competición.

O luns 20 de marzo comezará o torneo. Boa sorte e gozade co xadrez!!!!

24.11.16

Celebramos o día da ciencia en galego.

O luns 21 de novembro visitou a nosa biblioteca Roberto Manín Gutiérrez, profesor de Matemáticas no IES Galileo Galilei de Navia, con motivo da celebración do mes da Ciencia en galego. O docente aportou coñecementos sobre as Matemáticas a todo o alumnado de 1º ESO. 

Comezou por explicar cal é o significado da palabra número e por presentar a historia dos números desde que o ser humano comezou a utilizalos ata a actualidade. Expuxo a importancia dos distintos pobos que foron achegando avances matemáticos como os sumerios, os exipcios, os romanos, os árabes etc. 
Logo, comezou a expoñer distintas curiosidades matemáticas como a forma de adiviñar un número empregando unhas táboas con potencias de 2, cantas veces habería que dobrar un papel para que a súa lonxitude fose maior cá da Torre Eiffel. Outra curiosidade foi a banda de Möbius, figura coñecida por ter só unha cara ata o infinito, tamén aplicable nas partituras musicais. O canon cancrizante ou  retrógrado é a repetición do tema canónico ou consecuente interpretado de atrás á diante. O tema canónico e o seu consecuente presentan unha imaxe especular temporal ou simetría par, podéndose obter reflexando a partitura perpendicularmente nun espello. Un exemplo coñecido é a Ofrenda musical de Johann Sebastian Bach que ten este tipo de canon (Quaerendo invenietis) combinando regresión e inversión. Outro exemplo no campo da música é o fenómeno do “millenial whoop”, o grito da Xeración do Milenio. É un grupo de notas musicais que se repiten só que tres tons máis altas na escala e logo volven baixar e así sucesivamente. Isto fai que as melodías se convirtan en moi pegadizas. (escoitar exemplos)
Experimentou tamén con cordas para exemplificar con simetrías e empregou auga con xabón e glicerina para introducir nela figuras xeométricas só con aristas. A película formada pola auga e o xabón íase cara ao centro da figura pola tensión e, logo, podíase soprar no seu interior para intentar que a película recubrira as caras e non se fora cara ao interior.
Varios dos rapaces interviñeron como voluntarios e todos participaron de forma moi activa nesta actividade realmente amena. 
Quedamos con ganas de máis! Oxalá poida voltar para mostrar algún dos experimentos matemáticos que quedaron no caixón por falta de tempo.

1.7.16

Lampadas inspiradas da tecnoloxía e da xeometría

Neste curso os alumnos de 3º de ESO e 4º PDC fixemos en clase de tecnoloxía unhas lámpadas con tetrabriks imitando o modelo do arquitecto malaio Ed Chew, que se inspirou na técnica kusudama. Para facelas aproveitamos o 90% do envase, cortando tiras para facer triángulos e despois formar pentágonos e hexágonos.
Fixemos, aproximadamente, 108 hexágonos e 12 pentágonos, que fomos pegando en forma de esferas, cilindros… ata obter lámpadas con diferentes formas.
Como curiosidade, indicar que agora o arquitecto Ed Chaw quere construír un pavillón de tetrabriks empregando esta mesma técnica.

30.5.16

Xeometría na arte por Pilar García Agra

Este luns 30 de maio, a profesora de matemáticas do IES nº 1 de Ordes e membro da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática "AGAPEMA", Pilar García Agra, impartíu unha conferencia sobre Matemática, xeometría e arte ao alumnado de 3º de ESO. Nela, a matemática analizou aspectos diferentes da Arte. Faloulles do número de Ouro e as súas aplicacións en diferentes aspectos artísticos, a pintura, escultura e arquitectura dende a antigüidade ata hoxe. Explicoulles a sucesión de Fibonacci e como están presentes os elementos xeométricos en tódolos ámbitos do mundo da Arte. 

A PROPORCIÓN ÁUREA

O número de formas distintas de dividir unha figura é, naturalmente, infinito; pero, a sección áurea produce unha impresión de harmonía lineal, de equilibrio na desigualdade, máis agradable que calquera outra combinación. Tal era a opinión de Leonardo da Vinci e da maior parte de artistas e sabios do Renacemento. A sección áurea caeu despois no esquecemento máis de dous séculos e foi o alemán Zeysing quen, arredor de 1850 volveu a descubrila e proclamou: “Para que un todo, dividido en partes desiguais, pareza fermoso dende o punto de vista da forma, debe haber entre a parte menor e a maior a mesma razón que entre a maior e o todo”.
Chama a isto lei das proporcións e declara que se cumpre nas proporcións do corpo humano, das especies animais que se distinguen pola elegancia das súas formas, en certos templos gregos (particularmente o Partenón), en Botánica, e ata na Música.
A división dun segmento AB, por un terceiro punto C situado entre A e B, da lugar a seis razóns posibles e diferentes:
Analizando as proporcións (igualdade entre as razóns) que podemos establecer, sendo a>b,
só é factible a que corresponde a igualdade:
"Dividir unha lonxitude en dúas partes desiguais de tal xeito que a razón entre a menor e a maior, sexa igual á razón entre esta última e a suma dás dúas (a lonxitude inicial )."
Obtense así a proporción que Paccioli chama proporción divina; Kepler que é o primeiro que menciona o seu interese en Botánica e para o cal é “unha xoia preciosa : un dos tesouros da Xeometría”, chámaa tamén sección divina; Leonardo da Vinci dálle o nome de sección áurea, e de aquí a denominación de sección dourada, e a de número de ouro ó valor numérico que agora determinamos. 



Aquí está parte da exposición que fixo Pilar na biblioteca do IES Perdouro:


Recomendounos ver os vídeos de Cristóbal Vila que explican á perfección a relación xeométrica do número de ouro. 


20.5.16

Torneo de Xadrez - entrega de premios

Logo de 3 meses de torneo, xa temos os gañadores.
Na gran final celebrada esta mañá na biblioteca, Julián Moreno Vizoso, alumno de 3º ESO, declarouse vencedor deste torneo de xadrez 2016. Noraboa rapaz!!

Ademais damos a noraboa a Álvaro Fernández Yáñez de 4º ESO como subcampeón, a Sergio Alonso Mon de 1º ESO por conseguir o 3° posto, e a Efren Rouco Valea de 4°ESO por ter o 4º posto. 
Tamén queremos felicitar a todos os e as participantes neste torneo polo bon entusiasmo e bon ambiente que crearon durante estes últimos meses. Grazas por participar. Vémonos o ano que ven para a 3ª edición!

Álvaro Fernández Yáñez VS Julián Moreno Vizoso

Premiados Torneo Xadrez 2106
 Julián Moreno Vizoso, campeón
Álvaro Fernández Yáñez, subcampeón
 Sergio Alonso Mon, 3º posto 
Efren Rouco Valea, 4º posto

18.5.16

A Gran Final do Torneo de Xadrez 2016

Xa temos todo listo para a gran final do venres 20 maio no recreo entre Julián e Álvaro.


Os agasallos para os gañadores xa están empaquetados e vanlles gustar moito!!!

6.5.16

Clase de matemáticas ao aire libre: Cúpulas de Leonardo da Vinci

Non sabedes que son as cúpulas de Leonardo? Pois o alumnado de 2º ESO xa o sabe. Grazas a iniciativa do seu profesor de Matemáticas, Manuel Vilariño, para celebrar o mes das Matemáticas, os alumnos saíron ao patio cunha caixa chea de paos que se enganchan segundo o patrón iniciado por Leonardo da Vinci.
No blog da Ciencia en galego, dinos que numerosas páxinas do Codex Atlanticus (pag 899r y 899v) dan testimonio do intento de Leonardo de elevarse por encima da xeometría plana e acadar o reino da terceira dimensión, pero sempre chocou contra os límites das posibilidades de cálculo da súa época.  
As cúpulas autoportantes son estructuras que se aguantan  unidas e en pe gracias únicamente e exclusivamente ao seu propio peso e á acción da gravedade. Estas cúpulas son, polo tanto, estructuras recíprocas, nas que os elementos que as compoñen están apoiados entre sí. As figuras que se realizan son poligonais e repítense por traslación, podríamos continuar teóricamente indefinidamente a cúpula.

5.5.16

Torneo de Xadrez - cuartos

Xa sabemos quen son os que van a loitar nos cuartos de final do Torneo de Xadrez. 
Julián rivalizará contra Efren e Sergio contra Álvaro. Sorte!!! 
Felicitamos a Gersón, Jacobo, Brais e Pablo por chegar ata aquí. Parabéns!!!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...